Unha situación "estable" e mesmo "máis ou menos boa". É como define a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, a evolución da pandemia da COVID-19 en Galicia na última semana. Con ese diagnóstico de estabilidade concordan tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ou o xerente do Sergas, Alberto Fuentes. Pero todos eles admitiron este martes, en rolda de prensa para presentar o novo mapa de restricións e o plan para Noitevella e Aninovo, que cómpre abordar todas estas cifras con cautela porque aínda, evidencian, non reflicten os contaxios que puidesen producirse nos encontros do Nadal.
O Sergas suma 314 novos casos e tamén dez falecementos dos últimos días, que elevan o total de mortes ligadas á pandemia ata as 1.380
O Sergas suma este 29 de decembro 314 novos casos do coronavirus, o que combinado coas cifras de xornadas anteriores devolve a media diaria a sete días á contorna dos 300 diagnósticos mediante PCR por xornada. Sucede no día en que Galicia supera as 55.000 persoas oficialmente consideradas como recuperadas tras padecer a doenza.
Este 29 de decembro entran tamén no cómputo oficial un total de 10 falecementos que elevan o total ata os 1.380. Dúas destas mortes son das vinte e catro horas previas e as 8 restantes producíronse en varias xornadas na contorna da pasada fin de semana. Dúas destas persoas -un home de 84 anos e unha muller de 73, ambos ingresados no hospital de Cee- procedían da residencia DomusVi de Vimianzo, afectada por un forte brote que xa suma 38 positivos activos entre residentes e 9, entre o seu persoal.
Lixeira tendencia ascendente da incidencia a 14 días
Tamén a incidencia acumulada (novos casos por cada 100.000 habitantes) a 14 días transita por un certo estancamento, aínda que cunha lixeira tendencia ascendente que a mantén por riba dos 180 positivos [consulta aquí os datos para o conxunto de Galicia e aquí, por áreas sanitarias]. Así e todo, a situación continúa sendo xeograficamente dispar.
Como amosa o mapa baixo estas liñas, as incidencias máis elevadas seguen na Costa da Morte e a súa contorna, na área de Verín, en concellos occidentais da Mariña ou no Eume, entre outros puntos. Na banda contraria sitúanse os 86 concellos que non rexistran casos novos nos últimos 14 días [Lugo queda libre do peche perimetral pero Verín, Viveiro ou Noia pasan ao nivel máximo de restricións pola COVID]
Por cidades, a menor incidencia é a de Lugo, que dende este 30 de decembro sae do peche perimetral que alí rexía dende finais de outubro ao consolidarse a senda descendente da súa incidencia a 14 días, xa por baixo de 90, e manterse "moi estable" na incidencia a 7 días, dato que non é público pero que a Xunta menciona en ocasións. Agora, segundo o Sergas, sitúase na capital lucense en 44.
Mentres, como amosa o gráfico sobre estas liñas, a tendencia xeral das cidades é de estabilidade ou lixeiros descensos. Tamén semellan acougar as cifras da cidade coa maior incidencia acumulada, Santiago, que aínda así segue por riba de 200.
Menos probas e positividade por riba do 5%
Todos estes indicadores rexístranse nun contexto no que o Sergas está a procesar menos probas PCR que a semana anterior, cando nunha soa xornada chegara a realizar case 11.000, chegando a un novo récord diario dende o inicio da pandemia. Nas últimas vinte e catro horas computadas -das seis da tarde do domingo á mesma hora do luns- foron unhas 3.800.
A positividade media a 7 días supera o 5% para o conxunto de Galicia por primeira vez dende principios de decembro
Esta diminución no número de PCR (as grandes cifras da pasada semana están vinculadas á realización de cribados masivos e tamén ás probas a colectivos como os 4.000 estudantes que responderon ao convite de facela antes do Nadal) contribúe tamén a incrementar a taxa de positividade, isto é, a porcentaxe de PCR que dan positivo. Este valor, nunha media diaria a sete días, supera o 5% para o conxunto de Galicia por primeira vez dende principios de decembro. No entanto, o Sergas matiza que, contando os test de antíxeno (estes datos non son públicos), Galicia continúa por baixo desde limiar do 5% que a OMS sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio.
Sanidade admite preocupación polas UCI
O estancamento xeral dos principais indicadores atinxe tamén ás cifras de hospitalización, que seguen alternando lixeiras subas e baixadas sen chegar, en ningún caso polo momento, a descender das 300 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19.
O total de persoas hospitalizadas ligadas formalmente á pandemia sitúase agora en 347 (-6) e delas, 56 están na UCI (-2) e 291, en unidades de hospitalización ordinaria (+2). Neste sentido, o Sergas admite preocupación pola evolución dos ingresos en coidados intensivos nas áreas de Pontevedra-O Salnés e da Coruña-Cee. Neste sentido, o xerente do Sergas tamén admite a necesidade de valorar as cifras de hospitalización con "extrema prudencia" ata despois das festas para poder observar con precisión o impacto destes encontros nos contaxios.