A aplicación PassCovid, lanzada pola Xunta o pasado mes de outubro, ten xa unha nova versión, que mellora e fai máis doado o seu funcionamento e, ademais, incorpora varias das funcionalidades que foran anunciadas na súa presentación.
Calquera persoa pode tamén realizar unha autodeclaración de contactos no caso de que mantivese contacto cunha persoa que foi diagnosticada como positivo de Covid-19
En primeiro lugar, a app simplifica o acceso, eliminando a necesidade de elixir entre usuario anónimo e autenticado. Porén, a mellora máis importante ten que ver coa activación da autodeclaración de contactos para que as persoas que estiveron en contacto cun positivo poidan trasladar esta información desde o móbil ao Centro de Seguimento de Contactos. Así mesmo, a app incorpora o rexistro de establecementos con código QR, que permitirá recibir alertas en caso de concentración de contaxios nese lugar
A aplicación ofrece a todas as persoas que a descarguen información actualizada da situación da pandemia e das restricións vixentes en cada concello, así como avisos das autoridades, novidades e, as recomendacións actualizadas.
A app simplifica o acceso, eliminando a necesidade de elixir entre usuario anónimo e autenticado
Pero, ademais, se o usuario ou usuaria se identifica co Chave 365 terá acceso a información personalizada. Por exemplo, no caso de recibir un diagnóstico de Covid-19, recibirá un aviso e poderá consultar a súa situación no apartado “Estado Covid”, recibir recomendacións personalizadas e trasladar contactos estreitos ao Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, no caso de ser diagnosticado ou diagnosticada e ter instalada tamén a aplicación Radar Covid, poderá consultar desde PassCovid o código que hai que introducir en Radar Covid.
Ademais, agora calquera persoa poderá tamén realizar unha autodeclaración de contactos no caso de que mantivese contacto cunha persoa que foi diagnosticada como positivo de Covid-19
A partir de agora tamén permite ao usuario ou usuaria rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos de hostalaría ou comerciais nos que estivo
A segunda novidade da aplicación é que a partir de agora tamén permite ao usuario ou usuaria rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos de hostalaría ou comerciais nos que estivo. Esta acción facilita a xestión temperá de posibles contactos e permite á autoridade sanitaria enviar un aviso á PassCOVID en caso de determinar que nun establecemento se concentrou un número de contaxios relevante nunha data ou datas concretas. Se a persoa usuaria da app estivo nese local e o rexistrou debidamente, recibirá un aviso da situación e as instrucións adecuadas.
Desde finais de outubro máis de 58.000 persoas descargaron PassCovid, unha app que ofrece información sobre a situación da pandemia nun determinado concello, as restricións vixentes e que tamén posibilita acceder á plataforma de asistencia domiciliaria e ao formulario de rexistro de estancia de viaxeiros en Galicia.