Dous novos diagnósticos de coronavirus en Galicia mentres seguen os rastrexos do foco da Mariña

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Ministerio de Sanidade confirma que o Servizo Galego de Saúde, que non fai público o número de casos novos que detecta cada día, o informou de dous novos diagnósticos nas últimas vinte e catro horas, segundo o parte pechado ás dúas da tarde deste domingo, 28 de xuño. A evolución da pandemia regresa así a unha certa calma tras dous brotes detectados en apenas unha semana, o da Barbanza e o da Mariña, mentres seguen os rastrexos de posibles contaxios no máis preocupante dos dous, o mariñao.

A área de Lugo, que inclúe á Mariña, rexistra cinco "positivos activos" máis que o día anterior, segundo o Sergas

Este domingo, o Sergas non informou de novos positivos confirmados no brote da Mariña, que sumaban 22 o pasado sábado, pero o parte diario si recolle que a área sanitaria de Lugo -á que pertencen todos os concellos mariñaos dende a reforma sanitaria de 2018- ten cinco "positivos activos" máis que o día anterior. Isto non quere dicir que sexan necesariamente só cinco casos novos, xa esa cifra de positivos non é acumulada.

No acumulado resultante de sumar todos os casos indicados polo Sergas nos seus partes dende o comezo da pandemia agréganse este 28 de xuño 7 casos novos. Este parte reflicte a situación do día previo, mentres que o do Ministerio se pecha ás dúas da tarde da propia xornada en que se emite. Segundo o departamento estatal, na última semana en Galicia houbo 29 diagnósticos da covid-19.

Nese cómputo do Sergas, que segue sen detallar os casos novos e sen publicar as súa serie história completa, os denominados "positivos activos" son dous máis que o día previo para o total de Galicia, pasando de 308 a 310, mentres que o número de "curacións" aumenta en cinco, de 10.606 a 10.611. Seguen sen rexistrarse novos falecementos, polo que o total continúa en 619 por décimo sétimo día consecutivo.

Ese aumento de só dous "positivos activos" non quere dicir, tampouco, que só haxa dúas persoas máis infectadas que o día previo. Así, os datos por áreas indican que na de Lugo son 5 máis e na de Vigo, un máis. Mentres, na área da Coruña redúcense en 3 casos e na de Santiago, nun caso. O resto permanecen igual que o día previo. 

Ao non especificar o Sergas o número de casos novos, pode acontecer que unha área rexistre tantas altas como novos casos, por exemplo. Nese caso, o número de "positivos activos" permanecería inmóbil.

No que atinxe ás hospitalizacións, o número de persoas ingresadas con test positivo segue sendo 4, ningunha delas na UCI. O Ministerio non reflicte hospitalizacións novas en Galicia -o Sergas tampouco o especifica-, polo que cabe deducir que a última hospitalización nova ata o momento foi a dun dos afectados polo brote da Mariña. Si aumentan as persoas en illamento domiciliario, que pasan de 304 a 306. Esta é a situación na que se atopan, por exemplo, 21 das 22 persoas que deron positivo nese brote.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.