Galicia levará a cabo durante o mes de agosto as probas nun grupo pechado de persoas dunha aplicación para teléfonos móbiles que busca facilitar as tarefas de rastrexo de contactos dos casos positivos de Covid-19. A app, PassCOVID, podería implementarse no mes de setembro unha vez que se superen con éxito as probas que se están levando a cabo e se presenten os resultados ao Goberno central, indicou hai uns días o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
A app servirá de apoio aos protocolos de trazabilidade e xestión de contactos dos casos COVID-19 identificados e facilitará a xeración de alertas aos contactos
A instalación da aplicación será voluntaria e, ademais, cada persoa poderá optar por identificarse cos seus datos ou empregala de forma anónima, como se detalla no proxecto de orde que a regula e que se publicará nos vindeiros días. A app ofrecerá información sobre a pandemia ás persoas usuarias (orientacións, consellos prácticos, recomendacións e recursos de interese, información personalizada) pero, ademais, permitirá identificar o nivel de risco transmisor da persoa usuaria fronte á Covid-19, servirá de apoio aos protocolos de trazabilidade e xestión de contactos dos casos COVID-19 identificados e facilitará a xeración de alertas aos contactos indicados por esta no caso de dar positivo nunha proba PCR.
Segundo o indicado por Alberto Núñez Feijóo, a aplicación podería, ademais, contar con novas funcionalidades en futuras versións, como a coordinación coa aplicación estatal RadarCOVID, que vai máis aló da aplicación proposta pola Xunta, pois permite identificar contactos detectados automaticamente pola app mediante a aplicación de tecnoloxías de proximidade (Bluetooth).
A aplicación podería, ademais, contar con novas funcionalidades en futuras versións, como a coordinación coa aplicación estatal RadarCOVID
Así mesmo, outra das funcionalidades que PassCovid podería incluír no futuro é a posibilidade de que cada persoa poida rexistrar na aplicación a través dun código QR os establecementos de hostalaría nos que estivo. Así, no caso de que a Administración identificase algún positivo ou contaxio no local, activaría unha alarma aos usuarios da aplicación. Trátase dunha funcionalidade que nestes momentos están xa a ofrecer empresas como scanforsafe.com, un sistema de rexistro de persoas en establecementos de hostalaría para axudar a rastrexar contactos de posibles positivos por coronavirus.
A páxina do portal informativo que acollerá a aplicación (https://passcovid.xunta.gal) atópase aínda inactiva.
Na orde que regula Passcovid.gal detállase que entre as finalidades da aplicación están a de "facilitar a identificación dos contactos estreitos da persoa usuaria no caso de que esta fose declarada como caso COVID-19", tamén a de que "permitir a detección e a alerta automáticas de contactos relevantes epidemioloxicamente con persoas usuarias declaradas como caso COVID-19" e, igualmente, a de "obter información relevante, polo seu valor científico ou epidemiolóxico, coas debidas garantías de anonimización".
A persoa usuaria rexistrada deberá expresamente consentir a habilitación, por separado, de cada unha das funcionalidades dispoñibles
A identificación para o rexistro na aplicación e os posteriores accesos realizarase mediante o sistema de claves concertadas da Xunta de Galicia, Chave365. Con todo, tamén se poderá empregar a app sen identificación previa da persoa usuaria, isto é, de forma anónima. As funcionalidades da aplicación dispoñibles para cada persoa usuaria dependerán da modalidade de identificación elixida por ela e a persoa usuaria rexistrada deberá expresamente consentir a habilitación, por separado, de cada unha das funcionalidades dispoñibles na aplicación, determinando as que quere utilizar en función das que ten dispoñibles.
Na orde que regula o funcionamento da aplicación o Goberno galego subliña que "tanto no desenvolvemento coma na posta en marcha e funcionamento do sistema e da aplicación que dá acceso a este, e posteriormente na súa desactivación, estableceranse as garantías necesarias para as persoas usuarias e demais persoas afectadas respecto ao tratamento dos seus datos persoais".
A aplicación estatal RADARCovid, activa entre agosto e setembro
A app RadarCOVID anunciou este luns que superara xa a súa fase de probas, realizada na illa canaria da Gomera durante todo o mes de xullo. Durante o seu desenvolvemento, e a pesar de que só funcionaba na illa da Gomera, máis de 60.000 persoas descargaron a app en todo o Estado. Na Gomera acadouse rapidamente o obxectivo mínimo de 3.000 persoas usuarias e tamén conseguiuse que a gran maioría a mantivesen activa nos seus dispositivos despois da descarga. Así mesmo, a aplicación rexistrou 6,4 contactos estreitos por positivo ficticio confirmado, case o dobre dos 3,5 detectados mediante rastrexo manual na actualidade.
A app RadarCOVID anunciou este luns que superou xa a súa fase de probas, polo que podería comezar a operar xa este mes nas zonas máis afectadas polos rebrotes
A aplicación utiliza a conexión Bluetooth de cada teléfono móbil. Cando dous terminais estiveron próximos durante 15 minutos ou máis a dous metros ou menos de distancia ambos gardan o identificador anónimo emitido polo outro. Se algún usuario fose diagnosticado positivo de COVID-19, esta persoa decidiría se dar o seu consentimento para enviar unha notificación anónima. Así, os móbiles que estiveran en contacto co paciente recibirían un aviso sobre o risco de posible contaxio e facilitaríanse instrucións sobre como proceder. O Goberno central sinala que "ao non solicitarse datos de ningún tipo, é imposible identificar ou localizar a usuario ningún".
O Goberno central puxo xa a aplicación a disposición das distintas comunidades autónomas para que poidan conectar a ferramenta cos seus sistemas de xestión de avisos sanitarios. O Executivo sinala que "dada a actual situación" de importante rebrotes de coronavirus nalgúns territorios, "unha primeira versión funcional da ferramenta podería estar dispoñible para unha posta en marcha específica a mediados de agosto" nesas zonas. O despregamento no resto do Estado, "no caso de que así o decidisen as autoridades autonómicas no exercicio das súas competencias", chegaría a mediados de setembro.
O despregamento xeneralizado das aplicacións chegarían a mediados de setembro, segundo o Goberno central
Así mesmo, a Comisión Europea está a desenvolver o marco legal e técnico que faga posible a interoperabilidade entre aplicacións baseadas no modelo descentralizado, como son RADAR Covid ou Passcovid.gal. Nos últimos meses deuse un debate entre a conveniencia de poñer en marcha aplicacións que empregan un protocolo descentralizado (os datos só se almacenan no propio teléfono) ou centralizado (os datos chegan a un servidor, xestionado polas autoridades sanitarias). Con todo, tanto un modelo como outro presentan importantes eivas, tanto de utilidade como de privacidade e foron criticados por expertos. por exemplo polo grupo da Universidade de Vigo encabezado polo catedrático Fernando Pérez González, que sinalaba que as aplicacións non podían neste momento ofrecer "taxas desexables de detección de contactos".