"O coronavirus vainos acompañar moito tempo e depende de nós que non se estenda. Debemos manter as precaucións"

Reparto de máscaras á veciñanza en Vigo © Concello de Vigo

Dende hai unhas semanas vivimos na chamada nova normalidade, unha vez finalizado o estado de alarma e a maior parte das restricións de mobilidade aplicadas durante meses para tentar conter a expansión do coronavirus. A nova normalidade é un tempo no que se convida a regresar aos hábitos e actividades previos á pandemia pero no que algunhas cousas non son en absoluto iguais. Un tempo de maiores precaucións, de maior control e vixilancia da enfermidade e tamén de maior incerteza.

"Temos que empregar o sentido común; mentres non haxa unha vacina protectora, temos que manter as precaucións. A nova normalidade é tentar facer a vida que faciamos previamente, pero mantendo as medidas de control"

"Quédannos moitos meses por diante nos que permaneceremos nesta nova realidade. Unha realidade na que a poboación ten que ter, sobre todo, prudencia e debe seguir unhas normas básicas que xa coñecemos. E na que, ademais, debe aplicarse un sistema de vixilancia para identificar os brotes que vaian aparecendo e para rastrexar con rapidez os contactos das persoas infectadas", sinala Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá. 

O mesmo defende Agustín Montes, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública, coordinador do Programa de Doutoramento e integrante tamén do grupo de Epidemioloxía da USC, que afirma que "temos que empregar o sentido común; mentres non haxa unha vacina protectora, temos que manter as precaucións. A nova normalidade é tentar facer a vida que faciamos previamente, pero mantendo as medidas de control".

Terrazas xunto á praza de Abastos, en Compostela CC-BY-SA Xunta

Manter as medidas de prevención

Esta prudencia e non relaxar as medidas de prevención (distancia social, hixiene de mans e máscara de protección) van ser un elemento "básico" para evitar a expansión da enfermidade, "e vai ser básico en tanto non teñamos un tratamento ou unha vacina, para a que aínda falta moito tempo", di Caamaño Isorna. "Isto vainos acompañar moito tempo, así que é mellor que o vaiamos interiorizando: depende de nós que non se estenda e debemos manter as precaucións", engade.

"Igual que temos interiorizado o 'se bebes, non conduzas', temos que interiorizar isto: debo de ir tapado, debo manter as mans limpas e debo distanciarme dos demais máis du metro porque non sei se estou contaxiado ou non"

Francisco Caamaño fai fincapé no perigo de transmisión por parte de pacientes asintomáticos, que nin sequera son conscientes de padecer a enfermidade e de poder transmitila a outras persoas. "Se o sistema funciona ben, e así debe ser, a aquela persoa que presenta síntomas detectarémola con facilidade; debemos facelo canto máis rápido mellor e a partir de aí debemos rastrexar os contactos que tivo", explica. "Porén, se unha persoa non ten ningún síntoma, non o imos detectar. E hai que ter en conta que 1 de cada 4 ou 5 casos son completamente asintomáticos, polo que a enfermidade nestes individuos é moi difícil de detectar", alerta. "Estas persoas van actuar como transmisoras da enfermidade, aínda que eles non o van percibir, e facilmente poden transmitir o coronavirus a toda a comunidade", di.

"Polo tanto, é o momento da responsabilidade individual", destaca. "É o momento de trasladar á poboación esa actitude social que temos que ter cos demais. Igual que temos interiorizado o 'se bebes, non conduzas', temos que interiorizar isto: debo de ir tapado, debo manter as mans limpas e debo distanciarme dos demais máis du metro porque non sei se estou contaxiado ou non", di. "Creo que non se nos pide tanto", destaca.

"Debemos cambiar os nosos hábitos: buscar terrazas ao aire libre, atopar horas menos concorridas para ir ao supermercado... E debemos mudar a nosa forma de relacionarnos cos demais: hai maneiras de ser empáticos e de expresar sentimentos sen necesidade de tocarnos"

"Do que se trata é de evitar que as persoas que se infecten transmitan a enfermidade ao resto", di Agustín Montes. "Hai que protexer a poboación e, polo tanto, débense manter as medidas que xa coñecemos, medidas que son as mesmas para calquera enfermidade que se transmita por gotas e gotículas: hixiene de mans, medidas barreira como as mascarillas, e a distancia entre as persoas", di.

Francisco Caamaño recomenda que "debemos cambiar os nosos hábitos: buscar terrazas ao aire libre, atopar horas menos concorridas para ir ao supermercado ou aos centros comerciais, procurar praias con menos xente...". E, de igual xeito, engade, "debemos mudar a nosa forma de relacionarnos cos demais; hai formas para interactuar doutra maneira, hai maneiras de ser empáticos e de expresar sentimentos sen necesidade de tocarnos", di.

 

Os maiores perigos este verán

"Se eu me atopo cunha persoa nun espazo aberto, teríamos que estar un mínimo de 12 ou 15 minutos a menos dun metro de distancia para que haxa unha probabilidade significativa de contaxio"

Cales son os maiores perigos aos que nos expoñemos este verán, á vista do coñecemento que xa fomos acumulando sobre a enfermidade? Francisco Caamaño destaca que as praias ou as terrazas, sobre todo ao sol, non son os espazos máis perigosos, por atoparse ao aire libre e, en cambio, pon o acento nas precaucións extra que se deben adoptar en calquera espazo pechado e en calquera aglomeración de persoas na que non se garde unha distancia física de cando menos un metro. 

"Cada vez temos maiores evidencias científicas e sabemos que nun espazo aberto as posibilidades de contaxio son baixas. Se eu me atopo cunha persoa nun espazo aberto, teríamos que estar un mínimo de 12 ou 15 minutos a menos dun metro de distancia para que haxa unha probabilidade significativa de contaxio. Polo tanto se eu me cruzo cunha persoa pola rúa e ningún dos dous levamos mascarilla, temos unha probabilidade moi pequena de contaxiarnos", explica. 

Accesos do aeroporto de Alvedro © Turismo de Galicia

"Os espazos de ocio nocturno, como as discotecas, semella complicado que poidan abrir. Dentro do posible, hai que evitar entrar en espazos pechados e mal ventilados"

Neste senso, afirma, as praias "non son o lugar que presenta un maior perigo, por estar ao aire libre e polo efecto da insolación e da auga do mar, que fan que o virus sobreviva menos". "É certo que hai praias e praias, algunhas moito máis masificadas, e hai que ter en conta espazos asociados á praia, como os chiringuitos, ou as colas que se forman para mercar un xeado, que si teñen máis perigo", di.

En cambio, sinala que o principal problema está "nos espazos pechados, sobre todo se non se garante a distancia de seguridade". Polo tanto, "os espazos de ocio nocturno como as discotecas son lugares aos que neste momento non é aconsellable ir". "Son consciente de que hai moitas empresas e traballadores que dependen disto, pero semella complicado que estes lugares poidan abrir. Dentro do posible, hai que evitar entrar en espazos pechados e mal ventilados", di.

Caamaño fai fincapé igualmente nos maiores riscos que produce a tempada turística

Caamaño fai fincapé igualmente nos maiores riscos que produce a tempada turística, o incremento de desprazamentos e a apertura de fronteiras, que poden facilitar a importación de infeccións dende outros territorios. "O turismo debe preocuparnos, por varios motivos. En primeiro lugar pola despreocupación que temos cando imos de visita a un sitio: estamos máis relaxados e tomamos menos precaucións. Segundo, porque cando estamos fóra da casa tendemos a acudir menos ao médico, podemos pensar 'xa irei dentro duns días na miña casa'. E isto é peor aínda coa xente que vén doutros países, que pode ter dúbidas de se vai ter cobertura ou de se ten que pagar ou non pola atención sanitaria en España. E en cuarto lugar, porque se hai un positivo, os turistas son máis dificilmente rastrexables: pode que estivéramos falando cunha persoa pero non lle sabemos o nome e non temos o seu contacto".

Máis capacidade do sistema sanitario para controlar a enfermidade

Aínda que o virus segue circulando -e co perigo engadido da apertura de fronteiras ao turismo-, hai elementos que nos permiten ser optimistas. E un deles é a maior capacidade do sistema sanitario para detectar os brotes con rapidez, rastrexar de inmediato as persoas que estiveron en contacto cunha persoa infectada e, en xeral, os protocolos e medidas de prevención aplicadas nos centros sanitarios, que deben evitar moitos dos contaxios que se poderían producir. Neste labor de vixilancia ante a aparición de novos casos xogará un papel importante a atención primaria e a súa estrutura capilar e en contacto permanente coa comunidade.

"Avanzamos moito no coñecemento da enfermidade, temos moita máis información sobre as características do virus e tamén melloramos a adecuación da estrutura e da organización do sistema sanitario para loitar mellor contra o virus"

"Estamos diagnosticando as persoas moito antes, con moita menor diferenza dende o momento de inicio de síntomas e o momento do diagnóstico; antes tardabamos 5 ou 6 días en que esa persoa chegase a nós, agora estamos en día e medio ou dous días", destaca Caamaño, que subliña ademais que "a poboación está moito máis advertida e, en xeral, todo o sistema".

"Avanzamos moito no coñecemento da enfermidade, temos moita máis información sobre as características do virus e tamén melloramos a adecuación da estrutura e da organización do sistema sanitario para loitar mellor contra o virus", salienta Agustín Montes, que pon como exemplo que nos últimos meses se chegou a facer corentena de libros, mantendo illados 14 días os exemplares que foran devoltos por unha persoa, "cando hoxe sabemos que o virus non resiste máis que 3-4 horas no papel, polo que abonda con deixalo reservado este tempo, un día como moito". Pero, sobre todo, o sistema sanitario está moito mellor preparado: "hai protocolos axeitados, circuítos diferentes para uns e outros pacientes, hai EPIs para todos, que antes faltaban... E, ademais, tamén a poboación aprendeu como comportarse nos lugares públicos e que medidas debe adoptar", di Montes.

Francisco Caamaño Isorna © Cedida

"Vai haber brotes, continuamente e en distintos puntos. A clave é que os poidamos atallar rapidamente, que non comece a haber transmisión comunitaria"

No que os dous expertos concordan é que nos temos que afacer á sucesión de brotes e á aparición de casos, aínda que é algo que non debe preocupar sempre que se controlen con rapidez. "Vai haber brotes, diso temos que estar seguros, vainos haber continuamente e en distintos puntos. A clave é que os poidamos atallar rapidamente, que non se nos escapen e que non comece a haber transmisión comunitaria, porque un brote moi pequeno -considérase brote a partir de 3 casos- pode medrar de forma exponencial, moi rapidamente", di Caamaño.

"O fundamental é a detección precoz das infeccións e o seu illamento para que non contaxien a enfermidade ao resto da poboación e que mesmo se hai un brote, este sexa limitado e non obrigue a tomar medidas de confinamento para grupos de poboación importantes", concorda Agustín Montes.

No outono ou no inverno, coincidindo co regreso ás actividades de interior, chegará probablemente un segundo pico da enfermidade. "Haberá brotes maiores e máis frecuentes pero quizais poidamos evitar que haxa unha vaga porque agora xa coñecemos a enfermidade e imos estar máis alerta para identificar os casos antes ou mesmo para illar rapidamente un grupo humano concreto: unha oficina, unha fábrica completa ou un concello, que se confinarán de inmediato", explica Caamaño Isorna.

No outono ou no inverno, coincidindo co regreso ás actividades de interior chegará, probablemente, un segundo pico da enfermidade

Esta segunda vaga da enfermidade, cun virus en continua mutación, debería ser (en principio) menos daniña que a primeira. "A selección natural leva a que as cepas que máis sobreviven no tempo, mutación tras mutación, son as que menos dano causan, porque manteñen vivos os seus hóspedes e conseguen replicarse máis. Polo tanto, isto fai que as segundas ondas dunha enfermidade sexan menos agresivas. Isto é o que esperamos que ocorra", explica Caamaño.

Ata que haxa unha vacina, unha normalidade diferente

"É impensable que a poidamos ter antes de finais do ano que vén. Aínda que pode que despois deste Nadal haxa xa algún tipo de vacina parcial que se poida administrar a certos grupos"

A vacina do coronavirus aínda tardará moitos meses en estar dispoñible, lembra Francisco Caamaño: "hai varias vacinas xa en fase 3, pero teñen que testarse, realizar estudos clínicos en humanos, para chegar a ter unha que sexa segura e eficaz. E, despois, ten que fabricarse en grandes doses e ten que administrarse ao conxunto da poboación". "Polo tanto é impensable que a poidamos ter antes de finais do ano que vén. Aínda que pode que despois deste Nadal haxa xa algún tipo de vacina parcial que se poida administrar a certos grupos, como as persoas de maior idade e outras persoas vulnerables", engade.

Iso si, Caamaño lembra que non sempre se ten éxito na procura dunha vacina: "Temos vacina para 25 ou 26 enfermidades e hai algunha enfermidade coma a SIDA para a que levamos buscando unha vacina moitísimos anos", e que neste caso "estamos dando por feito que imos ter unha vacina cando a realidade é que hai moitas enfermidades para as que non temos". En todo caso, apunta que "seguramente haberá vacina, aínda que non sexa perfecta".

Distribución de máscaras sanitarias nun autobús urbano de Vigo © Goberno de España

En todo caso, ambos os dous expertos conclúen que o que a poboación debe facer nestes momentos é "aprender a vivir con esta nova normalidade" e non agardar por unha vacina para a que aínda falta moito tempo ou por unha inmunidade de grupo que "está completamente descartada".

"O virus está aquí aínda e está nas nosas mans, como cidadáns, controlalo e que non se expanda. Se non tomamos as medidas de prevención indicadas, podemos volver perder o control sobre el e chegar a un confinamento"

"O virus está aínda aquí e está nas nosas mans, como cidadáns, controlalo e que non se expanda. Se non tomamos as medidas de prevención indicadas, o virus vai seguir estendéndose e podemos volver perder o control sobre el e chegar a un confinamento", afirma Montes, que subliña que o estamos vendo "en moitas festas locais ou encontros familiares, nos que a baixada da garda está facilitando os contaxios e pode levar a espallar o coronavirus entre a comunidade".

"O futuro pasa por ter unha actitude prudente, que todos temos que interiorizar", di Caaamaño, que remata: "Estabamos afeitos a vivir cun gran nivel de seguridade e tranquilidade e isto perdeuse, polo que temos que actuar con outra lóxica, coa lóxica dunha enfermidade que está aí e da que nos temos que preocupar e protexer". "Non se nos pide nada extraordinario", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.