Expocoruña e o Multiúsos Fontes do Sar non funcionarán, finalmente, como hospitais de campaña para paliar a saturación dos centros sanitarios pola pandemia do coronavirus. As instalacións anunciadas polo Goberno galego o pasado 31 de marzo, xornada na que Alberto Núñez Feijóo estimara a súa entrada en servizo para a primeira ou segunda semana de abril, finalmente non serán precisas porque, en verbas do propio presidente da Xunta, "o pico está superado".
Feijóo dá por "desactivada a fase aguda" da pandemia da covid-19 e sitúa o "pico" na contorna da primeira fin de semana de abril
Segundo Feijóo, o comité do Sergas que fai seguimento do impacto da covid-19 en Galicia estima que é posible dar por "desactivada a fase aguda" da pandemia no país e o Goberno estima que ese "pico" quedou na contorna da fin de semana do 5 de abril, cinco días despois do anuncio dos hospitais de campaña -que o Executivo dicía valorar tamén para o Ifevi de Vigo-. Naqueles días chegou ao máximo o número de persoas hospitalizadas por esta doenza.
"Tiñamos que estar preparados" e por iso estas instalacións comezaron a construírse, xustifica, pero "todo indica que non será necesario utilizalos", o cal considera unha "boa noticia". Non cumprirán cando menos "de momento" e "se non hai un rebrote" da enfermidade "nos próximos meses ou a finais de ano" nun contexto no que bota man do termo empregado nas últimas semanas por Pedro Sánchez, vén unha "nova normalidade" na que "moitas cousas non poderán ser como antes" ata que "comunidade científica descubra unha vacina".
Sanidade non especificou polo momento os orzamentos destinados a habilitar estes recintos como hospitais de campaña e a súa plataforma de contratación tampouco ofrece ata agora detalles ao respecto. Tampouco o fixo Feijóo, que na súa intervención para os medios a través de internet -retransmitida tamén, como adoito, ao vivo pola TVG- si fixo fincapé en transmitir agradecementos a varias empresas que, asegurou, colaboraron na montaxe. Entre elas citou a Estrella Galicia, Inditex, Bandalux, Oximesa, Gadis ou o despacho de avogacía APS, sen especificar as achegas concretas de cada unha delas aos proxectos.
A Xunta sinalara que prevía unhas 400 camas nos hospitais de campaña; Galicia conta cunhas 7.000 camas públicas e arredor de 2.000 privadas
O anuncio de non utilizar os hospitais de campaña chega nun contexto no que, atendendo aos datos fornecidos este mércores polo Sergas, hai 874 persoas hospitalizadas por mor do coronavirus en Galicia. Delas, 128 están na UCI -tras once días de descenso- e 746, en unidades ordinarias de hospitalización. A finais de marzo, Sanidade estimaba que ía precisar ata 4.000 camas ao mesmo tempo para atender a persoas afectadas pola pandemia, segundo asegurara o propio Feijóo, que cifrara nunhas 400 as habilitadas en Expocoruña e no Multiúsos do Sar. Na actualidade e malia aos recortes dos últimos anos, Galicia conta cunhas 7.000 camas hospitalarias públicas e unhas 2.000 privadas.
Protocolo de máscaras para "toda a nación española"
Alén da situación das residencias de persoas maiores e dependentes, Feijóo detívose outra volta nas críticas ao Goberno de España sobre a xestión da pandemia, xa sexa para esgrimir os "test fiables" cos que a Xunta fará "un estudo epidemiolóxico" fronte aos remitidos polo Estado ou tamén para censurar que o que considera "ideas contraditorias" sobre o uso de máscaras sanitarias.
Neste sentido, asegura, a Xunta tentará "garantir o subministro" de máscaras "a todos os galegos que o soliciten" cando "finalice o confinamento", remate que ao seu xuízo debera ser viable aplicar con "intensidades distintas" en función da incidencia da pandemia en diferentes puntos do Estado. Sobre o seu uso concreto, asegura, o Goberno galego seguirá reclamando "un protocolo que debe ser único en toda a nación española" determinado polo Goberno central ao cal, como fixera a finais de marzo o presidente de Aragón, Javier Lambán, Feijóo pide tamén que estude permitir saídas "controladas" da poboación menor de idade.