As altas de pacientes de coronavirus en Galicia medran o dobre que os novos casos e as mortes xa son 369

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O ritmo da pandemia do coronavirus en Galicia tende a estabilizarse. Iso é, cando menos, o que cabe deducir dos datos divulgados pola Consellería de Sanidade para este luns, 13 de abril. O número de positivos activos da covid-19 medra dende hai unha semana na contorna do 2% diario cun ritmo lixeiramente decrecente e chega este luns aos 5.939 casos, un 1,82% máis que na xornada previa e un 11% máis que unha semana antes, cando o incremento en sete días superaba o 50%.

Os positivos activos chegan este 13 de abril aos 5.939 en Galicia, que segundo o Sergas xa rexistrou 369 falecementos pola covid-19

Mentres as autoridades sanitarias estiman que o país transita polo pico do andazo, os datos do Sergas indican que as altas de pacientes diagnosticados por coronavirus chegan xa ás 1.186, un número polo momento escaso pero cun crecemento que duplica aos dos novos casos coñecidos tanto en hospitais como en residencias de maiores e dependentes. Así, mentres que o incremento de positivos activos é do devandito 1,82%, o das altas achégase ao 3,8%, un ritmo de incremento superior tamén ao dos falecementos, que xa chegan aos 369. [O coronavirus remite en toda Galicia agás na provincia de Ourense, que duplica a incidencia do resto de áreas sanitarias].

Á espera de coñecer o efecto das xornadas festivas na detección do virus -segundo o Sergas, realizáronse xa en Galicia 43.992 probas PCR, cifra que o pasado xoves, primeiro festivo da Semana Santa, estaba en 36.799-, a tendencia á estabilidade na propagación do virus provoca que medre un chisco o peso dos casos das residencias de maiores e dependentes no total. Dos 5.939 de toda Galicia, o 22,5% rexístranse nestes centros. Deles, 923 son persoas residentes e 416, persoal que as atende.

A hospitalización segue á baixa

O número de persoas na UCI polo virus descende por novena xornada consecutiva

A tendencia que semella aínda máis consolidada que a diminución dos novos positivos activos é a da mingua na hospitalización por covid-19. Así, o número de persoas que precisa de asistencia en unidades de coidados intensivos por este motivo descende por novena xornada consecutiva, desta volta un 2,86%, e queda en 136. Este luns tamén baixa -aínda que levemente- o número de persoas hospitalizadas polo virus en unidades ordinarias, 735, sete menos que un día antes.

Mentres, por primeira vez dende o inicio da pandemia o Sergas rexistra máis de 5.000 persoas en illamento domiciliario tras daren positivo pola covid-19. Son, en concreto, 5.068 persoas infectadas e illadas na casa, un 2,36% de aumento en vinte e catro horas e arredor do 85% do total de positivos activos.

Ourense segue a destacar e Santiago supera os mil

Por áreas sanitarias, a incidencia -número de casos por cada 100.000 habitantes- segue a destacar na de Ourense por riba de todas as demais [O coronavirus remite en toda Galicia agás na provincia de Ourense, que duplica a incidencia do resto de áreas sanitarias], se ben o seu incremento modérase tras as fortes subas da pasada semana. 

Tras eses crecementos, en termos absolutos a área de Ourense consolídase como a segunda con máis positivos activos por tras da Coruña e por diante de Vigo. Menres, a área de Santiago supera este 13 de abril por primeira vez a barreira dos mil casos activos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.