- DOCUMENTO | As novas restricións, xa publicadas no DOG
Os inéditos rexistros de casos positivos da COVID-19 en Galicia tras as festas do Nadal, Aninovo e Reis veñen de levar a Xunta a crear o que, na práctica, é un nivel reforzado de restricións, por riba do máximo. E tamén a endurecer as medidas que atinxen de maneira xeral ao conxunto do país para tentar conter a transmisión, neste caso para o deporte, coa suspensión de todas as competicións de ámbito autonómico e fortes restricións aos seus adestramentos.
O que, na práctica, é un novo nivel reforzado de restricións pola COVID-19 inclúe o peche de ximnasios e bibliotecas e a suspensión de "calquera actividade cultural ou social"
Dende o xoves, día 21 de xaneiro, 55 novos concellos entran no nivel máximo de restricións, como xa anunciara o propio Goberno galego a últimas horas do luns. Pero, ademais, a tres deles seranlles impostas medidas adicionais por atravesar o que vén ser un novo limiar: roldar os mil casos por cada 100.000 habitantes -sen contar gromos en residencias- en concellos de máis de 10.000 habitantes.
Esta, sinalou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, é a situación na que se atopan Arteixo, Viveiro e Xinzo de Limia. Neles, a hostalería deixará de ter permitido servir nas terrazas e terá que pechar "por completo". Ademais, fican suspendidas o que o Goberno galego considera actividades "non esenciais" e as reunións só poderán ser entre persoas conviventes. Á espera da súa concreción definitiva no Diario Oficial de Galicia, Sanidade avanza que esas actividades suspendidas nos concellos en nivel máximo e con medida adicionais son "ximnasios, calquera establecemento de xogo, calquera actividade cultural ou social, todos os espectáculos públicos e as bibliotecas".
Mantén Comesaña que a imposición de medidas máis estritas -que non desbota para outros municipios se chegan a esa mesma situación- nestes tres concellos vén derivada polo incremento de casos detectados de xeito "explosivo" neles. Son "valores excepcionalmente altos" en concellos con "moita posibilidade de interacción" polo seu número de habitantes, xustifica. [Epidemiólogos cren necesario un confinamento para evitar a saturación dos hospitais e garantir o éxito da vacinación]
Suspensión do deporte federado autonómico
Só o deporte federado de ámbito estatal seguirá equiparado á actividade laboral a efectos das restricións da Xunta polo coronavirus
Alén das medidas sectoriais e por concellos, o Goberno galego confirmaba este martes que as novas ordes de restricións atinxirán tamén de cheo á práctica deportiva, coa suspensión de todas as competicións de ámbito autonómico en toda Galicia. Ademais, avanza Comesaña, "os deportistas federados terán exactamente as mesmas restricións" que os non federados para adestrar: os adestramentos pasan a ser individuais ou "como máximo, en grupos de catro persoas", os seus horarios non poderán ir alén do toque de recollida das dez da noite e non será posible atravesar un peche perimetral para acudir a eles.
Deste xeito, só o deporte federado de ámbito estatal queda equiparado á actividade laboral "tanto en competición como en adestramento". Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, en 2019 (último ano dispoñible), había activas en Galicia 282.369 licenzas federativas dalgún deporte, algo máis de 216.000 de homes e as restantes 65.000, de mulleres. Case 100.000 corresponden ao fútbol. A prohibición chega cando diversas competicións de base que foran adiadas por mor da pandemia estaban a piques de comezar.
Ligadas ao ámbito deportivo estarán tamén novas medidas específicas para os ximnasios. Á espera da redacción definitiva no DOG, o conselleiro sinala que a intención é "diminuír a interacción" nos vestiarios, polo que contemplan restricións á súa capacidade e mesmo ao seu uso.
Partidario do toque de recollida máis temperán se o Estado o permite
Comesaña, sobre o posible adianto do toque de queda: "Se estivese dispoñible, non descartariamos utilizar outro horario"
Ao contrario que noutras ocasións, o conselleiro de Sanidade non desbota que estas restricións teñan que ser endurecidas nas vindeiras semanas, dada a "velocidade no incremento diario de casos" e o incremento da presión hospitalaria. Neste sentido, preguntado pola posibilidade de que, no seo do Consello Interterritorial de Saúde, o Goberno de España acceda a modificar o vixente Estado de Alarma para poder adiantar o toque de recollida -diversas comunidades autónomas piden poder aplicalo dende as oito da tarde-, Comesaña admite que a Xunta ve con bos ollos esa posibilidade.
O Goberno galego, di o titular de Sanidade, é partidario de que as comunidades autónomas poian "ter ferramentas" para "poder poñer medidas" adicionais se os contaxios detectados aumentan. Así, igual que decidiu adiantar o toque de queda das once ás dez da noite, "se estivese dispoñible, non descartariamos utilizar outro horario". Cando foi aprobado polo Estado, o presidente da Xunta considerou "demoledor para a confianza da economía e para a reputación internacional de España" falar "dun estado de alarma ata maio" e "falar dun mal chamado toque de queda".