A Xunta dá por "controlada" a "infección" por coronavirus e pide ao Estado a mobilidade total en Galicia desde o día 11

Jorge Aboal, Vázquez Almuíña e Xurxo Hervada, na rolda de prensa telemática CC-BY-SA Xunta
Publicidade
Publicidade

A Xunta pide ao Goberno central que "toda" Galicia pase á fase 1 do desconfinamento o vindeiro luns ao entender que todo o territorio "cumpre os requisitos establecidos" e reclama tamén unha "mobilidade máis flexible entre territorios" que implicaría que a cidadanía poida moverse libremente por todo o país máis aló da unidade territorial que estableza o Ministerio de Sanidade para o control da pandemia e que o Sergas demandará que sexa a área sanitaria e non a provincia. 

O Sergas cualifica de "baixa incidencia" a situación do coronavirus en Galicia e pide que a cidadanía galega poida moverse por toda a comunidade desde o luns

Así o expresou este mércores en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, xunto ao director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía , Xurxo Hervada. Todos eles amosaron o seu optimismo pola actual "situación de baixa incidencia" do virus en Galicia e de "infección controlada", o que unido á capacidade sanitaria, diagnóstica e de control e seguimento de futuros contactos que tería Galicia permitiríalle esa "flexibilización" da mobilidade que solictará esta mesma tarde ao Ministerio. "A situación nas sete áreas sanitarias é boa", dixo o titular da Consellería. 

Actividade nun centro sanitario galego durante a pandemia do coronavirus © Sergas / CHUO

"Estamos practicamente sen transmisión comunitaria, practicamente cero se excluímos as residencias", aclarou Almuíña nunha afirmación na que insistiu Hervada, que falou dun nivel desta transmisión comunitaria "moi baixo", inferior aos dous por 100.000 habitantes. "Tanto en números absolutos como por tendencia, os datos son positivos", insistiu quen cre que a actual situación é de "infección controlada" e que destacou que en Galicia había uns 190 concellos libres de coronavirus hai dúas semanas e uns 280 sen ningún caso desde hai tres días. "En boa parte do territorio o virus non está a circular ou apenas o está facendo", engadiu. 

"Estamos practicamente sen transmisión comunitaria", di Almuíña; Sanidade asegura que nuns 280 concellos non hai ningún caso desde hai tres días

Así, a Xunta reclama que desde o día 11 se permita a mobilidade das galegas e dos galegos dentro do país sempre que as áreas sanitarias de orixe e destino se atopen "na mesma fase epidemiolóxica". Almuíña insistiu na necesidade de que sexan esas áreas as unidades territoriais de refencia e advertiu que isto permitiría mesmo illar "zonas" máis pequenas, a nivel de municipios, no caso de que houbese un rebrote localizado. 

Publicidade
Publicidade

"Será unidade territorial de actuación para impoñer restricións a zona sanitaria caso de que se poida atender a situación con esta delimitación, senón será o distrito e, de non ser posible, a área sanitaria", aclara o Sergas, que di cumprir con todos os requisitos reclamados polo Goberno central en todas as áreas sanitarias para pasar á fase 1 o vindeiro luns. 

O Sergas asegura ter capacidade para aumentar as máis de 3.000 PCR diarias da actualidade e de superar as 9.000 camas hospitalarias cos hospitais de campaña

En canto ao fortalecemento da Atención Primaria para garantir a capacidade diagnóstica con PCR de todos os casos compatibles coa covid-19, o Sergas di ter capacidade para máis de 3.000 probas PCR diarias e intentará "aumentala en próximas datas" ata chegar a aredor das 4.000, o que sería "suficiente" e permitirá identificar os casos e illar os positivos e controlar os seus contactos. "Deste xeito, a posibilidade de transmisión baixa moito ao estaren confinados ou illados e acaba sendo similar á de períodos de confinamento pero con máis liberdade para o resto da xente", asegurou Hervada. 

En canto á capacidade de asistencia hospitalaria, no que ten que ver con camas UCI e de hospitalización, Almuíña asegurou que na comunidade xa había máis de 9.000 camas que se aumentaron coa chegada da pandemia e a habilitación de hospitais de campaña, que non se utilizaron aínda pero poderían poñerse en marcha se así se requirisen. Ademais, o conselleiro ofrece ao Goberno central tamén a posibilidade de pór medios dunha área sanitaria a outra máis afectada e mesmo prazas de hotel para doentes que non poidan ser atendidos no seu domicilio. 

Mapa de áreas do Sergas vixente dende a reforma sanitaria do ano 2018 CC-BY-SA Mapa: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Sanidade fará un seguimento dos contactos dos positivos a través de "rastrexadores" que indicarán o illamento ou a corentena dos posibles contaxiados

Ademais, e respecto á identificación e contención das fontes de contaxio, Hervada explicou o plan do Sergas, trasladado ao Goberno central, baseado nun seguimento a través de teleoperadores que contactará cos contactos daquelas persoas que dean positivo para indicar ou "reforzar o illamento" do contaxiado e establecer a corentena dos seus achegados ata que se comprobe se están realmente infectados ou non. 

Eses "rastrexadores", explica o Sergas, poderanse aumentar ou diminuír en función das necesidades para detectar contactos. "Se aseguramos a trazabilidade dos positivos, estaremos no bo camiño", dixo Hervada, que advertiu tamén da intención de actuar especificamente no caso de atopar contaxios en determinados colectivos. 

Publicidade
Publicidade

Por outra banda, Almuíña asegurou que o Sergas reforzou o seu persoal sanitario en 1.700 persoas durante a pandemia e insistiu en que hai que "prepararse por se hai reactivación" dos casos, aínda que "a situación é a que hai: se quitamos as residencias da terceira idade, a transmisión comunitaria en Galicia é practicamente cero". 

Por último, e preguntado pola imposibilidade de facer tests ao persoal sanitario, Almuiña confía en que "nunha ou dúas semanas" esas probas cheguen ao "100%" dos profesionais do Sergas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.