O pasado mes de febreiro un grupo de investigadores das universidades de Vigo, Santiago e Aveiro (Portugal) realizaron un modelo matemático que buscaba predicir a evolución da COVID-19. Dous meses despois o modelo demostrou a súa eficacia e acerto, de xeito que a curva seguida pola enfermidade en Galicia foi moi semellante ao modelo que predixeron.
O 4 de marzo o equipo lanzou unha advertencia sobre a incidencia que a enfermidade podía acadar en Galicia, sinalando que o pico da infección coincidiría nos primeiros días de abril
O equipo comezou a traballar neste modelo para describir a propagación do virus a mediados de xaneiro, cando se coñeceron os primeiros casos de infectados en China, rematando o seu primeiro modelo o 11 de febreiro. "Fomos quen de modelizar tanto o número de persoas infectadas como o de persoas falecidas", destacan.
O 4 de marzo, máis dunha semana antes de que se adoptasen as medidas de confinamento, o equipo lanzou unha advertencia sobre a incidencia que a enfermidade podía acadar en Galicia, sinalando que o pico da infección coincidiría nos primeiros días de abril, ao redor da data prevista para a celebración das eleccións ao Parlamento galego (5 de abril). Os investigadores puxeron o estudo en coñecemento do Goberno galego, co obxectivo de que a administración contase coa mellor información posible, para adoptar así as decisións máis axeitadas.
Láianse de que nese momento non se tomaron en serio as súas predicións, nun momento no que apostaban por "modificar os hábitos por un tempo" para limitar a propagación da doenza. Ao equipo, conformado polo catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, e os investigadores Iván Area da Universidade de Vigo e Delfim Torres da Universidade de Aveiro, uníronselles posteriormente o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira, e Luís Seoane, do CSIC.
Anticipan que a curva den unha forma asimétrica, sendo máis rápido o ascenso (que durou 25 días) que o descenso, que calculan nuns 45 días. É dicir, a mediados de maio
O grupo continuou actualizando o seu modelo, que de forma xeral se foi cumprindo no tocante ao número de infeccións en Galicia, que efectivamente acadou o seu pico de casos nos últimos días de marzo. Ese acerto permítelles ser optimista no relativo á evolución da epidemia no noso país, que continuará baixando nas primeiras semanas. "Comeza a verse a luz ao final do túnel", subliñan, pero anticipan que a curva ten unha forma asimétrica, sendo máis rápido o ascenso (que durou 25 días) que o descenso -ata reducir a cero as persoas infectadas cada día-, que calculan nuns 45 días. É dicir, que se podería producir a mediados de maio.
"O final da pandemia non chegará ata que pasemos moitos días sen ter novas persoas infectadas e iso aínda está moi lonxe", advirten
Neste paulatino descenso deben manterse as medidas de precaución adoptadas, para evitar así rebrotes que obriguen a endurecer as medidas que se foran relaxando. "Non podemos pasar do confinamento á festa dun día para outro, ten que ser progresivo e tentar evitar que se produzan novos brotes", subliñan, sinalando que "o final da pandemia non chegará ata que pasemos moitos días sen ter novas persoas infectadas e iso aínda está moi lonxe". "Polo de agora non convén permitir reunións de máis de 40-50 persoas para ter certo control no caso de que comece un novo brote", engaden.
A pandemia chegou algo máis tarde a Galicia, adoptándose as medidas de confinamento antes de que o número de infeccións fose tan elevado como noutros lugares
Explican, igualmente, que a situación en Galicia nunca chegou a ser tan grave como o foi noutros territorios do Estado, como Madrid, en parte "pola nosa xeografía e as dificultades de comunicación históricas", que "xogaron ao noso favor". Engaden, neste senso, que "as aglomeracións de xente de determinadas cidades foi un factor fundamental no rápido crecemento do número de persoas infectadas".
Ademais, a pandemia chegou algo máis tarde a Galicia, adoptándose as medidas de confinamento antes de que o número de infeccións fose tan elevado como noutros lugares. Así mesmo, destacan, "puidemos aproveitar todo o coñecemento médico que se desenvolveu por exemplo en Italia para mellorar o tratamento dos pacientes", conseguindo algo moi importante: "que os casos de UCI foron chegando pouco a pouco".
"Cunha análise semanal a unha mostra aleatoria simple da sociedade galega teriamos unha fotografía moito máis exacta do alcance da pandemia"
Finalmente, o grupo investigador suxire empregar unha metodoloxía semellante á das enquisas electorais para determinar o alcance real da pandemia. "Pensamos que cunha análise semanal a unha mostra aleatoria simple da sociedade galega teriamos unha fotografía moito máis exacta do alcance da pandemia, pois permitiría saber quen padece a enfermidade e quen a superou, incluso de xeito asintomático", explican.