O Goberno central aproba este martes o plan de desescalada do confinamento, un proceso que será gradual e asimétrico, con medidas progresivas que se aplicarán con distinta velocidade nuns lugares ou outros. Haberá un calendario de accións de regreso á normalidade, que comezou este domingo co permiso aos menores de 14 anos para saír unha hora ao día á rúa e que continuará este sábado 2 de maio coa liberdade para realizar exercicio físico e dar paseos, preto da casa e mantendo sempre a distancia física recomendada.
Galicia atópase nunha boa situación para iniciar a desescalada no que atinxe ao número de camas hospitalarias libres, pero rexistra aínda cada día un número de positivos de coronavirus por riba das cifras recomendadas
A desescalada levará aparellada a necesidade de reforzar a capacidade para realizar tests masivos e, igualmente, un reforzo na atención primaria e na capacidade do sistema. Igualmente, haberá uns criterios que definirán o ritmo do desconfinamento, referidos á propia evolución da enfermidade e á súa transmisión, e tamén á situación do sistema hospitalario. Cumpre Galicia con estes criterios?
Como apuntabamos esta fin de semana, Galicia atópase nunha boa situación para iniciar a desescalada no que atinxe ao número de camas hospitalarias libres, tanto de UCI como nas unidades convencionais. A taxa de hospitalización (a porcentaxe de novos infectados pola Covid-19) que deben ser ingresados no hospital atópase tamén por debaixo dos niveis máximos recomendados para comezar o regreso á actividade normal. Porén, rexistra aínda cada día un número de positivos de coronavirus por riba das cifras recomendadas para iniciar este desconfinamento.
Aínda demasiados casos cada día
Para avanzar na desescalada recoméndase que o número de positivos diarios sexa de 1 ou 2 por cada 100.000 habitantes. Galicia rolda os 5
Galicia segue sumando cada día máis dun cento de novos casos de coronavirus. De feito, dende mediados de marzo tan só en dúas xornadas a cifra baixou desa cantidade. A media na última semana moveuse entre os 130 e os 140 casos diarios. Moi por debaixo, iso si, que os máis de 400 que chegou a haber nos últimos días de marzo e primeiros de abril. A curva aplanouse notablemente, pero debe seguir facéndoo ata acadar os niveis que as autoridades sanitarias consideran seguro para iniciar un regreso á normalidade.
Un dos criterios epidemiolóxicos cos que o Ministerio de Sanidade vén traballando dende hai semanas é que a taxa de incidencia debe ser inferior a dous casos novos ao día por cada 100.000 habitantes (aínda que tamén se baralla reducir este límite a 1 caso por cada 100.000 habitantes).
Galicia incrementou nas últimas semanas o número de probas de detección e na actualidade realiza ao redor de 3.000 ao día
O indicador de dous casos novos por cada 100.000 habitantes suporía para Galicia ao redor de 54 positivos diarios, moi por debaixo da cifra actual. E, no caso de que o límite fose de 1 só caso por cada 100.000 habitantes, a cifra debería ser de 27 positivos diarios. No gráfico obsérvase como nestes momentos a media diaria é duns 4 ou 5 casos por cada 100.000 habitantes, e debería reducirse a menos da metade. E facelo de forma sostida e continuada, sen volver incrementar esa cantidade.
Haberá que ver se neste caso se establecen diferenciacións entre as distintas áreas sanitarias. Ourense, sobre todo, e tamén A Coruña e Compostela, son as zonas de Galicia cun maior número de casos de coronavirus por habitante. Pola contra, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol presentan valores máis baixo.
Máis probas, menos positivos
Se o número de casos non baixa máis é, en parte, porque nas últimas semanas se están a realizar moitas máis probas de detección. De feito, nas últimas dúas semanas a media de PCR realizadas en Galicia rolda as tres mil diarias, fronte ás dúas mil diarias da primeira quincena de abril e ás pouco máis de mil da última semana de marzo.
Hai un mes o 25% das probas realizadas eran positivas, hoxe a porcentaxe rolda o 5%
Galicia suma xa máis de 87.000 probas realizadas (32,2 por cada 1000 habitantes). Tan só A Rioxa, Euskadi, Asturias, Cantabria e Madrid levaron a cabo máis probas PCR que Galicia. Iso si, no que atinxe aos tests rápidos, os datos galegos son bastante inferiores. O máis importante é que, en paralelo con este incremento de probas realizadas, foi diminuíndo a porcentaxe de positivos, que chegara a superar o 25% na última semana de marzo. É dicir, 1 de cada 4 probas era positiva. A media, dende hai 10 días, rolda o 5%.
A outra clave: os hospitais
Outra das claves que marcarán o desconfinamento será a capacidade do sistema sanitario para seguir xestionando os casos máis graves de coronavirus. O confinamento evitou o colapso do sistema, pero o regreso á normalidade podería provocar un novo incremento nos contaxios.
Ás comunidades autónomas pediráselles capacidade para dobrar o número de camas de UCI e para tratar en zonas separadas os doentes ou sospeitosos de Covid-19
Outro dos criterios que as autoridades veñen manexando é que só unha parte moi pequena dos novos casos de coronavirus que se produzan necesiten de ingreso hospitalario. Para permitir dar pasos adiante no procesos de desescalada, esta taxa de hospitalización non debe superar o 30%. É dicir, que menos de 3 de cada 10 positivos necesiten ingreso hospitalario.
Galicia atópase moi por debaixo dese 30% e nestes momentos rolda o 15%. Trátase doutro indicador que foi baixando nas últimas tres semanas, pois chegara a roldar o 40% e mantívose por riba do do 30% ata hai unha semana.
Para permitir dar pasos adiante no procesos de desescalada, a taxa de hospitalización non debe superar o 30%. Galicia rolda o 15%
O número diario de pacientes de coronavirus que ingresan cada día nos hospitais galegos móvese xa por debaixo dos 20. E mesmo se sitúa entre 11 e 15 nos últimos catro días. Con todo, na última semana de marzo e na primeira quincena de abril a cifra superou moitas xornadas as 100 persoas diarias, que ían incrementando o número de pacientes ingresados. A limitación na entrada de novos enfermos e o incremento nas altas nos últimos días conseguiron reducir moito o risco de saturación e colapso.
Límites máximos de camas ocupadas
As autoridades sanitarias barallan algúns criterios obxectivos para definir o correcto estado do sistema hospitalario, sobre todo no que atinxe ás UCI. Ás distintas comunidades autónomas pediráselles capacidade para dobrar o número de camas de UCI e para tratar en zonas separadas os doentes ou sospeitosos de Covid-19. Pero, ademais, recoméndase que cando menos o 50% das camas de UCI estean libres de pacientes de coronavirus e que tamén o estean o 70% de todas as camas hospitalarias.
Galicia conta nestes momentos con 274 camas de UCI (eran 161 a comezos de marzo, pero a cifra incrementouse para facer fronte á pandemia) e ao redor de 9.000 camas hospitalarias totais, sumando aí as preto de 2.000 existentes nos hospitais privados.
Nestes momentos o 30% dos espazos de UCI están ocupados por pacientes de coronavirus, unha porcentaxe que chegou a ser do 65%
Nesta crise do coronavirus, o peor momento nos hospitais viviuse nos últimos días de marzo e na primeira semana de abril, cando se acadaron as cifra máximas de camas ocupadas. Chegou a haber 177 camas de UCI ocupadas por pacientes de coronavirus, e durante varios días o número total de persoas infectadas ingresadas nos hospitais galegos superou o milleiro. Case un mes despois, estas cifras caeron á metade: 83 camas de UCI e menos de 600 prazas totais ocupadas.
Os dous indicadores están, polo tanto, moi por debaixo dos niveis máximos que se barallan esixir para permitir avanzar na desescalada. Nestes momentos o 30% dos espazos de UCI están ocupados por pacientes de coronavirus, unha porcentaxe que chegou a ser do 65%. De igual xeito, tan só o 6% das camas hospitalarias totais están ocupadas por casos positivos da Covid-19, un valor que chegou a ser de máis do dobre.