As traballadoras e as persoas internas das residencias de maiores, en "situación límite" polo coronavirus

Mobilización de persoal de residencias de maiores, hai meses © Vellez Digna

O número de persoas infectadas pola Covid-19 nas residencias de maiores é xa de 110 (88 residentes e 21 traballadoras)

O número de persoas infectadas pola Covid-19 nas residencias de maiores é xa de 110 (88 residentes e 21 traballadoras). As cifras seguen en aumento nun ambiente de máxima tensión e de controis para evitar os contaxios nestes centros. O persoal está a estender as súas quendas de traballo e en varios casos está a ser confinado nas propias instalacións, para previr a propagación do virus. Por este motivo, reclama o apoio das administracións, unha axuda que -destacan- é imprescindible para evitar novos contaxios e mortes. 

Este martes o Goberno galego anunciou que as persoas usuarias de residencias de maiores "que dean positivo por coronavirus" serán trasladadas a dúas residencias: a Porta do Camiño en Santiago para as provincias da Coruña e Lugo e, para Ourense e Pontevedra, un centro no concello ourensán de Baños de Molgas. Ademais, procedeu a intervir nalgunhas situacións de extrema necesidade, como a residencia San Carlos de Celanova, onde as únicas 4 traballadoras non contaxiadas estaban ao cargo de 54 residentes.

A Federación REDE (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) denuncia solicita "a inmediata intervención" das residencias galegas afectadas por coronavirus

Ademais do caso de Celanova (onde se produciron 13 contaxios de residentes e 14 de traballadoras), a situación máis grave foi a que se viviu na residencia DomusVi Barreiro de Vigo, con 33 residentes infectados e infectadas e 5 traballadoras. Tamén a residencia DomusVi San Lázaro de Compostela suma 15 casos e a do Portazgo, na Coruña ten ata 9. Na Coruña hai outros tres casos, e tamén se rexistraron contaxios en residencias do Barco de Valdeorras (3), Ourense (3), Cangas (4), Caldas de Reis (2), Viveiro (1), Castro Caldelas (1) e Carballo (1). Hai, ademais, traballadoras infectadas en Ourense e Teo.

A Federación REDE (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) denuncia a situación que se está a vivir nestes centros e solicita "a inmediata intervención" das residencias galegas afectadas por coronavirus "ante a inacción e falla de medios de prevención e de protección do persoal postos a disposición das empregadas por parte dos grupos empresariais que as manexan e da propia Xunta de Galicia". Tamén reclama "a inspección inmediata das demais residencias" para verificar o cumprimento das medidas de prevención establecidas, "intervindo as que non estean facendo para garantir a aplicación das mesmas".

Instalacións de DomusVi en Vigo © DomusVi

 "O persoal está de xeito crónico baixo mínimos e con sobrecarga de traballo, con falta de medios básicos", di a Federación REDE

REDE destaca que estas situacións de precariedade e falta de medios materiais e humanos xa se sufrían anteriormente en moitas residencias e vense agravadas na actual crise, que os está a levar a unha "situación límite". "O persoal está de xeito crónico baixo mínimos e con sobrecarga de traballo, con falta de medios básicos e nas residencias existía unha situación de maltrato diario e masivo por neglixencia e abandono", denuncia a entidade, que xa o denunciara en anteriores ocasións.

A Federación vai máis aló na súa crítica e responsabiliza ás empresas responsables dalgunhas residencias. "Estas empresas deshumanizadas seguen insistindo en non reforzar o persoal de asistencia directa, nin sanitaria, nin de limpeza e deixan apodrecer a situación, usando a saúde dos maiores e dos máis dependentes, para chantaxear e presionar a unha administración amiga e forzala a que sexa esta quen se faga cargo dos afectados pola enfermidade, requiran ou non atención hospitalaria", denuncia REDE.

Pola súa banda o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este xoves no Parlamento que o Goberno galego vén de enviar un total de 92 mil máscaras de protección e 67 mil luvas para as residencias de maiores, co obxectivo de avanzar na protección de persoal e residentes.

Persoal saturado de traballo e confinado

As traballadoras e traballadores están ao límite, denuncian os sindicatos. Dende CIG-Ourense critícase que "tanto a Fundación Valdegodos -con Residencias en Valdegodos, A Rúa, Vilamartín, Viana e Ramirás-  como a Residencia dos Milagres, en Baños de Molgas, ao que se trasladan residentes maiores xa contaxiados, están presionando ao persoal para que leve ao centro as súas pertenzas e se confinen no seu interior durante dúas semanas". 

CIG-Autonómica denuncia "o establecemento unilateral de quendas continuadas que van dende xornadas de 24 horas a 15 días ininterrompidos" no persoal de servizos sociais do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

O sindicato denuncia que ao persoal "estáselle privando do uso de mascariñas, roupa de illamento, gafas, calzas e calquera medida de seguridade e prevención, e encérranos con maiores, en moitos casos xa contaxiados polo COVID-19, dentro das Residencias". Ademais, engade CIG-Ourense, "a ningunha traballadora lle preguntan se ten crianzas ou maiores que atender, sobre a súa situación persoal ou mesmo sobre o seu propio estado de saúde".

De igual xeito, CIG-Autonómica denuncia "o establecemento unilateral de quendas continuadas que van dende xornadas de 24 horas a 15 días ininterrompidos" no persoal de servizos sociais do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dependente da Consellería de Política Social. "Entendemos que a función destas traballadoras e traballadores é vital e importantísima, pero ser servizo esencial non pode conducir ao abuso", di o sindicato, que esixe unha "negociación urxente das condicións que vai ter o persoal".

Instalacións de DomusVi en Vigo © DomusVi

Os Centros de Atención a Personas con Discapacidade rexistran 17 contaxios, 15 entre as persoas usuarias e dous entre as traballadoras e traballadores

Centros de Atención a Personas con Discapacidade

Preocupa tamén a situación nos Centros de Atención a Personas con Discapacidade (CAPD), que rexistran xa 17 contaxios, 15 entre as persoas usuarias e dous entre as traballadoras e traballadores. Nos últimos días a CIG A CIG denunciou perante a Inspección de Traballo "graves deficiencias de seguridade" no CAPD de Chapela (Redondela), centro asistencial dependente da Consellería de Política Social. O sindicato alertaba de "caos organizativo e a deixadez na toma de medidas de prevención".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.