O Goberno galego rebaixa a voluntario o rexistro de usuarios tanto no lecer nocturno como nas ludotecas, nas que tamén poderán entrar adultos
Na tarde deste martes e fixando a súa entrada en vigor para poucas horas despois, con efectos este mesmo mércores, a Consellería de Sanidade publicou unha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia cos protocolos cos que este mesmo día poden reabrir os locais de lecer nocturno e festas populares e os centros de lecer infantil malia que as escolas infantís non o farán ata setembro. Ao tempo, paraliza a reapertura do lecer nocturno na Mariña polo brote de coronavirus alí rexistrado.
O propio presidente Feijóo, no que recae o mando do desconfinamento en Galicia tras a saída do estado de alarma o 15 de xuño, anunciou tras o Consello da Xunta do pasado xoves 25 de xuño que este mércores 1 de xullo permitiríase a reapertura de discotecas, centros de lecer nocturno, verbenas e festas populares. Ese acordo do Consello do Xoves non foi publicado no DOG ata o sábado e o protocolo polo que se rexe esa reapertura fíxose oficial aínda na tarde deste martes, poucas horas antes da súa entrada en vigor.
Pola contra, o pasado xoves nada dixo nin o presidente nin a Xunta na información que divulgou sobre os acordos adoptados no Consello sobre a reapertura dos centros de lecer infantil, como as ludotecas ou locais para festas, limitándose a ampliar a capacidade dos parques ao aire libre. Porén, no DOG extraordinario deste martes establécese que os establecementos de lecer infantil poden reabrir desde este mesmo mércores e dítase o protocolo de actuación neles. Nos dous protocolos, o de lecer nocturno e o de lecer infantil, establécese que os locais “deberán levar un rexistro para permitir” que as persoas usuarias dos primeiros ou os adultos acompañantes no segundo caso “poidan achegar, en todo caso voluntariamente, un número de teléfono para facilitar a súa localización”. Os dous protocolos insisten na voluntariedade da inscrición nese rexistro.
O protocolo para os centros de lecer infantil limítase a recomendar "que os nenos e nenas estean acompañados por un máximo dun adulto"
No caso do protocolo infantil, este establece o uso dentro do recinto de calcetíns con sola de goma, enxoval dun só uso así como que nos centros “quedarán inutilizadas as piscinas de bolas e gomaespuma e quedará vedado o acceso a areeiros, inchables e similares”, mentres que deixa no ámbito das recomendacións cuestións como dar “prioridade ás actividades lúdicas que refusen o contacto físico” ou “procurarase que os nenos e nenas estean acompañados por un máximo dun adulto”, malia que o protocolo da Xunta para a volta das escolas infantís en setembro impide o acceso ás mesmas de pais e nais.
14 concellos da Mariña non poderán celebrar festas populares, decisión que se revisará nun máximo de sete días
Ao tempo que se fixeron oficiais estes protocolos apenas unhas horas antes da súa entrada en vigor, o DOG tamén establece a “demora do restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras, nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19”.
A orde de Sanidade nada di a respecto dos locais de lecer infantil, que poderían reabrir como no resto de Galicia. Si establece que a paralización da reapertura do lecer nocturno na Mariña “será obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a 7 días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”.