Os positivos no brote de coronavirus da Mariña xa son 35 tras máis de medio milleiro de probas

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O rastrexo dos contactos das persoas afectadas polo brote de coronavirus na Mariña detectado o pasado 23 de xuño en Xove fixo abrollar xa 35 casos positivos da covid-19 na comarca, dous dos cales requiriron hospitalización. O Servizo Galego de Saúde confirmou este mércores os últimos dous casos confirmados nun abrocho que xa obrigou a facer "máis de 500 probas PCR", asegura a Consellería.

Todas as persoas que tivesen contacto coas persoas que deron positivo deben, segundo os protocolos, permanecer en corentena nunha comarca na que xa foi suspendido o previsto reinicio de actividades de lecer como apertura de discotecas e celebración de verbenas. Segundo a Xunta, que segue sen facer pública a súa serie estatística completa e sen divulgar datos abertos sobre a pandemia, destes 35 positivos "a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve". As persoas hospitalizadas, agrega, evolucionan de xeito "favorable".

Este 1 de xullo o Ministerio de Sanidade reflicte cinco casos novos diagnosticados en Galicia nas últimas vinte e catro horas

O Sergas reitera aos medios o que define como "absoluta dilixencia e rapidez" para atallar o brote mariñao nunha xornada na que o Ministerio de Sanidade dá conta de 5 casos diagnosticados en Galicia nas últimas vinte e catro horas -ata as dúas da tarde deste 1 de xullo- e 46 na última semana. O feito de que o Ministerio non localice os casos por provincia ata pasados uns días dende o diagnóstico, unido a que o Sergas non especifica os casos novos nos seu parte que reflicte os casos "activos" do día previo, impide saber se se trata ou non de casos ligados ao brote da Mariña.

Proba da mudanza na evolución da pandemia que está a supoñer este brote é tamén o número de probas PCR realizadas non só na Mariña, senón no conxunto de Galicia. Na última xornada foron 3.200 para un total de 185.374, segundo o Sergas. Foi o quinto día consecutivo no que foron procesadas máis de dúas mil e o oitavo con máis de 1.000. É un ritmo de probas que non se rexistraba dende finais de abril, cando aínda abrollaban en Galicia unha media próxima aos cen casos diarios da covid-19. 

O global de "positivos activos" do que informa o Sergas pode resultar enganosa ante os brotes puntuais: o indicador baixa levemente no global de Galicia mentres segue subindo na área afectada, neste caso a de Lugo

O Sergas, pola súa banda, segue manexando como indicador principal os seus "positivos activos", cifra que para toda Galicia pode resultar enganosa ao non vir acompañada dun detalle de casos novos. Así, no global de Galicia o número de casos é este 1 de xullo de 313, un menos que o día anterior. Pero, observando a evolución por área sanitarias, é posible comprobar que na área de Lugo son tres máis que o día previo, o que implica que en apenas unha semana esta área pasou de 17 a 52.

O balance total de Galicia descende porque as áreas de Ourense, Vigo, Santiago e Ferrol teñen un caso menos cada unha. Mentres, a Consellería agrega ao seu cómputo dez casos do que denomina "curacións", que chegan ás 10.633, dez máis que un día antes. Neste cómputo de persoas "curadas" inclúense as que dan positivo en test de anticorpos pero xa non teñen síntomas

Fronte ao empeoramento relativo da situación xeral provocado polo brote da Mariña sitúase a mellor nova das últimas semanas na evolución da pandemia en Galicia. O número de falecementos segue sendo 619, o que implica que son xa vinte os días sen novas mortes ligadas á pandemia.

No que atinxe ao tipo de atención que está a recibir cada unha das persoas con test positivo de coronavirus en Galicia, segundo o Sergas 310 están illadas nos seus domicilios. Ningunha delas é residente nun centro de maiores. Só 3 están hospitalizadas -unha menos no cómputo global-, non obstante o Ministerio de Sanidade si reflicte unha hospitalización nova, a segunda persoa afectada polo brote da Mariña que precisou ser ingresada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.