O brote de coronavirus da Mariña suma seis positivos máis e chega a 28 casos

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O brote de coronavirus declarado nos últimos días na comarca da Mariña lucense segue incrementando o seu número de positivos. No último día houbo que sumar seis novos casos, que elevan a 28 a cifra total, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade. 

O primeiro caso de infección pola Covid-19 neste foco detectouse na tarde do pasado martes 23 de xuño no concello de Xove. Dende entón, as autoridades sanitarias veñen investigando e rastrexando os contactos das persoas que deron positivo nas probas por coronavirus e día a día engádense novos casos de contaxio. A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a máis de 300 persoas relacionadas con este brote e séguense a investigar posibles novos contactos.

Dos 28 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Unha das persoas con resultado positivo está ingresada no Hospital Público da Mariña. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. A consellería de Sanidade destaca que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso.

Este incremento de casos na Mariña está a acrecentar igualmente as cifras de 'casos activos' para toda a área sanitaria da provincia de Lugo, que dende o pasado mércores 24 pasou de 17 positivos ata 44. Pola contra, as restantes áreas sanitarias de Galicia manteñen unha lenta tendencia á baixa.

O Ministerio de Sanidade comunicou catro novos diagnósticos de coronavirus en Galicia nas últimas 24 horas, o que eleva a 35 no número de novos positivos na última semana, 48 se ampliamos a análise ás últimas dúas semanas. Dende que se declarou o brote da Mariña, a incidencia acumulada en Galicia (número de casos por habitante) non deixa de medrar, duplicándose o dato nos últimos días. 

Na actualidade, este indicador sitúase en 1,78 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, cando ata hai unha semana se movía por debaixo de 1. Está, en todo caso, moi por debaixo da media española (8,47), que tamén creceu nos últimos días por mor dos brotes declarados en varias comunidades autónomas. A pesar do brote da Mariña, Galicia é a segunda cunha menor incidencia, só por detrás de Asturias, que conseguiu reducir a cero o seu número de casos nos últimos 14 días, un periodo de incubación completo.

O número de 'casos activos' é de 312, un indicador en ascenso nos últimos dous días (eran 308 o sábado)

En Galicia, segundo a información publicada polo Sergas esta mañá, o número de 'casos activos' é de 312, un indicador en ascenso nos últimos dous días (eran 308 o sábado). En paralelo, seguiu medrando o número de 'curacións' ou 'casos resoltos', que se sitúa en 10.615, elevando a 11.546 a conta total de positivos de coronavirus dende o inicio da pandemia no país.

En cambio, non se move a cifra de falecementos, fixada en 619 dende o pasado 11 de xuño, hai 18 días. 

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade hai tan só 4 casos activos, unicamente 1 correspondente a un usuario e 3 ao persoal destas instalacións.

Por áreas sanitarias, 71 son da área da Coruña, 44 da de Lugo, 22 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 131 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.

Dos 312 casos activos, 308 atópanse nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. Os outros 4 están ingresados nos hospitais, pero ningún nas UCI. O número de PCR realizadas dende o inicio da pandemia en Galicia é de 179.717.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.