Os casos de coronavirus nas residencias de maiores e nos centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) non deixan de medrar e hai tempo que se converteron no principal foco de preocupación en Galicia, o que de feito obrigou á Xunta a intervir varias destas instalacións, aquelas nas que se producira un maior número de contaxios.
O número de casos activos achégase aos mil: 657 persoas internas das residencias da terceira idade, 232 traballadoras, 50 persoas usuarias dos CAPD e 40 traballadoras destes centros
As últimas cifras, achegadas este luns pola Consellería de Política Social, elevan o número de positivos a preto de mil: 657 persoas internas das residencias da terceira idade, 232 traballadoras, 50 persoas usuarias dos CAPD e 40 traballadoras destes centros. A estes datos hai que sumar un total de 54 residentes dos centros da terceira idade que morreron despois de ser infectados polo coronavirus. Cando menos 42 deles morreron nas propias residencias e 12 en hospitais.
O Goberno galego veu sendo criticado nos últimos días pola forma en que está a informar sobre a situación que se vive nas residencias de maiores, especialmente no que atinxe aos datos de mortes. As dúbidas sobre se a cifra de falecementos que se ían producindo nas residencias, achegado pola Consellería de Política Social, estaba xa computada dentro do número total de falecementos provocados pola Covid-19, facilitado polo Sergas, resolvéronse esta fin de semana, confirmando a Xunta que os datos do Sergas non suman todas as mortes por coronavirus das residencias de maiores. Xusto cando o Goberno central aprobou un novo protocolo para os datos do virus nas residencias.
Aclaradas as dúbidas, as críticas ao Goberno galego mantéñense, preguntándose a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes (que agrupa a usuarios das residencias, familiares e persoal) se o formato da información pública escollido pola Xunta "é só confuso ou tamén está deseñado para edulcorar a situación actual, así como a previa ao coronavirus, das residencias".
"Tentan así minimizar o que está ocorrendo nas residencias de maiores", critica Xosé Bernárdez Solla
Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) denuncia que "a Xunta buscou a estratexia de diluír os datos das residencias nos datos xerais, de xeito que os internos que están moi mal os levan para o hospital, falecen alí, e non constan como un falecemento nas residencias". "Tentan así minimizar o que está ocorrendo nas residencias de maiores", critica, engadindo que "nos parece fatal que a Xunta estea pensando neste momento en réditos electorais e en salvar a cara a nivel político".
"Falta información e hai opacidade a todos os niveis", denuncia. "Por exemplo, non informan ás familias de que van trasladar de residencia a unha persoa; e cando se declara un positivo, teñen grandes dificultades para comunicarse con eles", di.
Vellez Digna esixe que se interveñan, cando menos, "todas as residencias nas que se se rexistre algún caso, sen agardar a que a situación empeore tanto"
Vellez Digna celebra que o Goberno galego decidira finalmente intervir as residencias da empresa DomusVi en Vigo e Cangas, que suman 194 positivos e 21 mortes entre residentes e persoas. Porén, esixe que se interveñan, cando menos, "todas nas que se se rexistre algún caso, sen agardar a que a situación empeore tanto".
"Só se están intervindo aquelas que dan un número moi alto de positivos, estase perdendo un tempo precioso, un tempo no que a xente se vai ir contaxiando", di, alertando de que moitas residencias privadas galegas seguen a ter menos persoal que o que a lei esixe, nunha situación na que as precaucións e o coidado deberían ser moito maiores.
Xosé Bernárdez Solla amósase especialmente crítico coa situación que se vive nas residencias do grupo DomusVi, que conta cunha trintena de centros en toda Galicia (na súa maioría pertencentes previamente ás caixas de aforros) e que xa antes da crise do coronavirus recibía frecuentes denuncias de entidades de usuarios, familias e traballadores pola "situación neglixente e de abandono" nas súas instalacións.
"Con todo o que caeu, nas residencias de DomusVi de Vigo e Cangas seguían sen reforzar o persoal. Se non chega a poñer o SERGAS os seus traballadores, seguirían traballando por debaixo das ratios", sinala e pregúntase "quen vai pagar todo isto". "Falamos dunha situación que provocaron eles por querer aforrar cartos, por non dividir as residencias, por non reforzar o persoal. E seguramente será a Xunta quen pague finalmente", conclúe.
"Esta crise está deixando claro cal é a realidade de como estaban as residencias xa antes do coronavirus"
"Esta crise está deixando claro cal é a realidade de como estaban as residencias xa antes do coronavirus. Esta realidade caracterizábase pola súa enorme privatización, os seus carísimos prezos, o incumprimento sistemático dos ratios e a precariedade do persoal, así como por unha calidade da atención moi mellorábel", sinalan nun comunicado conxunto a federación de usuarios e familiares REDE, Traballadoras de Residencias de Galicia (Trega) e o colectivo en defensa das pensións públicas Modepén.
Así mesmo, esixen que o Goberno galego achegue información "clara e desagregada por residencia e día" sobre o número de novos positivos que permanecen nos centros, os casos que foron derivados a hospitais, os casos que recibiron a alta hospitalaria e regresaron ás residencias, o número de defuncións de persoas internas producidas nas residencias e nos centros hospitalarios e tamén sobre o número de tests realizados nas residencias.
A oposición esixe "transparencia".
Gonzalo Caballero esixiu que o Goberno galego poña "todo o esforzo" para dotar de persoal e de materiais a estes centros, cuxo persoal está "desbordado" e subliñou que a información debe ser "moito máis detallada e fiable"
A xestión realizada polo Goberno galego neste tema foi criticada nas últimas horas polos partidos da oposición, que denunciaron a falta de información facilitada pola Xunta e que esixiron a intervención das residencias ou a comparecencia no Parlamento de Alberto Núñez Feijóo.
O líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reclamou da Xunta "informacións claras, que non xeren dúbidas na cidadanía" e cualificou a situación nas residencias de maiores como "a situación máis preocupante" na crise do coronavirus en Galicia. Caballero esixiu que o Goberno galego poña "todo o esforzo" para dotar de persoal e de materiais a estes centros, cuxo persoal está "desbordado" e subliñou que a información debe ser "moito máis detallada e moito máis fiable", tanto para os traballadores, os usuarios, a familias e para o conxunto da cidadanía.
Galicia en Común reclama "un novo modelo publico de residencias" e reverter as privatizacións desenvolvidas pola Xunta
Mentres, o candidato de Galicia en Común á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, reiterou a súa demanda de que a Xunta interveña e medicalice os centros de maiores e realice os test de detección do coronavirus a todos os usuarios e traballadores. De igual xeito, Martiño Noriega reclamou "un novo modelo publico de residencias" e reverter as privatizacións desenvolvidas pola Xunta, unha idea na que recuncou Gómez Reino: “O modelo de privatizacións no sector sanitario e de servizos sociais desenvolvido pola Xunta desde que Feijóo chegou ao Goberno permitiu que durante anos se fixese negocio cos coidados dos nosos maiores, deixándoos nunha situación de extrema fraxilidade”.
O BNG esixe a comparecencia de Núñez Feijóo "para explicar a situación real das residencias de maiores"
Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo "para explicar a situación real das residencias de maiores afectadas pola Covid-19". O Bloque reclama tamén intervir todas as residencias privadas mentres dure a alarma sanitaria, unha maior axilidade nos test en todos os centros e garantir a información ás familias e transparencia dos datos de contaxios e falecementos. Pontón dixo que o Goberno galego "chega tarde" coas súas medidas e acusou á Xunta de levar a cabo unha "operación de maquillaxe indigna para que non se saiban as vítimas reais en residencias”.