Detectado o coronavirus nunha granxa de visóns da Baña con 3.100 exemplares que serán sacrificados

En Galicia están a maioría das granxas de visóns de todo o Estado © Igualdad Animal

A Xunta vén analizando periodicamente mostras deses animais, dos que en toda Galicia hai 25 granxas con 69.000 femias reprodutoras, a maioría das existentes no Estado

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar este xoves ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a existencia dun foco de coronavirus SARS-CoV-2, o que provoca a enfermidade COVID-19 en humanos, nunha graxa de visóns americanos no concello coruñés da Baña. O foco sería o segundo detectado en todo o Estado e os 3.100 animais da explotación (2.500 femias e 600 machos) serán sacrificados.

Visóns nunha imaxe da asociación ecoloxista Adega © Adega

Segundo a Xunta, na actualidade hai en Galicia 25 granxas activas de visóns cun censo de 69.186 femias reprodutoras, a gran maioría das existentes en todo o Estado. Tras a detección do coronavirus en granxas similares dos Países Baixos establecéronse medidas de control, con análises periódicos que agora veñen de detectar a presenza do virus neste establecemento, o segundo do Estado no que se rexistra tras outro de Teruel o pasado xuño. O foco tamén será comunicado á Organización Mundial da Saúde (OMS).

Hai un mes a Xunta informou no Parlamento de que as granxas de visóns están a ser controladas periodicamente e que esixe probas PCR ao seu persoal

Medio Rural informa de que a explotación na que se detectou o virus na Baña “permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos servizos veterinarios oficiais” da consellería e que a detección do foco produciuse no marco dos controis de vixilancia que se realizan ao abeiro do programa de prevención elaborado polos ministerios de Agricultura e Sanidade. Unha vixilancia sobre a que hai un mes a propia Xunta informou de que supón controis periódicos e que a maiores o Goberno galego estaba a esixir probas PCR ás persoas que traballan nas granxas.

Ficha da Consellería de Medio Ambiente do visón americano como especie exótica invasora CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Nos vindeiros días, en aplicación da normativa legal vixente e co fin último de preservar a saúde pública, levarase a cabo o sacrificio de todos os animais da explotación” así como “as medidas de desinfección e control do brote”, di a Xunta. 

As granxas de visóns galegas xa estaban hai anos no albo de colectivos ecoloxistas e os visóns americanos supoñen un problema en espazos naturais galegos como especie invasora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.