O ritmo decrecente da pandemia do coronavirus en Galicia apunta unha xornada máis á súa consolidación. No día en que, segundo os datos do Sergas, o país superou o limiar dos 6.000 positivos activos e das 50.000 probas realizadas, o total de casos aumentou por segunda xornada consecutiva menos dun 1% con relación ás vinte e catro horas previas, o cal non sucedera dende que foi reportado o primeiro caso.
Os positivos activos chegan a 6.109, un 0,77% máis, e as altas medran un 4,68% e chegan ás 1.298
Atendendo á información fornecida este 15 de abril por Sanidade, os positivos activos da covid-19 en Galicia son 6.019, un incremento do 0,77% na última xornada, na que o número de probas PCR chegan xa, segundo o Sergas, a 50.396 -o martes, día 14, eran 48.337-. Outro día máis, as altas avanzan máis rápido que os novos casos. Son xa 1.298 persoas de alta, un 4,68% máis.
Xa faleceron pola covid-19 391 persoas. Das sete novas mortes rexistradas, cinco aconteceron en residencias de maiores, catro delas en centros DomusVi
Tamén enlentece o incremento no número de falecementos ligados á pandemia dos que a Xunta dá conta. Morreron xa por esta causa 391 persoas, sete máis que o día anterior. Delas, cinco faleceron en residencias de persoas anciás. Concretamente, sempre segundo o Sergas, faleceron pola covid-19 dúas persoas máis na residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago, unha na DomusVi Cangas -intervida pola Xunta polo elevado número de contaxios-, unha na residencia DomusVi Matogrande da Coruña e unha, na residencia de maiores de Foz, na Mariña. Todo apunta a que estes falecementos en residencias seguen sen rexistrarse como tales na base de datos do Ministerio de Sanidade, que este mércores sinala 299 falecementos en Galicia malia reflectir un número de casos acumulados idéntico ao do Sergas.
Con estas cifras sobre a mesa, 174 das 391 persoas cuxos falecementos co coronavirus están acreditados vivían en residencias de persoas maiores e dependentes e 92 delas faleceron nos propios centros. Isto supón que as mortes de residentes destes centros son xa o 44% do total rexistrado en Galicia nun contexto no que os positivos activos neles son máis de 1.300: segundo o Sergas, 929 de persoas usuarias e 419, do persoal.
Once días con menos casos de coronavirus na UCI
A presión nas UCI pola pandemia segue á baixa e a hospitalización ordinaria aumenta levemente
O maior alivio no que atinxe á presión da pandemia sobre o sistema sanitario segue nas unidades de coidados intensivos. Por undécimo día consecutivo, redúcese o número de persoas que precisan asistencia na UCI pola covid-19 e son agora 128, un 3,76% menos. Os datos deste 15 de abril si indican, non obstante, un incremento nos ingresos en unidades ordinarias dos hospitais, onde reciben asistencia 746 persoas que deron positivo en coronavirus, o que supón un aumento do 1,77%.
Neste contexto, as persoas illadas nos seus lugares de residencia tras daren positivo por coronavirus seguen sendo arredor do 85% do total de casos activos. Ascenden a 5.145, un 0,74%, o que supón o menor incremento en vinte e catro horas dende o comezo da pandemia.
O maior aumento de casos, na área de Santiago
Catro áreas sanitarias debuxan nos últimos días unha liña practicamente plana de positivos activos
Por áreas sanitarias, o maior incremento de positivos activos das últimas vinte e catro horas en termos absolutos rexistrouse na de Santiago, segundo o Sergas, con 22 novos detectados e un total de 1.029. As áreas con máis activos seguen sendo A Coruña e Ourense, esta última coa maior incidencia do país -casos por 100.00 habitantes, moi por riba das demais. [O coronavirus remite en toda Galicia agás na provincia de Ourense, que duplica a incidencia do resto de áreas sanitarias]
Fronte ás tendencias aínda ascendentes das devanditas tres áreas, as outras catro debuxan nos últimos días unha liña practicamente plana. Así o fai a área viguesa e así o fan, con aínda maior claridade, as de Lugo, Pontevedra e Ferrol.