Na Coruña e Lugo o illamento dos casos de coronavirus producíase dous días despois do inicio de síntomas fronte a un día en Ourense e Pontevedra
Ao igual que ao pasar á Fase 1 e a Fase 2 do desconfinamento polo coronavirus o Ministerio de Sanidade agardou a que todas as comunidades autónomas estivesen no mesmo punto para facer públicos os informes cos que autorizou eses pasos, agora, ao saír todas do estado de alarma o pasado domingo, fai públicos os informes que autorizaron o pase á Fase 3. No caso de Galicia, ese cambio de fase produciuse o luns 8 de xuño e esa situación só duraría unha semana ata que o presidente Feijóo decidiu pasar o luns 15 á denominada nova normalidade, con outra serie de restricións impostas xa pola Xunta.
O informe de Galicia agora feito público polo ministerio, asinado o 5 de xuño como os anteriores pola directora xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación do ministerio, Pilar Aparicio Azcárraga, constata mellorías ou deixa de reflectir deficiencias a respecto dos informes anteriores que autorizaron os pasos ás fases 1 e 2, pero tamén deixa cuestións no aire, como que o sistema sanitario galego non fora quen de identificar a orixe do contaxio de seis dos 22 casos que se diagnosticaran na semana anterior. Nese eido centra o informe a súa única recomendación para a Xunta: “Continuar a vixilancia e o seguimento dos casos e os contactos”
“Continuar a vixilancia e o seguimento dos casos e os contactos” é a única recomendación que formula ao Sergas o informe do ministerio
O informe ratifica que a Xunta está en condicións de garantir o número de camas hospitalarias e de UCI esixidos polo ministerio así como a progresiva redución da incidencia da epidemia en Galicia e a mellora dos tempos de reposta. Dese xeito, se no informe que autorizou o paso á Fase 2 se sinalaba que en Lugo pasaban “4 días entre os síntomas e o diagnóstico”, o último informe indica que tanto nesa provincia como na Coruña e Ourense o tempo era de dous días e un en Pontevedra.
Porén, malia que “en todas as provincias o illamento dos casos se realizou o mesmo día da consulta co sistema sanitario”, ese illamento se producía dous días despois do inicio de síntomas na Coruña e Lugo e un día despois en Ourense e Pontevedra.
Se ao pasar á Fase 2 en Ourense aínda quedaban sen seguimento o 18% das persoas contactadas por casos diagnosticados, ao pasar á Fase 3 xa si se controlaban todos os contactos e ningún dera positivo
Se no informe de paso á Fase 2 se sinalaba que en Ourense non se facía seguimento do 18% das persoas contactadas por casos diagnosticados e na Coruña do 5%, desta volta xa si se constata o seguimento de todos os posibles contactos sen que ningún dese positivo nos días anteriores ao informe.
Pero a calidade da investigación non é tanta ao pescudar no pasado dos casos diagnosticados, de xeito que o ministerio sinala, a data de 5 de xuño, que “en seis dos 22 casos diagnosticados nos últimos sete días non se identificou contacto cun caso coñecido”. Isto é, o Sergas non puido averiguar como se contaxiaran esas persoas.