Galicia tería UCI dabondo para avanzar no desconfinamento, pero precisaría máis camas hospitalarias

Instalacións de urxencias do hospital de Ourense, nunha imaxe divulgada polo servizo de comunicación do CHUO durante a crise da covid-19 © Sergas

O Goberno de España publicou este domingo no Boletín Oficial do Estado as condicións do que denomina como "proceso de cogobernanza" coas comunidades autónomas para o desconfinamento e levantamento gradual das medidas impostas ao abeiro do estado de alarma para frear os contaxios da covid-19. Mediante unha orde ministerial, regula o xeito en que as autonomías poden formular propostas para "ampliar, modificar ou restrinxir" as actividades ou desprazamentos permitidos. Para facéreno, é clave a dispoñibilidade de unidades de coidados intensivos e camas hospitalarias e, mentres nas UCI Galicia estaría en condicións de cumprir, aínda non cumpriría no que atinxe ás unidades ordinarias.

Os requisitos hospitalarios son clave para que as autonomías poidan solicitar levantar restricións do confinamento ou xestionalo por áreas sanitarias no canto de por provincias, como pide a Xunta

O departamento que dirixe Salvador Illa fixa un procedemento mediante o cal, no caso galego, a Xunta poderá propoñer dende esta mesma semana (a primeira proposta debe chegar ao Ministerio antes das dúas da tarde do mércores, 6 de maio) que Galicia entre na fase 1 do desconfinamento ou, por exemplo, xustificar a súa petición de este proceso teña como unidade territorial de referencia as áreas sanitarias, no canto das provincias

Estas propostas, estipula o Ministerio, deben incluír información epidemiolóxica, datos sobre as "capacidades estratéxicas" para a "identificación e contención rápida de fontes de contaxio", os mecanismos para "reducir o risco de transmisión" do coronavirus ou aspectos vinculados á mobilidade. En calquera caso, para que o Ministerio "tome en consideración" calquera proposta, as comunidades autónomas deben garantir que contan con, "cando menos", dúas condicións no sistema hospitalario dos territorios -provincias ou, se é aprobado, áreas sanitarias- nos que pretenda avanzar de fase.

Aviso sobre o límite de visitas no Clínico de Santiago por mor do coronavirus CC-BY-NC-SA CIG

A Xunta asegurou nas últimas semanas estar en condicións de habilitar ata 400 postos de UCI, polo que podería cumprir ese requisito para o desconfinamento

O primeiro dos requisitos é o vinculado ás unidades de coidados intensivos. Concretamente, o Ministerio pide "dispoñer ou ter acceso ou capacidade de instalar nun prazo máximo de cinco días" entre 1,5 e 2 camas de UCI por cada 10.000 habitantes. Atendendo ás cifras de poboación de referencia do último ano completo en Galicia (2.699.499 persoas, segundo o IGE), Galicia precisaría dispoñer ou estar en disposición de habilitar entre 403 e 538 camas de UCI.

No inicio da crise do coronavirus, a sanidade pública galega dispuña de 160 postos de UCI. Segundo informou o Sergas durante o mes de marzo as ampliacións realizadas para afrontar a pandemia -reconvertendo unidades de reanimación, por exemplo- serviron para habilitar outros 114, ata chegar a 274. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou a finais de abril que a Consellería de Sanidade xa dispuña de materiais para habilitar uns 400 postos de UCI se fosen precisos e o conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, sinalou a pasada semana en declaracións á Radio Galega que os seus plans pasan por "chegar ata os 400 ou 500" postos. 

Ao límite nas camas ordinarias de hospital

Galicia precisaría unhas 9.950 camas hospitalarias para cumprir o requisito e, segundo os datos máis recentes do IGE, están en funcionamento algo menos de 9.000

Daquela, atendendo ás previsións expresadas pola propia Xunta, Galicia estaría en condicións de cumprir a ratio de postos da UCI para avanzar no desconfinamento. Pero cuestión diferente sucedería coas camas hospitalarias ordinarias, cuxo número vén diminuíndo na última década ata baixar por primeira vez no que vai de século das 9.000 en funcionamento, segundo constaba o Instituto Galego de Estatística na súa actualización da pasada semana, con datos de 2018. O Ministerio pide, neste caso, "dispoñer ou ter acceso ou capacidade de instalar" en cinco días "entre 37 e 40 camas" por cada 10.000 habitantes. Isto é, no caso de Galicia, entre 9.953 e 10.760 camas.

Atendendo tamén ás camas instaladas pero que non están en funcionamento, Galicia achegaríase ao mínimo esixido polo Ministerio de 37 camas por cada 10.000 habitantes

O dato máis recente do IGE indica que Galicia dispón de 8.975 camas hospitalarias en funcionamento e outras 1.003 instaladas -non operativas, pero en condicións de estalo-. Delas, segundo información verbal da Xunta durante a propia crise do coronavirus, unhas 6.200 son camas propias do Sergas. Atendendo aos datos máis recentes do Ministerio de Sanidade, o total de camas hospitalarias públicas dispoñibles en territorio galego roldan as 7.500 e as demais serían privadas, as cales mentres dure o estado de alarma están "ás ordes" do sistema público.

Sempre tomando como referencia os devanditos datos máis recentes, a actual ratio de camas hospitalarias en funcionamento en Galicia estaría un chisco por riba das 33, lonxe do mínimo de 37 esixido polo Ministerio. Si se superaría pola mínima ese limiar tendo en conta o total de camas instaladas. Coa base poboacional de 2019, a última vez que Galicia cumpriría este baremo agora clave para o desconfinamento sería co número de camas das que dispuña no ano 2006.

A Consellería de Sanidade asegura estar en condicións de poder superar os limiares esixidos polo Ministerio

O cumprimento sería un pouco máis folgado, non obstante, se chegado o caso a Xunta decidise habilitar hospitais de campaña como os previstos a finais de marzo na Coruña e Santiago e finalmente desbotados por comezar a relaxarse as cifras da pandemia. Ambas instalacións previstas en Expocoruña e no Multiúsos Fontes do Sar ían sumar unhas 400 camas, segundo sinalara o Goberno galego.

Cuestionada por Praza.gal sobre as posibilidades de Galicia para cumprir ou non os limiares fixados polo Goberno central no que atinxe ás camas hospitalarias, a Consellería de Sanidade non respondeu. Si fixo público na tarde deste luns un comunicado no que asegura "superar os mínimos establecidos". Concretamente, Sanidade mantén que pode "chegar a dispor de 10.313 camas", o que situaría a ratio en 38,2 por cada 10.000 habitantes. 

Desa previsión, especifica, "8.149 correspóndense coa rede de centros públicos", outras 906 de hospitais privados e "1.258 cunha expansión hospitalaria que se podería activar en cinco días". Nesa "expansión" estarían os hospitais de campaña. No que atinxe ás UCI, indica que ten "capacidade" para ter ata 2,55 postos por cada 10.000 habitantes.

A oposición galega atribúe aos "recortes" da anterior crise as dificultades que Galicia poida padecer no desconfinamento por falta de camas e lembra a intervención na que o conselleiro de Sanidade considerou en 2016 que "o tema de camas é moi importante nos hoteis, pero nos hospitais xa non é tan importante"

 Nos últimos días, non obstante, o propio Feijóo veu esixindo ao Executivo central criterios obxectivos para o paso entre fases do desconfinamento, aínda que facendo máis fincapé na evolución epidemiolóxica do virus e non tanto na infraestrutura sanitaria.

Mentres, dende os grupos da oposición galega, os líderes de PSdeG, BNG e Galicia en Común aseguraban este luns ver claro que os "recortes sanitarios" que, acusan, aplicou a Xunta durante os anos da anterior crise económica dificultarán agora que o país estea preparado para o desconfinamento. Nas filas das formacións da esquerda ecoan nestes días as palabras pronunciadas por Almuíña no Parlamento cando, en resposta a unha pregunta do BNG en xuño de 2016, considerou que "o tema de camas é moi importante nos hoteis, pero nos hospitais xa non é tan importante", porque a sanidade pública "evolucionou moito" e na actualidade, os procesos clínicos que requiren ingreso son menos e de menor duración.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.