Estes son os criterios sanitarios que determinarán o regreso de cada territorio á 'nova normalidade'

Bombeiros de Ferrol desinfectan o exterior dun centro sanitario © Concello de Ferrol

O proceso de desescalada, cuxos detalles foron debullados este martes por Pedro Sánchez, rexerase no seu ritmo de avance por unha serie de criterios epidemiolóxicos, de capacidade do sistema sanitario, socioeconómicos e de mobilidade. Estes criterios veñen definidos por un conxunto de indicadores que o Goberno central detalla nun dos documentos aprobados polo Consello de Ministros.

En virtude de que un determinado territorio (provincia ou área sanitaria, no caso de Galicia) cumpra con estes criterios poderá ir avanzando en cada unha das catro fases definidas polo Executivo, ata chegar ao que xa se definiu como "nova normalidade". En termos xerais, como xa apuntabamos este luns, Galicia cumpre cos criterios de capacidade hospitalaria, pero debe aínda reducir o ritmo de transmisión e a incidencia do virus. Pero, ademais, as autoridades sanitarias avaliarán outros criterios para os que, de momento, non se fixeron públicos uns niveis concretos.

Indicadores epidemiolóxicos: Número de casos con síntomas compatibles con covid19 e confirmados por laboratorio. Ademais dos datos de incidencia xeral, teranse en conta outros indicadores relacionados, como o número de casos hospitalizados e en UCI, o número de falecementos, o número de casos e mortes en residencias ou o número de profesionais sanitarios infectados. Tamén se observará o número de probas PCR realizadas e o seu resultado (a porcentaxe de probas positivas)

Detección temperá: Terase en conta en cada territorio a porcentaxe dos casos con síntomas compatibles de COVID-19 nos que se realizou unha proba diagnóstica, o tempo entre a data de inicio de síntomas e a data de consulta en casos confirmados, o tempo entre a data de inicio de síntomas e data de diagnóstico e tamén a porcentaxe de casos novos que non son contacto de casos confirmados coñecidos.

Illamento precoz: Observarase en cada territorio o tempo entre a data de inicio de síntomas e a data de illamento e o tempo entre a data de primeira consulta e a data de illamento.

Control dos contactos dos casos confirmados: Avaliarase o número de contactos estreitos identificados por caso e a porcentaxe de contactos estreitos que desenvolven síntomas durante o seguimento e son confirmados.

Indicadores de capacidade do sistema sanitario: Analizarase en cada territorio o grao de ocupación das UCIs, das camas de agudos e o stock de materiais de prevención. Tamén dependerá do número de respiradores de reserva e da capacidade diagnóstica dos laboratorios e da existencia de "centros non sanitarios en disposición de medicalizar".

Indicadores de mobilidade: Teranse en conta os datos de mobilidade obtidos a partir do posicionamento dos teléfonos móbiles e que diariamente analiza o Ministerios de Transportes, tanto no que atinxe á mobilidade no interior das provincias, á comunicación entre unhas e outras provincias e tamén no interior das grandes cidades (en Galicia só existen datos para Vigo). Ademais, observaranse os datos de utilización do transporte público nas grandes cidades e os datos xerais de transporte de pasaxeiros e mercancías. Igualmente, analizaranse os datos de mobilidade nas áreas de residencia, e que diariamente vai publicando o INE.

Indicadores económicos e sociais: Finalmente, o Executivo observará unha serie de indicadores socioeconómicos en cada territorio, como os datos laborais de afiliación á Seguridade Social, os ERE presentados ou o consumo de enerxía eléctrica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.