O cambio introducido polo Ministerio de Sanidade na presentación dos datos do coronavirus que lle remiten as comunidades autónomas permitiu dende o pasado 5 de maio obter unha imaxe máis precisa da evolución da pandemia en Galicia, tendencia que tornara de imposible comparación despois de que, a pasada semana, a Consellería de Sanidade introducise dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal e aplicase novos cambios no cómputo para adaptarse ao marco estatal, pero sen ofrecer unha estatística completa propia. Estas mudanzas por parte do Ministerio permiten recuperar o total de casos acumulados como fío condutor tamén en Galicia e saber, ademais, se os novos casos son detectados mediante probas PCR -as máis precisas- ou utilizando test de anticorpos, os coñecidos como test rápidos.
O número acumulado de positivos da covid-19 en Galicia aumenta en 239, das que 46 foron detectados mediante probas PCR e as restantes, cos test de anticorpos
Na segunda xornada na que o Ministerio aplica a nova fórmula de presentación de datos Galicia atravesa a barreira das 10.000 persoas que deron positivo pola covid-19 nalgún momento dende o inicio da pandemia. Son, concretamente, 10.192. Trátase dun incremento de 239 casos novos reportados nas últimas vinte e catro horas; deles, 46 novos foron detectados mediante as probas PCR nunha xornada na que o número destes test máis precisos volveu remontar tras acadar o pasado 5 de maio o menor número dende finais de marzo. Chegan a 107.957 realizadas en Galicia -o Ministerio non actualiza a diario este dato-, o que supoñen 1.876 probas máis. Os 193 positivos novos coñecidos en Galicia foron detectados mediante test rápidos. [O Estado divulga datos da evolución do coronavirus en Galicia que a Xunta lle transmite pero non fai públicos]
A aclaración do Ministerio permite saber por que os "positivos activos" da Xunta baixan menos do que soben o que o Sergas segue denominando "curacións"
Con estes datos sobre a mesa, o dato de "positivos activos" que o Sergas segue manexando como referencia diaria perde importancia para coñecer o impacto global da pandemia no país, pero segue tendo importancia para coñecer os recursos do sistema sanitario dedicados a facer seguimento da covid-19. O número de "activos" é este 6 de maio, segundo a Xunta, de 2.808 persoas. Son 11 menos que un día antes -unha redución do 0,39%-.
Mentres, o que a Xunta segue denominando "curacións" pero o Ministerio especifica que son "infeccións resoltas", porque inclúe negativos en test rápidos que non necesariamente se corresponden con persoas que veñen de superar a enfermidade, chegan a 6.802. Son 241 máis -un incremento do 3,67%-. A devandita aclaración do Ministerio explica por que o número do que o Sergas presenta como "curacións" aumente máis do que diminúen os "positivos activos".
Nove mortes máis, seis de residencias
As persoas falecidas a causa da pandemia en Galicia son xa 582; seis das nove mortes coñecidas nas últimas vinte e catro horas foron de persoas que vivían en residencias de maiores
O número de persoas falecidas pola covid-19 chega este 6 de maio ás 582, segundo ambos cómputos. Son nove máis que un día antes e delas, seis eran persoas que viviran en residencias de maiores e dependentes. Unha faleceu na propia residencia, a Nuestra Señora de La Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense. As outras cinco faleceron ingresadas en centros hospitalarios.
O número de persoas falecidas pola covid-19 que viviran en centros de maiores e dependentes chega así ás 265, 131 delas nas propias residencias. Isto segue supoñendo algo máis do 45% do total de falecementos pola pandemia en Galicia.
19 hospitalizacións novas, pero 27 menos no global
A combinación de ambas fontes permite coñecer que segue habendo hospitalizacións novas a causa do coronavirus aínda que o global de persoas ingresadas pola pandemia siga a baixar
A combinación de datos do Sergas e do Ministerio -aínda que a fonte de ambas estatísticas é a mesma no referido a Galicia, o Sergas-, achega precisión tamén á situación da pandemia nos hospitais. Nas últimas vinte e catro horas rexistráronse 19 hospitalizacións novas en Galicia a causa da covid-19, dúas delas en unidades de coidados intensivos. Non obstante, o número total de persoas hospitalizadas a causa da pandemia segue a caer tanto por altas como por falecementos -cando menos 8 persoas morreron en centros hospitalarios galegos o pasado martes 5 de maio con positivos polo coronavirus-.
En total, as persoas hospitalizadas con data de 6 de maio a con casos de coronavirus positivos en Galicia son 236, un 10% menos. Delas, 37 están en unidades de coidados intensivos -dez menos- e outras 206, en unidades hospitalarias ordinarias -en planta-. Non todas estas baixadas implican altas ou falecementos, xa que desaparecen da estatística da covid-19 tamén as persoas que ingresaron como positivos pola doenza, que veñen de dar negativo pero seguen no hospital por non estaren aínda completamente recuperadas.
No que atinxe ás persoas illadas nos seus domicilio e que presentan positivos pola covid-19, a cifra chega este 6 de maio ás 2.572, incluíndo 446 persoas usuarias de residencias. O global aumenta levemente, un 0,63%.
Ascenso pronunciado de activos na área de Vigo, descenso en Ourense
Dende o cambio no cómputo, a altísima incidencia na área de Ourense iniciou unha liña descendente e xa se aproxima aos niveis do resto de Galicia
Por áreas sanitarias non existe a referencia dos datos do Ministerio, cuxos detalles chegan só ata o nivel autonómico, polo que a única referencia segue sendo a dos positivos activos reportados polo Sergas, coas devanditas limitacións. Partindo desta cautela, neste 6 de maio contrasta un pronunciado ascenso de positivos activos na área sanitaria de Vigo -85 máis, ata 781- cun descenso case igual de pronunciado na área de Ourense.
A área ourensá segue sendo, así e todo, a que presenta unha maior incidencia -casos activos por cada 100.000 habitantes- malia diminuír en 79 e quedar en 462. Non obstante, dende os cambios no cómputo a súa incidencia iniciou unha liña descendente que, combinada co mencionado ascenso en Vigo, reduce moi notablemente a súa diferenza co resto do país.