A Xunta lanza, só para dispositivos Apple, a app PassCovid que axuda ao rastrexo do coronavirus

Cada persoa poderá rexistrar na aplicación PassCovid os establecementos de hostalaría nos que estivo a través dun código QR Dominio Público

Dende este sábado pódese descargar nos dispositivos de Apple a aplicación PassCovid, lanzada pola Xunta como complemento da app estatal RadarCOVID, cuxa integración rematou a Xunta de Galicia o pasado 15 de setembro. A aplicación ofrece información sobre a situación da pandemia e as medidas vixentes en cada concello. Ademais, a través da app unha persoa pode informar os rastrexadores sobre os seus contactos estreitos e, igualmente, rexistrar aqueles establecementos de hostalaría nos que estivo. A descarga para dispositivos Android aínda non está dispoñible.

As persoas que se rexistren a través de Chave365 recibirán información sobre se foron identificadas como contacto estreito ou se foron diagnosticadas de Covid. Neste caso poderán comunicar directamente ao Sergas os seus propios contactos estreitos

A aplicación constitúe en primeiro lugar unha canle de información da Consellaría de Sanidade, achegando o estado actualizado das restricións existentes no concello da persoa usuaria, ademais de incluír determinadas recomendacións xerais e destinadas a colectivos específicos, co obxectivo de protexerse da enfermidade e previr contaxios.

As funcionalidades máis interesantes da aplicación están ligadas ao acceso cun usuario ou usuaria de Chave365, o sistema que permite identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta. As persoas que se rexistren a través deste sistema recibirán información sobre se foron identificadas como contacto estreito ou se foron diagnosticadas da COVID-19. Se este é o caso, o usuario ou usuaria poderá informar a través da App dos seus contactos estreitos ao Sergas, introducindo os seus nomes e teléfonos de contacto, manualmente ou dende a propia axenda do móbil. Tamén recibirá no móbil o código para introducir en RadarCOVID e iniciar a comunicación a posibles contactos de proximidade que permite esa aplicación.

Cada persoa poderá rexistrar na aplicación PassCovid os establecementos de hostalaría nos que estivo a través dun código QR

Outra das funcionalidades que achega PassCovid (tanto para as persoas rexistradas a través de Chave365 coma para o resto) é a posibilidade de ir deixando un rexistro dos establecementos de hostalaría ou comerciais nos que estivo o usuario ou usuaria. Así, cada persoa debe capturar os códigos QRs dos locais polos que pasou e que dispoñen dese elemento de identificación. A información quedará unicamente no móbil desa persoa, e a app unicamente enviará un aviso se detecta que algún deses establecementos se converteu nun espazo de risco por concentración de contaxios. De igual xeito, se o usuario ou usuaria foi diagnosticado/a da Covid-19, tamén poderá axudar no traballo de rastrexo de contactos enviando ao Sergas a listaxe de establecementos nos que estivo. Iso si, de novo esta funcionalidade está limitada ás persoas que se identificaron con Chave365.

A maiores, esta nova aplicación ofrecerá tamén acceso a ferramentas do Servizo Galego de Saúde para o seguimento da enfermidade en pacientes que se atopan nos seus domicilios; así como acceso ao rexistro de viaxeiros para aquelas persoas que chegan á Comunidade procedentes de zonas de alta incidencia do virus.

Capturas de pantalla da app PassCOVID © Xunta

A app aínda non está dispoñible para dispositivos Android

O presidente da Xunta anunciou o xoves 15 que este pasado sábado se poría en marcha a app PassCovid, aínda que ese día unicamente estaba dispoñible para os dispositivo de Apple (sempre que empreguen o sistema operativo iOS 11.0 ou posterior). Núñez Feijóo destacou que a aplicación permite un contacto directo cos 
cidadáns e que complementa á app estatal RadarCOVID, "ofrecendo outras moitas funcionalidades grazas á colaboración voluntaria dos cidadáns". A aplicación iniciou as súas probas o pasado mes de agosto, e nese momento o Goberno galego prevía que estivese dispoñible xa no mes de setembro.

Capturas de pantalla da app PassCOVID © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.