Galicia concentra o 80% das granxas de visón americano de España e ADEGA alerta da multiplicación nos últimos meses das solicitudes de apertura de novas instalacións pelexeiras no país. Sobrado, Agolada, A Estrada, Oza dos Ríos, Oia ou Forcarei son algúns dos lugares nos que distintas empresas están buscando espazo para esta industria, que nalgúns casos tamén quere ocupar espazos da Rede Natura. España e especialmente Galicia, polo clima e a permisividade da administración, convertéronse nos últimos meses en obxectivo de multinacionais como Grislee International Furs, Celtic Mink ou Saga Furs, ante a decisión de varios países do continente (Holanda, Reino Unido, Alemaña, Suíza, Austria ou Croacia) de prohibir este tipo de instalacións.
España e especialmente Galicia, polo clima e a permisividade da administración, convertéronse nos últimos meses en obxectivo de multinacionais peleteiras
Ademais da crueldade e o maltrato que os animais sofren neste tipo de granxas, preocupa tamén a posibilidade de fugas dalgún destes visóns americanos, polos graves prexuízos que poderían provocar no entorno, sobre todo a outras especies animais. O visón americano é un predador que xa se reproduce en liberdade en Galicia, ocupa distintos hábitats e compite polos recursos con carnívoros autóctonos como a marta, a xeneta, a denociña ou a lontra. A permisividade co visón americano mesmo pon en risco algunhas especies autóctonas en perigo de extinción, como a auganeira (Galemys pyneraicus) ou o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). E o propio visón europeo, habitual en todo o continente até o século XIX, e hoxe en crítico risco de extinción, atopándose apenas algúns individuos en Rusia, Rumanía, Ucraína e España.
ADEGA critica a política seguida polo Partido Popular ante esta e outras especies invasoras. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de Arias Cañete modificou o catálogo español de especies invasoras para amnistiar a troita arco iris, ou o cangrexo americano, e permitir o seu aproveitamento comercial. De igual xeito, no caso do visón americano e debido ás presións da industria pelexeira, autorizouse a súa cría "nos territorios onde non compita co visón europeo", todo segundo a organización ecoloxista, "movido por intereses comerciais e presións empresariais". "O Catálogo de Especies Invasoras debería estar baseado en criterios científicos e non en intereses económicos, como pretende o PP", denuncia ADEGA.
"O Catálogo de Especies Invasoras debería estar baseado en criterios científicos e non en intereses económicos, como pretende o PP", denuncia ADEGA
A asociación demándalle á Xunta que, como aconteceu en moitos países de Europa, non autorice máis granxas de visón en Galicia: "Alén de seren lugares de sufrimento e innecesaria crueldade cos animais para uso exclusivo da industria do luxo, moitas destas granxas son pouco máis que galpóns cun peche de bloques ou arame. As lamentábeis condicións de vida (e morte) dos visóns nestas granxas, a ameaza que supoñen para a biodiversidade e os custos que ocasiona a erradicación dos animais silvestres, xustifican sobradamente unha inmediata moratoria para novas solicitudes ou ampliación".