A enlentecemento da expansión do coronavirus en Galicia e, daquela, o achegamento ao momento en que comecen a minguar os contaxios semella estar máis cerca. Iso é o que apunta a tendencia da covid-19 nos últimos días en Galicia e tamén o que amosan os datos actualizados polo Sergas para este martes, 14 de abril, cando o ritmo de incremento de positivos activos volve caer por baixo do 1% en vinte e catro horas -o cal é a segunda vez que sucede en menos dunha semana- ata un total de 5.973 casos, un 0,57% máis, mentres o número de probas PCR realizadas chega ás 48.337 -no día previo eran 46.110-.
Os positivos activos chegan este 14 de abril aos 5.973 e os falecementos son xa 384, quince máis que na xornada previa
Segundo a información difundida por Sanidade, en Galicia xa foron certificados 384 falecementos por esta doenza. Son 15 máis que no día previo -un incremento un chisco superior ao 4%- e deles, cinco correspóndense con persoas que morreron en residencias de maiores. Concretamente, segundo o Sergas, faleceron dúas persoas máis no centro Nuestra Señora de La Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense, e as residencias As Fragas de Pontedeume, Moledo de Vigo e DomusVi Cangas reportaron cadanseu falecemento.
Os falecementos de residentes en centros de maiores seguen sendo máis do 40% do total
Neste contexto, os falecementos de persoas que vivían en residencias de maiores e dependentes seguen a ser dun 43% do total de mortes por coronavirus acreditadas en Galicia. Segundo indica Sanidade, 87 delas morreron nas propias residencias e 81, en hospitais ou nas residencias integradas -medicalizadas- habilitadas pola propia pandemia. A información do Sergas segue sen especificar o centro do que proceden as persoas anciás que, tras contraeren o coronavirus nunha residencia, son trasladadas a un hospital ou residencia integrada e falecen alí.
Máis altas, menos presión nos hospitais
As persoas dadas de alta son xa 1.240 e o seu número segue medrando por riba dos novos positivos
Outros datos que apuntan a unha moderación na pandemia son os que indican que, unha xornada máis, as altas hospitalarias medran notablemente máis que os novos casos detectados, aínda que as porcentaxes de incrementos sigan sendo discretas. As persoas dadas de alta son xa 1.240, segundo o Sergas, o que implica un aumento do 4,55% en vinte e catro horas, o que contrasta co devandito incremento do 0,57% de casos detectados [O coronavirus remite en toda Galicia agás na provincia de Ourense, que duplica a incidencia do resto de áreas sanitarias].
Todo ese incremento de novos positivos activos, 34, agrégase ao volume total de persoas que están en illamento nos seus lugares de residencia tras daren positivo pola covid-19. Son 5.107 as persoas nesta situación, arredor do 85% do total.
Isto sucede mentres os indicadores de presión hospitalaria da pandemia volven baixar. No caso da asistencia en UCI, son xa dez días consecutivos nos que diminúe a súa ocupación por mor do coronavirus. Segundo o Sergas, agora son 133 as persoas en coidados intensivos por esta causa, un 2,21% menos que no día previo. Nesta xornada tamén diminúe a hospitalización ordinaria, aínda que moi levemente: as 733 persoas en planta son dúas menos que o día anterior.
Ourense e A Coruña, onde menos se enlentece
Por áreas sanitarias, a moderación xeral da pandemia en Galicia non é homoxénea. Así, a curva é máis ascendente na Coruña e Ourense, con case 1.300 e 1.200 casos, respectivamente. Ourense destaca, ademais, pola súa alta incidencia -casos por cada 100.000 habitantes-, que segue moi por riba das principais áreas sanitairas do país.
O aplanamento da curva é máis evidente nas áreas de Vigo e Lugo
A área sanitaria que leva algo maís dunha semana en crecementos moi moderados e mesmo en diminucións puntuais, logrando ese aplanamento, é a de Vigo, que nesta xornada descende un chisco o número de positivos activos, ata os 1.077. Tamén presenta unha liña practicamente plana a área de Lugo dende hai días e, aínda que con aumentos un chisco maiores, as áreas de Pontevedra e Ferrol tamén aumentan os casos a escasa velocidade.