O informe que autorizou o cambio de fase do 11 de maio, feito agora público, sinala que houbo entre un 7% e un 9% de casos de coronavirus sospeitosos en Atención Primaria aos que non se fixo proba de PCR
O Ministerio de Sanidad vén de facer públicos na noite deste luns, unha vez que todas as comunidades autónomas pasaron como mínimo á Fase 1 do desconfinamento, os respectivos informes cos que autorizou eses cambios de fase. No caso de Galicia, que pasou á Fase 1 o luns 11 de maio, o documento está asinado o venres 8 e nel o ministerio asume como válidos os datos que lle comunicou a Xunta pero recomendando “garantir o prazo de activación en 5 días” de máis camas xa que Pontevedra non chegaba aos obxectivos fixados previamente. Tamén sinala que na semana previa a emitir o informe, isto é, na primeira de maio, entre o 7% e o 9% dos casos sospeitosos de coronavirus detectados na Atención Primaria quedaran sen proba de PCR.
O informe do ministerio, asinado o 8 de maio pola directora xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, Pilar Aparicio Azcárraga, emitiuse despois de varios días nos que o presidente Feijóo lanzara dúbidas sobre a disposición de Sanidad a validar os datos galegos e autorizar o paso de fase. Porén, o documento, de dous folios, acepta os datos de Galicia, da que salienta o “nivel de persoas maiores (25% da poboación ten máis de 65 anos)” e a dispersión territorial. Nada di o informe sobre o criterio empregado para que a provincia e non as áreas sanitarias fose a unidade básica do desconfinamento, nin sobre os motivos para impedir a mobilidade entre elas, como reclamaba a Xunta.
O informe sinala que a 8 de maio en Galicia “existe capacidade diagnóstica mediante PCR en todas as provincias galegas”, malia matizar que nos sete días anteriores se fixera proba de PCR a “entre o 91% e o 93%” dos casos sospeitosos en Atención Primaria, segundo a provincia, o que implica que entre un 7% e un 9% quedaron sen proba. Daquela, a porcentaxe de positivos atopados nas probas PCR que se realizaran era do 3,2% na Coruña, 2,9% en Lugo, 10% en Ourense e 4,4% en Pontevedra.
O informe pon o foco no requisito de contar con entre entre 1,5 e 2 camas de UCI por cada 10.000 habitantes e entre 37 e 40 de hospitalización ordinaria, cifras que Pontevedra só cumpriría de xeito conxunto coa Coruña
Canto ao uso de instalacións hospitalarias, as camas de UCI estaban sendo ocupadas daquela entre o 12% da Coruña e Ourense e apenas o 8% en Pontevedra, mentres que no resto da hospitalización o rango de ocupación de camas oscilaba entre o 56% en Ourense e o 47% en Lugo. Porén, o informe pon o foco nos requisitos establecidos previamente polo ministerio de que os distintos territorios contasen con entre 1,5 e 2 camas de UCI por cada 10.000 habitantes e entre 37 e 40 de hospitalización ordinaria, ou con capacidade para instalalas en cinco días.
O documento do ministerio detalla a capacidade de cada provincia en cada un deses dous requisitos, que se cumprirían en todos os casos agás en Pontevedra, onde non se identifica o número de camas UCI e o de hospitalización ordinaria quedaría en 34 por cada 10.000 habitantes, tres por baixo do mínimo. O ministerio considera que “se fora necesario se ampliarían con camas da Coruña” de xeito que se chegaría “entre as dúas provincias” a 1,9 camas de UCI e 40 de hospitalización ordinaria. Porén, o informe engade: “Recoméndase garantir o prazo de activación en 5 días”.
O ministerio salienta o reforzo material e humano, o sistema de vixilancia con información diaria ou o centro de seguimento de posibles contaxios
O resto do documento limítase a validar que, segundo a información achegada pola Xunta, “reforzáronse notablemente todas as áreas tanto con recursos materiais como humanos”, cunha historia clínica única integrada e “un sistema de vixilancia que integra información de distintas fontes e que dispón da información necesaria diariamente”. O ministerio tamén reflicte o reforzo da toma de mostras, a existencia dunha ferramenta para o seguimento dos casos a domicilio e a contratación dun centro de chamadas para o seguimento de posibles contactos con persoas contaxiadas. Igualmente, Sanidad sinala que Galicia conta “cun protocolo conxunto de Sanidade e Política Social para a xestión dos centros sociosanitarios”, nos que di que se realizaran probas “a todos os residentes e traballadores”.
Referencias dispares á mobilidade
O informe de Galicia nada di sobre a mobilidade, como tampouco os de Asturias ou Castela e León, mentres que si se considera posible o seu control en Euskadi ou Estremadura
O documento do Ministerio de Sanidade que autoriza o paso á Fase 1 de Galicia nada di a respecto da mobilidade, un dos criterios, ademais dos sanitarios, que previamente o Goberno central dixera que avaliaría durante o avance do desconfinamento. Tampouco nada din os informes doutras autonomías como Asturias ou Castela e León, pero si os de Euskadi ou Estremadura.
No caso galego, o documento non di nada das peticións da Xunta de que as unidades do desconfinamento fosen as áreas sanitarias e non as provincias e de que se permitise a mobilidade entre elas. Porén, no caso de Euskadi si se sinala que “de acordo coa información achegada, hai unha elevada capacidade de control da mobilidade”, afirmación que non se acompaña de ningunha recomendación ou autorización expresa ao respecto, como a finalmente decretada polo Goberno central de que se poidan facer desprazamentos entre municipios lindeiros de provincias distintas. Tamén no caso de Estremadura, onde non están permitidos os movementos entre provincias, o documento sinala que “de acordo coa información achegada, o control da mobilidade fóra das áreas de confinamento (as provincias) é un reto asumible cos medios dispoñibles”.
Ao igual que Galicia, ningunha referencia á mobilidade se fai noutros informes de comunidades próximas como Asturias, Cantabria ou Castela e León. Pola súa banda, o informe de Andalucía sinala que era necesaria “máis información de como se está realizando o control da mobilidade en Andalucía”.