Menos de dez meses despois da confirmación do primeiro caso positivo da COVID-19 en Galicia, profesionais do Sergas subministraron este domingo as primeiras doses da primeira vacina aprobada na UE contra doenza, a Comirnaty, desenvolvida por Pfizer e BioNTech. Nieves Cabo, compostelá de 82 anos residente no centro sociocomunitario Porta do Camiño de Santiago, foi a primeira persoa en vacinarse no país no inicio dunha campaña para a que Sanidade contou esta xornada con 500 doses.
Galicia iniciou este domingo a vacinación contra a COVID, menos de dez meses despois de confirmarse o primeiro caso positivo
Ás 11 da mañá recibiu Nieves esa primeira vacina contra o coronavirus. Pouco despois, un traballador da cociña, José Antonio Arcay, engadíase á listaxe que se inaugura cuns 150 residentes e traballadores que recibiron xa esas primeira doses na mesma residencia --precísanse dúas administracións da vacina por cada persoa--, ademais do equipo de vacinación, e que prevé poñer a primeira pedra da fin da pandemia que marcou este 2020 que agora remata.
Nieves Cao, de 82 anos, foi a primeira vacinada en Galicia, dúas horas despois de Araceli Hidalgo, primeira no Estado: "É unha marabilla, estou coma nova"
Xa este luns, outras 18.000 doses da vacina chegarán a Galicia para seren administradas desde o martes entre milleiros de residentes en centros de maiores no inicio dunha campaña que comezou este domingo en España, unhas horas antes de que Nieves fose vacinada en Compostela sen complicación ningunha tras media hora en observación e coa satisfacción de dar por empezada a campaña de vacinación.
A previsión é que as doses cheguen desde o martes a máis de 1.000 persoas cada día para "tratar de vacinar todos os residentes e traballadores de residencias" a finais de xaneiro, data na que tamén se prevé que os sanitarios en primeira liña contra a pandemia queden inmunizados, segundo asegurou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
"Se todo segue segundo o previsto, cremos que si. Hai que compaxinar o ritmo da vacinación coa reserva da segunda dose a todos os que se vacinan agora, pero creo que si será posible", engadiu Comesaña, que prevé que 18.000 persoas reciban xa unha primeira dose antes do 4 de xaneiro en Galicia.
A Xunta prevé ter vacinado todo o persoal e usuarios de residencias e mais os sanitarios en primeira liña contra a pandemia a finais de xaneiro
"Estou moi alegre, moi contenta por ser a primeira", asegurou Nieves Cabo logo de ser vacinada, tras asegurar que se atopaba "ben". "É unha marabilla, estou coma nova", engadiu quen advertiu que xa hai días que desexara "ser a primeira" porque non tiña "medo ningún". "Non a sentín, non me doe nada", rematou tras animar "a todos" a que poñan tamén a vacina para poder gañar ao coronavirus, ao que se refiriu como "becho". "Matou moita xente, deus queira que non mate máis", dixo.
Na residencia Los Olmos de Guadalajara, Araceli Rosario Hidalgo, de 96 anos, foi a primeira persoa en vacinarse no Estado sobre as 9 da mañá; despois, Mónica Tapias, auxiliar de enfermaría, traballadora do mesmo centro. As dúas, as protagonistas dunha campaña de vacinación cuxa fase inicial pretende cubrir uns 2,3 millóns de persoas en España nas vindeiras 12 semanas. O seguinte obxectivo fixado polo Ministerio de Sanidade é maio, mes no que se agarda que 10 millóns de cidadáns estean xa vacinados.
Desde este luns, e cada semana, entregaranse unha media de 350.000 doses ás comunidades autónomas --18.000 aproximadamente a Galicia en cada tanda-- ata superar os 4,5 millóns para esta primeira fase coa que se busca inmunizar unhas 2.3 millóns persoas. A prioridade serán residentes e persoal sanitario e sociosanitario en residencias de persoas maiores e con discapacidade, persoal sanitario e grandes dependentes.
En Guadalajara, Araceli e Mónica foron as primeiras en iniciar en España este esperanzador proceso e declaráronse "orgullosas", ademais de coincidir en facer un chamamento á cidadanía. "Animo á poboación a que se vacine porque é moi importante, é a única maneira de superar isto", dixo a auxiliar, que lembrou a aqueles que "non chegaron a tempo". "Hai que parar o virus e por iso o fixen", engadía Araceli sobre a vacinación, que deberán repetir cunha segunda dose en tres semanas. No mesmo centro público onde non hai ningún caso positivo de coronavirus a tal hora, pero onde 13 persoas faleceron na primeira onda.
En Galicia non faltaron os vídeos da Delegación do Goberno amosando o paso da furgoneta de reparto cargada coas vacinas pasando a fronteira cara a Galicia pouco despois das 7 da mañá tras a súa viaxe custodiada desde Guadalajara, ou a entrega das doses ao Sergas, sobre as 10. Tampouco a comparecencia do conselleiro de Sanidade e da conselleira de Política Social, Fabiola García, ás portas da residencia compostelá onde se iniciou a vacinación, xunto a Nieves, a primeira persoa vacinada.
"Saíu todo como estaba previsto, todo ben e sen incidencia", destacou o conselleiro. Antes, o Colexio Profesional de Xornalistas lamentou que "na primeira vacinación en Galicia non se atopase outra alternativa que non permitir o acceso aos medios" á residencia onde tivo lugar e reclamou á Consellería de Sanidade e á de Política Social "protocolos que garantan a cobertura informativa con seguridade en residencias e centros sanitarios".