Lonxe de estar controlado por completo, o brote de coronavirus da Mariña segue a medrar en casos positivos detectados. Tras case un milleiro de probas PCR realizadas como produto do rastrexo dos contactos ligados ao primeiro caso -o pasado 23 de xuño en Xove-, o número de positivos achégase ao medio cento. Son xa 47 tras confirmárense outros 12 mentres o brote xa salpica a Asturias, que por mor dun caso procedente da Mariña vén de interromper case tres semanas sen novos diagnósticos da covid-19.
O brote da Mariña provocou que a área sanitaria lucense pasase en apenas unha semana de 17 a 64 "positivos activos" pola covid-19
A evolución da pandemia na área sanitaria de Lugo, á que pertence A Mariña dende a reforma sanitaria de 2018, amosa a importancia do brote. Esta área, na que menos casos se detectaran en termos absolutos durante toda a pandemia, pasou de apenas 17 "positivos activos" -indicador de referencia do Sergas- aos actuais 64 en apenas unha semana. Todo o incremento correspóndese co brote da Mariña, que provocou ademais a hospitalización de dúas persoas.
Unhas 500 persoas que tiveron contacto con persoas afectadas polo brote están en corentena por se desenvolven síntomas
Mostra do impacto que un brote pode ter nun territorio concreto non é só que os 47 positivos -45 deles están en seguimento domiciliario e "a maioría", segundo o Sergas, son asintomáticos ou teñen síntomas "leves"- teñan que estar a gardar corentena. Tras a realización "dunhas 900 probas" PCR na zona, "algo máis de 500" persoas están en seguimento, obrigadas tamén a permanecer na casa por se desenvolven síntomas. Este é o caso dunha vecña da cidade de Lugo, informa El Progreso, illada no seu domicilio tras ter contacto cunha amizade de Burela.
O crecemento do brote da Mariña continúa vinte e catro horas despois de que a Xunta decidise adiar a reapertura de discotecas e a autorización de verbenas en 14 concellos da comarca mentres mantiña a luz verde para estas actividades no resto de Galicia. Nesa orde, o propio Goberno galego admitía que "non se pode afirmar" que exista "unha única cadea de transmisión" na covid-19 na Mariña, porque "non se pode descartar" que o brote "sexa froito da confluencia de máis dunha cadea", o cal "suxeriría un nivel superior de transmisión previa do virus". "Pode persistir unha certa transmisión comunitaria", agrega o texto oficial.
Fronte a esta descrición no texto oficial, Alberto Núñez Feijóo sinalaba este xoves, ao remate do Consello da Xunta, que o da Mariña é "un brote localizado maioritariamente en bares. Serían, agregou "dous ou tres bares, que por certo pechamos onde os camareiros estaban infectados".
O caso detectado de Asturias "computará en Galicia"
O presidente de Asturias confirma que o positivo detectado no seu territorio tras case tres semanas sen ningún é unha muller que traballa na Mariña
Mentres segue o rastrexo de "posibles contactos" -a área sanitaria de Lugo resaltou nos últimos días que a maior parte das persoas afectadas son mozos e mozas-, o goberno do Principado de Asturias confirmaba na mañá deste xoves que, tras máis de dúas semanas sen detectaren diagnóstico ningún, vén de abrollar un. Trátase dunha muller "que traballa na Mariña lucense", explicou en rolda de prensa o presidente asturiano, Adrián Barbón.
O Executivo asturiano, que vén destacando pola súa transparencia na difusión dos datos do coronavirus dende o comezo da pandemia -ao contrario da Xunta si divulga unha serie histórica completa da pandemia, con datos abertos ata o nivel municipal-, confirmou contactos co Servizo Galego de Saúde para poder trazar con maior precisión un mapa de contactos da paciente. O seu estado é leve, sinala o conselleiro asturiano de Saúde, Pablo Fernández, e por iso está en illamento domiciliario, como a práctica totalidade das persoas ligadas ao brote da Mariña.
Escasas horas despois, o Principado ratificaba que a paciente, aínda que "ten tarxeta sanitaria asturiana", reside e traballa "na provincia de Lugo". Por iso, explica, "os servizos de vixilancia epidemiolóxica consensuaron, con criterios técnicos, que este positivo o notifique" Galicia ao Ministerio de Sanidade e "compute" como positivo de territorio galego, xa que chega da Mariña aínda que fose detectado na contorna de Jarrio, unha vila próxima a Navia situada a apenas 30 quilómetros de Ribadeo.
Sete diagnósticos durante o mércores, segundo o Ministerio
Galicia afronta os primeiros brotes da covid-19 tras o estado de alarma coas mesmas eivas de transparencia que veñen dificultando ao observación da pandemia no país dende o seu inicio
Galicia afronta os primeiros brotes da covid-19 tras o estado de alarma coas mesmas eivas de transparencia que veñen dificultando ao observación da pandemia no país dende o seu inicio. Así, a Consellería de Sanidade segue sen publicar a súa serie histórica completa e sen detallar o número de casos novos. Ademais, os comunicados que a Xunta divulga a respecto dos casos "activos" de cada xornada pechan a unha hora diferente que os do Ministerio, que si publica a súa serie -con revisión semanal- e informa cada día dos novos casos das últimas vinte e catro horas ata as dúas da tarde da xornada de que se trate.
Este 2 de xullo o parte do Ministerio recolle 7 diagnósticos novos en Galicia nas últimas vinte e catro horas e un total de 52 nos últimos sete días, unha cantidade que se corresponde en boa medida coa apuntada polo Sergas para o brote da Mariña. Segundo o departamento estatal, 15 destes casos tiveron como data estimada de inicio de síntomas a última semana.
O cómputo global do Sergas ascende só en catro "positivos activos" porque o 12 casos máis da área de Lugo son compensados por doce menos na suma de Vigo, Pontevedra e Ourense
Mentres, pola súa banda, o Sergas indica para o conxunto de Galicia un aumento de apenas catro "positivos activos", pasando e 313 a 317. A razón deste leve incremento no global malia á existencia dun brote na Mariña é que os doce casos nos que incrementa o cómputo da área de Lugo se compensan parcialmente coa baixada de seis "activos" na área de Vigo, catro menos na de Pontevedra e dous menos na de Ourense. Mentres, a da Coruña aumenta en 3 e a de Santiago, nun caso.
Mentres, o número do que o Sergas denomina como "curacións" sobe en 16 casos, ata os 10.649. O feito de que os positivos que deixan de selo sexan frecuentemente menos do que ascende o número de "curacións" é que a Xunta tamén computa como tales ás persoas que dan positivo en test de anticorpos pero non teñen síntomas, polo que nunca contaron como "positivos activos". Arredor de dúas mil "curacións" son persoas nesta situación.
A vertente máis positiva da evolución en Galicia é que seguen sen rexistrarse novos falecementos -o total leva sendo de 619 persoas falecidas dende hai tres semanas- e tamén o escaso número de persoas hospitalizadas. Tras a novas hospitalización na Mariña son 4, mentres que outras 317 persoas -catro máis que un día antes- con test positivo están en illamento domiciliario.