O brote de coronavirus detectado na comarca da Mariña o pasado martes segue a ser o principal motivo de preocupación no seguimento da pandemia en Galicia. De momento rexistráronse xa 33 casos, cinco máis que onte, nucleados en dous focos, en Xove e Burela, con orixe nunha mesma familia. As autoridades sanitarias traballan dende hai días na investigación e rastrexo dos contactos das persoas que deron positivo nas probas e analizaron xa 400 persoas relacionadas con este brote.
As autoridades sanitarias traballan dende hai días na investigación e rastrexo dos contactos das persoas que deron positivo nas probas e analizaron xa 400 persoas relacionadas con este brote
A Consellería de Sanidade decidiu este martes suspender a celebración de verbenas e festas populares na comarca da Mariña e tamén a apertura de locais de ocio nocturno e discotecas. Así o comunicaron en Burela os responsables da área sanitaria.
O da Mariña non é o brote máis grave dos rexistrados no Estado nas últimas semanas, destacando sobre todo os que afectan a Huesca, pero si figura entre os 11 focos "de interese" para o Ministerio de Sanidade, segundo destacou este luns o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, que explicou que entre os 51 brotes detectados había un grupo que preocupaban en maior medida, entre eles o galego. Simón subliñou que o foco da Mariña debe "manexarse con coidado" polo seu tamaño, aínda que tamén engadiu que na maior parte se trata de casos asintomáticos e probablemente "antigos".
Sanidade decidiu este martes suspender a celebración de verbenas e festas populares e tamén a apertura de locais de ocio nocturno e discotecas na comarca da Mariña
De feito, este luns o Sergas informaba de que dos 28 positivos a maioría eran asintomáticos ou presentaban síntomas de carácter leve, polo que tiñan a obriga de gardar corentena durante 14 días. Unha das persoas con resultado positivo si está ingresada no Hospital Público da Mariña.
O incremento de casos na Mariña fixo que o número total de casos activos rexistrados na área sanitaria de Lugo pasase de 17 a 49 en tan só seis días, case tres veces máis. Pola contra, no resto de áreas a situación semella controlada, sen apenas novos diagnósticos e cun número de positivos á baixa.
Os datos que a diario fai públicos o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), que informa da evolución do número de casos novos de coronavirus por día de inicio de síntomas, amosan claramente o brote detectado na Mariña na última semana. A gráfica revela a existencia dun gran número de casos na provincia lucense que iniciaron os seus síntomas entre o 18 e o 21 de xuño (un total de 22 positivos), correspondentes a estes focos de Xove e Burela. Apenas uns días despois as autoridades sanitarias confirmaron a existencia do brote.
A gráfica, que inclúe datos ata este domingo 28, amosa tamén o pequeno brote detectado uns días antes na comarca do Barbanza, e que na maior parte dos casos iniciara síntomas o 14 de xuño.
O Ministerio de Sanidade notificou esta tarde tres novos diagnósticos de coronavirus detectados en Galicia este luns. En total, na última semana foron 43 os positivos rexistrados no país, 55 nas últimas dúas semanas
O Ministerio de Sanidade notificou esta tarde tres novos diagnósticos de coronavirus detectados en Galicia este luns. En total, na última semana foron 43 os positivos rexistrados no país, 55 nas últimas dúas semanas. Este incremento de casos nos últimos días (principalmente localizados na Mariña) fixo que a incidencia acumulada en Galicia (casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días) se situase por riba de 2 (2,04). É a primeira vez que isto sucede dende o pasado 4 de xuño.
O dato galego, con todo, segue a ser o segundo máis reducido de todo o Estado (só Asturias, con 0 casos nas últimas dúas semanas) está por debaixo. E, ademais, moi lonxe da media española, estabilizada ao redor dos 8,50 casos por cada 100.000 habitantes.
Nos últimos días vén rexistrándose un incremento no número de PCR realizadas. Este luns foron 2.457 e o domingo foran 3.178, cifras que non se producían dende a última semana de abril
A Consellería de Sanidade notificou este martes un incremento nos 'casos activos' en Galicia, que pasan de 312 a 314, produto en parte do aumento no número de postivos na Mariña. Aumenta tamén o número de 'curacións' ou 'casos resoltos', que pasan de 10.615 a 10.623. En consecuencia, segue a engrosar a cifra total de positivos detectados en Galicia dende o inicio da pandemia, que se sitúa nos 11.556, dez máis que onte.
Nos últimos días tamén se vén rexistrando un incremento no número de PCR realizadas. Este luns foron 2.457, o domingo foran 3.178 e o sábado 2.170, cifras que non se producían dende a última semana de abril, hai dous meses.
O que non aumenta é a cifra de falecementos, fixada en 619 dende o pasado 11 de xuño, hai 19 días. Dos 314 casos activos, 310 atópanse nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. Os outros 4 están ingresados nos hospitais, pero ningún nas UCI.
Por primeira vez dende marzo non hai ningún usuario ou usuaria das residencias entre as persoas infectadas polo coronavirus en Galicia
Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade hai tan só un caso activo, correspondente a un traballador ou traballadora destas instalacións. Por primeira vez dende marzo non hai ningún usuario ou usuaria das residencias entre as persoas infectadas polo coronavirus en Galicia. O número total de positivos achegouse aos 1.500 a mediados de abril e 274 residentes faleceron por mor do coronavirus, máis do 40% das mortes totais pola enfermidade en Galicia.
Por áreas sanitarias, dos 314 casos activos contabilizados en Galicia polo Sergas, 70 corresponden á área da Coruña, 49 á de Lugo, 21 á de Ourense, 10 á de Pontevedra, 129 á área de Vigo, 24 á de Santiago, e 11 á de Ferrol. Nas últimas 24 horas, ademais do ascenso de casos xa comentado en Lugo (de 44 a 49), tamén Pontevedra elevou os seus positivos (de 9 a 10). No resto de áreas non houbo variacións ou mesmo se reduciu o número de casos activos.