Este xoves a Xunta informou da detección dun foco de coronavirus SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos no concello da Baña, o que obrigará ao sacrificio de todos os animais existentes nesta instalación, uns 3.100 exemplares. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural. Estes animais actúan como reservorio natural do virus e existe a posibilidade de que llo contaxien a un ser humano ou que sirvan para o desenvolvemento de novas cepas, en ocasións máis perigosas.
O virus, na forma en que é contaxiable a humanos, foi detectado en varias granxas destes animais en Europa, dende os Países Baixos ata Dinamarca
Nos últimos meses o virus, na forma en que é contaxiable a humanos, foi detectado en varias granxas destes animais en Europa, dende os Países Baixos ata Dinamarca, onde ante o risco de transmisión o Goberno decidiu o peche de todas as granxas e o sacrificio de millóns de animais. No Estado Español houbera tamén un episodio en Teruel, que fixo necesario o sacrificio de cen mil visóns e a clausura de varias granxas.
Adega cualifica de "bomba pandémica" a estas granxas en Galicia e insta a Xunta e Goberno central a "pechar este tipo de instalacións o antes posible", co sacrificio dos animais
Son varias as entidades que alertan do risco que supón a actividade destas granxas en relación a unha posible transmisión do virus ao ser humano. Neste senso, Adega cualifica de "bomba pandémica" a existencia destas granxas en Galicia e insta a Xunta e Goberno central a "pechar este tipo de instalacións o antes posible", co sacrificio dos animais que conteñen.
Anos de denuncias dunha "bomba biolóxica"
Pero máis aló dos novos riscos asociados á Covid-19, estas granxas de visóns (unha especie invasora) supuñan xa unha "bomba biolóxica", cun grave risco para a biodiversidade no caso de fuga dalgún exemplar. Entidades ecoloxistas levan décadas esixindo a fin desta actividade que está na base da industria peleteira, con críticas á permisividade amosada polo Goberno galego. "A Xunta sempre se amosou reacia a controlar e limitar a expansión das granxas de visón. Mesmo seguiu autorizando explotacións (as últimas en 2018 e 2019) cando en Europa estábanse a pechar", lembra Adega.
Máis aló dos novos riscos asociados á Covid-19, estas granxas de visóns supuñan xa unha "bomba biolóxica"
A entidade subliña que a dende o ano 2014 a estratexia de xestión, control e erradicación do visón americano recomenda en España "afortalar as medidas de contención e bioseguridade para as granxas". Porén, a día de hoxe "non son poucas as instalacións galegas que seguen sen actualizar as súas instalacións para incorporar estas medidas".
"A Xunta sempre se amosou reacia a controlar e limitar a expansión gas granxas de visón. Mesmo seguiu autorizando explotacións (as últimas en 2018 e 2019) cando en Europa estaban a pechar", lembra Adega
O visón americano é un predador que se pode reproducir en liberdade en Galicia, ocupa distintos hábitats e compite polos recursos con carnívoros autóctonos como a marta, a xeneta, a denociña ou a lontra. A permisividade co visón americano mesmo pon en risco algunhas especies autóctonas en perigo de extinción, como a auganeira (Galemys pyneraicus) ou o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). E o propio visón europeo, habitual en todo o continente até o século XIX, e hoxe en crítico risco de extinción, atopándose apenas algúns individuos en Rusia, Rumanía, Ucraína e España.
No ano 2014 Adega alertou da chegada a Galicia de novas granxas de visóns, cunha maior permisividade da que contaban estas empresas noutros países de Europa. ADEGA subliñaba que Galicia "non pode ser o vertedoiro biolóxico de Europa e o paraíso da impunidade ambiental para empresas sen escrúpulos".
25 granxas en Galicia, con medio millón de animais
Galicia conta co 80% das granxas de toda España, sobre todo en concellos da provincia da Coruña: Abegondo, Carral ou A Baña
Galicia é o territorio do Estado cun maior número de granxas de visón americano. Hai 25 instalacións (dun total de 37 en toda España), que acumulan centos de miles de exemplares, calcúlase que máis de medio millón de animais. Abegondo conta con seis destas granxas, Carral con catro, A Baña con tres, Santiago de Compostela con dúas e Brión, Curtis, Negreira, Rois, Sobrado, Oza-Cesuras, Palas de Rei, Agolada, Lalín, Oia e Vilaboa acollen unha, segundo os datos de Adega. O seu número, iso si, veu descendendo nos últimos anos (en 1989 había 320 granxas en Galicia).
Adega denuncia que "en plena pandemia de COVID-19, a Xunta malia a ter competencias plenas en gandería, volve descargar no Estado a responsabilidade de tomar medidas nas granxas contra o coronavirus"
Adega denuncia que "en plena pandemia de COVID-19, a Xunta malia a ter competencias plenas en gandería, volve descargar no Estado a responsabilidade de tomar medidas nas granxas contra o coronavirus". E destaca que dende o pasado mes de setembro aplica un programa de prevención de COVID-19 nas granxas que "só prescribe análises (control pasivo) se hai visóns con síntomas compatíbeis co COVID-19, ou algún dos operarios tivo un diagnóstico positivo". Ata o mes de novembro, das 25 granxas de visón galegas só se fixeran controis en 4 (todos negativos), "malia que dende xullo os casos de COVID-19 en visóns disparáronse por toda Europa", sinala a asociación.
En decembro Adega e WWF instaron publicamente a Xunta a decretar o "peche definitivo" das granxas de visón americano en Galicia, seguindo o exemplo dos Países Baixos ou Dinamarca. Agora, de novo, Adega reclama que a Xunta "exerza as súas competencias en medio ambiente e sanidade animal" decidindo o "peche cautelar" destas instalacións. De igual xeito, demándalle ao Goberno central que clausure as granxas de visón.