Unha vaga acelerada na que os récords duran apenas vinte e catro horas e os limiares que hai meses tardaban semanas en cruzarse quedan antigos nuns poucos días. O Servizo Galego de Saúde incorpora este 21 de xaneiro aos seus rexistros 1.727 novos casos do coronavirus, os confirmados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. 1.354 deles son diagnósticos mediante PCR.
Os 1.727 casos novos rexistrados polo Sergas supoñen un novo máximo en vinte e catro horas e a novena xornada consecutiva por riba do milleiro
Esta cifra supón outro máximo de novos casos en vinte e catro horas, rachando o teito ao que chegaran os 1.372 da xornada previa, e implica que son xa nove as xornadas por riba do milleiro. En termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59) o escenario é moi semellante: sete dos oito últimos días con datos pechados con máis de mil casos novos, tres deles por riba dos 1.300. A cifra media diaria de diagnósticos por PCR a sete días chega tamén ata cotas inéditas e continúa por riba do milleiro.
Este altísimo volume de casos detectados sobrecarga o sistema sanitario case integramente. Non só nos hospitais, senón tamén na Atención Primaria, toda vez que o número de casos considerados positivos activos, supervisados dende os centros de saúde e os servizos de rastrexo, tamén continúan marcando máximos. Este 21 de xaneiro, Galicia supera por primeira vez os 16.000 casos activos; son, concretamente, 16.031, un incremento de máis de mil por primeira vez en toda a pandemia.
Este gran número de novos casos seguen a derivar das semanas das festas do Nadal, Aninovo e Reis e afloran nun contexto no que o alto número de probas PCR procesadas é tamén inédito. Entre as seis da tarde do martes e as do mércores foron procesadas 12.679, máis de doce mil en vinte e catro horas por primeira vez, e o pasado martes pasa a ser, con 10.682, o día natural con máis PCR procesadas de toda a pandemia. A media diaria de probas PCR a unha semana vista segue deste xeito marcando máximos, con máis de 9.700 destes test ao día.
O Sergas procesa por primeira vez máis de 12.000 PCR en vinte e catro horas e a taxa de positividade é o único indicador que reflicte estabilidade ao seguir na contorna do 10%
Destas probas PCR chega, tamén, o que polo momento segue tendo o único e moi tenue sinal de relativo acougo. Malia á gran cantidade de probas procesadas, as taxas de positividade (porcentaxe que dan positivo por COVID-19) segue estable na contorna do 10%. A positividade media dos últimos sete días sitúase un chisco por baixo do 10,7% e leva xa 5 días arredor do 10%, o que por outra banda segue sendo o dobre do sinalado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun territorio.
Estes sinais de certa estabilidade no indicador global de Galicia lógranse malia ás malas taxas dalgunhas áreas sanitarias. Seguen sendo especialmente preocupantes as positividades medias de Ferrol (arredor do 16%) e da Coruña-Cee (case o 15%).
Máis mortes e hospitalizacións ao ritmo de marzo
Como xa sucedera nas anteriores vagas, aínda que agora con cifras moito máis elevadas de positivos detectados -tanto polo incremento dos contaxios como pola maior cantidade de test-, as explosións de novos casos tardan unhas dúas semanas en reflectirse nos datos de falecementos e de hospitalización, pero acaban por facelo.
Galicia volve rexistrar unha media superior ás 10 mortes diarias e os 879 ingresos simultáneos de persoas coa COVID son unha cifra equiparable á de finais de marzo de 2020
A media diaria a 7 días de mortes de persoas que contraeran a COVID-19 (con independencia da súa data de notificación) duplicouse amplamente dende os primeiros días do ano, pasando de algo menos de 5 falecementos rexistrados ao día a máis de 11 [a serie completa de datos, nesta ligazón]. Na última xornada, o Sergas notificou ata 16 mortes, seis delas das últimas vinte e catro horas, que elevan o total de falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia aos 1.560.
O reflexo dos contaxios de finais de decembro e comezos de xaneiro comeza a percibirse nas cifras de falecementos e é máis que evidente nas de hospitalización. Sanidade rexistra nos seus datos deste 21 de xaneiro (pechados ás seis da tarde do día previo) un total de 879 ingresos de persoas infectadas do coronavirus. Son 51 máis que un día antes e 334 máis que o mesmo día da semana anterior, un ritmo de crecemento equiparable ao que se rexistraba a finais de marzo de 2020, como amosa o gráfico baixo estas liñas.
O total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus deixou esta semana definitivamente atrás o pico da segunda vaga e a situación é xa, agora si, equiparable á de finais de marzo ou comezos de abril, nos días álxidos da primeira vaga, cando a Xunta optara por comezar a montar hospitais de campaña na Coruña e Santiago -que non chegaran a utilizarse-, opción que agora, cando menos polo momento, di non contemplar. [A ocupación dos hospitais galegos achegase á da primeira vaga da pandemia con varias semanas de empeoramento por diante]
Incidencia a 14 días por riba de 500 e xa menos de 30 concellos sen casos novos
Máis dun terzo dos concellos superan os 500 casos novos por cen mil habitantes nas últimas dúas semanas
Estas moi elevadas cifras de casos novos seguen levando a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada cen mil habitantes) ata cotas que ata agora eran igualmente inéditas e que Galicia, ao contrario que outros territorios do Estado, nin chegara a rozar nas vagas anteriores da pandemia. O indicador para o conxunto do país supera xa amplamente os 500 casos novos por cen mil habitantes nas últimas dúas semanas e uns 130 concellos están notablemente por riba dos 500.
Coo amosa o mapa baixo estas liñas, as maiores incidencias acumuladas seguen en comarcas como A Mariña e Ortegal, a área da Limia e Verín, o Baixo Miño ou diversos concellos da provincia da Coruña. Mostra do empeoramento xeral é tamén que os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas son xa apenas 26. En decembro, antes das festas, chegaran a ser máis de 80.
Por cidades, só unha segue conservando niveis afastados da máxima alerta, Lugo, que ademais continúa combinando días de ascensos da incidencia a 14 días con outros de relativa estabilidade e logra, aínda, estar por baixo dos 200 casos. Pola banda superior, a cidade de Ourense xa supera con claridade os 600 casos novos por cen mil habitantes en dúas semanas e tamén o fan, tras ela, as cidades de Santiago e A Coruña.