DomusVi ofrece emprego a estudantes de Medicina e Enfermaría nas residencias que suman máis mortes por coronavirus

Ofertas de emprego publicadas por DomusVi para estudantes de Enfermaría e Medicina CC-BY-NC-SA Praza Pública

A mediados do pasado marzo, no marco do primeiro paquete de medidas para afrontar a crise do coronavirus, o Ministerio de Sanidade estableceu que, de maneira excepcional, as autoridades sanitarias poderían contratar "estudantes do grao de Medicina e Enfermaría no seu último ano de información" para, baixo "supervisión", apoiar as tarefas sanitarias de loita contra a covid-19. Catro días despois, a Xunta concretou estas directrices para Galicia e as incorporacións, sempre co devandito matiz da "supervisión", chegaron tanto a centros sanitarios como sociosanitarios, caso das residencias de persoas anciás, un dos puntos máis sensibles do traballo fronte á pandemia e que, no caso galego, concentran algo máis do 40% dos falecementos acreditados.

Segundo os datos coñecidos a través da Xunta, os centros de DomusVi en Santiago e Cangas concentran cando menos 21 e 20 falecementos ligados ao coronavirus, respectivamente

En total, ata este 13 de abril faleceran con coronavirus en Galicia 158 persoas que viviran en residencias de persoas maiores e dependentes. Delas, segundo o Servizo Galego de Saúde, 82 morreran nos propios centros residenciais e as restantes 76, en hospitais ou en residencias integradas -os centros de maiores medicalizados establecidos pola Xunta durante a crise da covid-19-. Deste total de persoas falecidas, cando menos 21 eran residentes do centro DomusVi San Lázaro, en Santiago, e outras 20, da residencia da mesma empresa en Cangas. Outras 16, de Nuestra Señora de La Esperanza (Fundación San Rosendo) en Ourense e 13 máis, de DomusVi Barreiro, en Vigo.

Sempre coa cautela de que estas cifras -resultantes de sumar os datos divulgados pola Consellería de Política Social ata a pasada semana e agora, polo Sergas- poden ser incompletas -a Xunta non está a especificar de que residencia proceden as persoas anciás que son trasladadas ao hospital e falecen alí-, é posible afirmar que, segundo os datos oficiais, as dúas residencias con máis persoas falecidas pola covid-19 son as devanditas de DomusVi en Santiago e Cangas. E para ambas, a empresa propiedade de fondos de investimento internacionais está a buscar estudantes de Medicina e Enfermaría.

Residencia de DomusVi en Aldán (Cangas), intervida pola Xunta polos contaxios do coronavirus © DomusVi

A empresa subliña que os estudantes traballan con "supervisión", na liña do estipulado polo Ministerio

O espazo de DomusVi no portal de busca de emprego Infojobs está a divulgar nos últimos días numerosas ofertas de traballo mentres medran os casos de coronavirus detectados en residencias do grupo. Entre elas, xunto a ofertas para persoal médico e de enfermaría coa formación xa concluída, figura a procura de "estudantes de sexto curso de Medicina" para a súa residencia compostelá e a mesma oferta, para "estudantes de cuarto curso de Enfermaría" con destino a Cangas. 

Na oferta de Santiago, publicada o 10 de abril, DomusVi indica que non cómpre experiencia previa e que as funcións destes estudantes de medicina, "baixo supervisión do médico/a titular", consistirán en "valoración integral" das persoas residentes, "cumprimentar a documentación clinico-asistencial" ou facer "seguimento do proceso de adaptación de novos residentes". Na de Cangas, para estudantado de cuarto curso de Enfermaría, tampouco cómpre experiencia e as funcións son as propias do persoal de enfermaría da residencia, igualmente con indicación de "supervisión". 

A residencia DomusVi Cangas é unha das intervidas pola Xunta e dende a oposición galega reclámase que suceda o mesmo coa de Santiago, polo seu elevado número de contaxios e falecementos

A residencia DomusVi Cangas é unha das tres que, ata o momento, foron intervidas pola Xunta por mor do seu elevado número de contaxios de coronavirus (94 ata este luns). As residentes contaxiadas en DomusVi San Lázaro eran 84 ata este luns e, dado o elevado número de falecementos, dende a oposición galega reitéranse dende hai días as apelacións á Xunta para que o centro sexa intervido. Esa petición reiterábaa o pasado domingo Martiño Noriega, número tres de Galicia en Común pola Coruña e voceiro de Compostela Aberta, tras advertir nas súas redes sociais da existencia destas ofertas de emprego en Infojobs.

Diante da situación nos seus centros pola pandemia da covid-19, a empresa resultante da fusión de Geriatros con SARquavitae emitiu o pasado día 17 un comunicado no que a dirección aseguraba ser "plenamente cosnciente da preocupación e da alarma social" entre as familias, ademais de garantir o "cumprimento escrupuloso dos protocolos e medidas de hixiene e prevención. Tamén lamentaba que "as múltiples noticias publicadas nos medios de comunicación sobre novos casos e contaxios non chaman á tranquilidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.