Os peches perimetrais para evitar contaxios do coronavirus que, por decisión da Xunta, rexen en 53 concellos dende as cero horas do 30 de decembro, poderán ser traspasados alegando motivos familiares para celebrar a Noitevella e o Aninovo. A Consellería de Sanidade ratifica que aplica a mesma flexibilización das medidas que por Noiteboa e Nadal aínda que, como daquela, o conselleiro Julio García Comesaña pide non acollerse a ela e limitarse a celebrar reunións "exclusivamente de conviventes".
A excepción aos peches perimetrais para acudir a encontros familiares rexe dende as cero horas do día 30 ata as 11 da noite do 1 de xaneiro
Malia a esa petición, o certo é que dende as cero horas do día 30 e ata as once da noite da primeira xornada do ano, o Goberno galego permite saltar os peches e, como en Noiteboa, o toque de recollida na noite do 31 ao 1 esténdese á unha e media de madrugada. A intención desta extensión, di Comesaña, é facilitar o retorno ao fogar das persoas que celebren a fin do ano fóra da casa. Neste sentido, reclama "non facer trampas ao solitario" e non quedar en municipios pechados máis alá desta "ventá" permitida.
Alén da ratificación do novo mapa de restricións e das excepcións polo Aninovo, Comesaña confirmou tamén que o DOG extraordinario que será publicado este mesmo martes, 29 de decembro, traerá consigo tamén un axuste nos horarios da hostalería nos concellos onde as restricións de nivel alto e máximo implican que estes locais pechen ás cinco da tarde. De agora en diante, poderán facelo ás 18h.
A hostalería non poderá abrir o día de Aninovo ata as 11 da mañá e, de agora en diante, nos concellos onde estes locais tiñan que pechar ás cinco da tarde poderán facelo ás seis
Ademais, e especificamente para o 1 de xaneiro, día de Aninovo, o titular de Sanidade avanza que a Xunta prohibirá que os locais de hostalería abran antes das 11 da mañá. Trátase dunha limitación concibida especialmente para as cafetarías, admite cara a unha xornada na que é haibtual rematar a noite festiva acudindo a estes locais, que adoitan ofrecer o tradicional chocolate con churros. [Lugo queda libre do peche perimetral pero Verín, Viveiro ou Noia pasan ao nivel máximo de restricións pola COVID]
As recomendacións para ceas e xantares, sen cambios
Á espera de que a publicación no DOG poida traer consigo algún matiz diferente, do exposto polo conselleiro despréndese que, como no caso dos desprazamentos, tamén as recomendacións para as ceas e xantares son as mesmas que as de Noiteboa e Nadal. Poden resumirse deste xeito:
- Celebracións de Nadal dunha "única unidade familiar de conviventes" ou "se é preciso incorporar algunha persoa adicional, non exceder dúas unidades familiares". No caso de xuntar dúas unidades familiares, un máximo de 10 persoas, segundo o fixado no plan estatal.
- "Se se supera" o límite de dúas unidades familiares, un máximo de 6 persoas sen contar nenas e nenos de 10 ou menos anos de idade, que non poden ser máis de catro, indica a Consellería. Esta, di Sanidade, sería a "terceira opción" e está concibida, por exemplo, para poder incorporar ás reunións a "persoas maiores que vivan soas".
- Encontros "preferentemente ao aire libre", "manter as xanelas abertas" e "tempo limitado".
- Xuntarse en torno a "unha mesa grande, que permita distancia interpersoal de 1,5 metros".
- Uso da máscara "sempre que sexa posible, agás para comer e beber".
- "Unha única persoa" encargada de poñer a mesa.
- "Absterse de saudar" con contacto físico.
- "Non compartir bebidas e alimentos".
- Se unha persoa se ergue da mesa, desinfección mediante lavado de mans antes de volver.
- "Reunións estables", sen variar as persoas que se xuntan en cada unha das datas festivas.
"Que o obxectivo sexa celebrar a vida o ano que vén"
O Sergas ten en estudo dous positivos para confirmar se os pacientes contraeron a variante da COVID-19 detectada no Reino Unido
Nunha comparecencia na que Sanidade confirmou tamén que o Sergas ten "en estudo" dous positivos do coronavirus detectados nas últimos días co obxectivo de confirmar se os pacientes, chegados de fóra, contraeron a variante da COVID-19 detectada no Reino Unido [GCiencia explica neste artigo as características desta variante], o comité clínico volveu apelar á prudencia nas festas por boca dun dos seus membros. O "obxectivo" destes encontros de Noitevella e Aninovo debe ser poder "celebrar a vida o ano que vén", di o doutor Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do Hospital Lucus Augusti.
Na noite do 31 de decembro cómpre aínda "máis prudencia", coida o doutor Vázquez, xa que "na fin de ano hai máis espírito festivo e de reunión de non conviventes" que polo Nadal. Nesta liña, insta a cidadanía a situar como prioridade "salvar a vida dos nosos seres queridos". Nun sentido semellante, o xerente do Sergas, Alberto Fuentes, matiza que cómpre manexar con "extrema prudencia" todos os datos de evolución da pandemia nestes días xa que, evidencia, aínda non reflicten o impacto das celebracións do Nadal.