Detectados 40 novos casos de coronavirus en Galicia mediante PCR no día con menos probas dende finais de marzo

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Un novo cambio na presentación por parte do Ministerio de Sanidade dos datos do coronavirus que recibe cada día das comunidades autónomas permite, dende este 5 de maio, ter unha imaxe máis precisa da pandemia en Galicia malia á ruptura, a pasada semana, da serie estatística por parte do Servizo Galego de Saúde mediante a introdución de 3.552 "curacións" dun golpe sen referencia temporal ningunha e outras mudanzas no cómputo que tornaron en inviable calquera comparación cos datos previos ao día 28 de abril.

O cambio do Ministerio na presentación dos datos da covid-19 que recibe das autonomías permite recuperar o total de positivos acumulados como fío da tendencia da pandemia en Galicia

O departamento estatal vén de pasar a ofrecer detalles sobre se os novos positivos foron detectados mediante probas PCR ou test de anticorpos, algo que a Xunta tampouco detallara ata o momento malia si informar, dende os primeiros días de marzo, do número de PCR que estaba a efectuar. Estas e outras mudanzas na información do Ministerio permiten, daquela, recuperar o número de positivos acumulados como fío condutor da tendencia da pandemia en Galicia. [A Xunta non contempla publicar unha estatística completa do coronavirus malia ás distorsións da última semana]

Así, é posible afirmar que nas últimas vinte e catro horas foron detectados no país 40 novos positivos mediante probas PCR mentres que outras 54 persoas deron positivo en probas de anticorpos, que indican que o paciente pasou a covid-19 aínda que xa non teña síntomas na actualidade. En total, 94 casos novos. Isto sucede nunha xornada na que o número de PCR realizadas polo Sergas chega a 106.081. Son 1.091 máis que o día previo, o que supón o menor número de PCR procesadas en Galicia dende o 26 de marzo. [A lenta redución do número de positivos en Galicia abre dúbidas sobre o paso á fase 1 de desconfinamento]

Os falecementos son 4 máis, tres deles de persoas que viviran en residencias, e chegan a 573

Esta nova posibilidade de coñecer con máis detalle a evolución da pandemia prodúcese nunha xornada na que os falecementos certificados pola covid-19 en Galicia chegan a 573. Son 4 persoas máis e delas, tres viviran en residencias de maiores ou dependentes. Unha faleceu na propia residencia, a Santa Teresa Jornet da Coruña, onde xa faleceran máis residentes nos últimos días, segundo Sanidade. Do total de falecementos ligados á covid-19 en Galicia ata este 5, de maio, 259 eran persoas que viviran nestes centros, o 45% do total.

Máis de 9.000 positivos por PCR e menos de 1.000 por test rápidos

O Ministerio aclara que o número ata agora presentado como recuperacións inclúe tamén ás persoas que dan negativo en test de anticorpos aínda que antes non desen positivo

A nova presentación de datos por parte do Ministerio revela tamén que o indicador ata agora presentado como "curacións" non recolle só persoas curadas en sentido estrito, senón tamén "persoas ás que se realizou unha proba serolóxica", un test de anticorpos, e "non se puido evidenciar un momento de enfermidade". Este indicador, combinado co dos "positivos activos" que segue a empregar a Xunta, permite volver saber cantas curacións son tal.

Este martes, segundo a Xunta, o número de positivos activos situouse en Galicia en 2.819. Son 237 menos, unha redución do 7,76%. Mentres, o número de casos "resoltos" que reflicte a estatística do Ministerio increméntase en 327 para Galicia. Daquela, é posible concluír que nestas vinte e catro horas deron negativo 237 persoas que antes foran diagnosticadas coa covid-19 nalgún momento e outras 90 son pacientes que deron negativo nun test de anticorpos sen antes seren diagnosticadas como positivos.

Ao tempo, as novas cifras do Ministerio ofrecen un detalle que o Sergas non revelou ata agora, cantos dos positivos o foron mediante probas PCR e cantos, a través de test de anticorpos. Ata este 5 de maio, son máis de 9.000 positivos mediante as probas máis precisas -máis de nove de cada dez- e algo menos de 900, a través das probas rápidas, tal e como amosa o gráfico sobre estas liñas.

Menos hospitalización total, pero tres persoas máis na UCI

O total de persoas hospitalizadas pola covid-19 diminúe en 24, pero son dúas novas na UCI e oito nas unidades de hospitalización ordinaria

A combinación de ambas fontes, Xunta e Goberno central, permite tamén obter unha imaxe máis precisa do número de persoas que están ingresadas nos hospitais galegos a causa da covid-19. Este 5 de maio son 263, 24 menos que un día antes -unha redución do 8%-, pero nas últimas vinte e catro horas a ocupación en UCI aumentou en 3 persoas, dúas delas novas, pasando de 34 a 37. O número total de persoas na UCI a causa da pandemia só aumentou dous días dende o 4 de abril: o pasado día 25 e este 5 de maio.

Mentres, as persoas hospitalizadas en unidades ordinarias -en planta- son agora 226, segundo o Sergas. A información do Ministerio detalla que oito das persoas hospitalizadas en unidades ordinarias son novas, non estaban ingresadas na xornada previa.

No que atinxe ás persoas en illamento domiciliario por seren aínda consideradas como positivos activos pola covid-19 -entre elas, 547 usuarias de centros de maiores-, sitúanse este 5 de maio nas 2.556. É unha redución superior ao 7% con relación ao día anterior.

Redución de activos en todas as áreas sanitarias

No que atinxe aos datos por áreas sanitarias, a ampliación de datos por parte do Ministerio de Sanidade non permite obter máis luz sobre a situación actual, xa que o departamento estatal non ofrece detalles máis alá do nivel da comunidade autónoma. Daquela, por áreas o indicador segue a ser o dos positivos activos que ofrece o Sergas e a incidencia -activos por cada 100.000 habitantes- que é posible calcular a partir deles.

Neste 5 de maio, o descenso global de positivos activos atinxe a todas as áreas. Faino especialmente na da Coruña, con 71 positivos activos menos. Este descenso deixa a área sanitaria de Vigo como a que rexistra máis positivos activos, aínda que con escasa diferenza. Tamén son pronunciadas as baixadas de positivos activos nas áreas de Ourense e Lugo, con 47 e 44 casos activos menos, respectivamente. Así e todo, a incidencia -casos activos por cada 100.000 habitantes- da área ourensá segue destacando por riba de todas as demais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.