O Ministerio de Sanidade fai público cada día un informe sobre a evolución do coronavirus en todo o Estado a partir de cifras fornecidas polas comunidades autónomas. A información requirida polas autoridades sanitarias autonómicas ás estatais e o seu grao de detalle foi variando dende o inicio da pandemia da covid-19. Así, por exemplo, nos primeiros días de abril o Ministerio reclamou datos precisos sobre os falecementos en residencias de maiores e a mediados do mesmo mes pediu concrecións como o número de positivos detectados mediante probas PCR, as máis precisas, e aqueles que abrollaron a través de test de anticorpos.
A mudanza introducida polo Ministerio de Sanidade na presentación de datos da pandemia que obtén a través do Sergas permite coñecer datos como o número de positivos por test de anticorpos e recuperar o acumulado de casos como fío condutor da evolución da pandemia
No caso galego, a fonte destes datos é o Servizo Galego de Saúde, que ata finais de abril informou a prensa e á cidadanía de Galicia con magnitudes diferentes ás do Estado. Informaba, por exemplo, de positivos "activos" sen cifras acumuladas e daba contas só de altas hospitalarias mentres o Ministerio reportaba "curacións".
Durante todo este tempo, ao contrario que outros gobernos, a Xunta non publicou unha serie estatística completa sobre a evolución da pandemia no país. Pero si foi ofrecendo datos comparables cada día, permitindo a medios e cidadanía ir construíndo unha serie que saltou polos aires a pasada semana, cando introduciu dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal para, acto seguido, inserir outras modificacións no cómputo para -afirmou o presidente, Alberto Núñez Feijóo- adaptarse ao protocolo estatal.
Esa adaptación non trouxo consigo a publicación dunha estatística completa -a Xunta non o contempla-, pero tampouco a divulgación, por parte do Sergas, de todos os datos sobre a covid-19 que recompila para transmitilos ao Estado. Isto obriga a realizar un cruzamento das cifras fornecidas por ambas institucións para poder coñecer a evolución da pandemia, toda vez que o único dato que non sufriu alteracións significativas nos últimos días é o de persoas falecidas, que xa eran 573 ata este martes -o 45%, residentes de centros de maiores-.
Esta combinación de fontes permite obter un maior volume de información dende este 5 de maio, cando o Ministerio -que si ofrece unha serie completa por autonomías, aínda que incompleta, a través do Instituto Carlos III- mudou a forma de presentar a información, revelando datos que o Goberno galego segue sen publicar.
Ata este 5 de maio, os positivos acumulados en Galicia eran 9.953
Unha das variacións que vén de introducir o Ministerio é dar a coñecer cantos dos positivos detectados en cada autonomía proceden de test de anticorpos dende o inicio da pandemia e o detalle por días dende finais de abril. Este dato, engadido ao acumulado de persoas que deron positivo por proba PCR que xa viña publicando o Ministerio, permite recuperar o acumulado de positivos como fío condutor da evolución da covid-19 en Galicia, dato que a Xunta nunca publicou directamente, e saber cantos proceden de cada tipo de test. Ata este 5 de maio as persoas que deran positivo mediante PCR eran 9.051 e a través de test de anticorpos, 902. En total, 9.953 positivos acumulados.
Outro indicador relevante sobre a evolución da pandemia en Galicia que a Xunta manexa sen facer público, pero que transcendeu este 5 de maio a través do Ministerio de Sanidade ten que ver cos detalles das persoas que a Xunta presenta como "curadas" dende finais de abril, cando introduciu as devanditas 3.552 curacións "dun golpe" sen referencia temporal ningunha, sumándoas ao que ata ese momento fora a serie de altas hospitalarias e só indicando que se trataban de persoas que estiveran illadas a domicilio.
O Ministerio aclara tamén que o reportado como persoas "curadas" non implica necesariamente persoas dadas de alta ou persoas enfermas ata o día en que é coñecido o dato
Dende ese día, a columna de "curacións" triplicouse porque pasou a incorporar non só as persoas que, en verbas do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, pasaron a "poder considerarse como curadas" tras pasar o illamento domiciliario. Tamén, indicou Alberto Núñez Feijóo ao día seguinte, ás persoas que aínda que continúen ingresadas no hospital pasasen a dar negativo no test do coronavirus, aínda que continúen no hospital -como indicou o Ministerio-.
Esas persoas ás que a Xunta se refire como "curadas" deixaron de ter este martes esa denominación na estatística do Ministerio, que as pasa a computar como "infeccións resoltas". A razón, revela, é que é unha cifra que "inclúe os casos con enfermidade covid-19 dados de alta" -domiciliaria ou hospitalaria", pero tamén "ás que se realizou unha proba serolóxica", de anticorpos, e "non se puido evidenciar un momento de enfermidade".
Cabe deducir, daquela, que esta é a razón pola que o número de positivos activos que publica a Xunta está a diminuír nos últimos días menos do que aumenta o que o Sergas publica como "curados". Ademais, a través do Ministerio é posible coñecer o número de hospitalizacións novas, tanto en UCI como en unidades ordinarias, e o acumulado de hospitalizacións.
Complétase así un chisco máis unha imaxe que, así e todo, segue a ser incompleta por ambas bandas. O Ministerio segue sen ofrecer cada día, por exemplo, os datos de número de PCR realizadas, que o Sergas si actualiza a diario. Mentres, dende a Xunta continúase sen divulgar datos como o detalle da pandemia por concellos, que o Goberno galego si manexa e que outros gobernos como o asturiano están a facer públicos.