As esperanzas galegas na investigación contra o coronavirus: das vacinas ao tratamento

Traballos no laboratorio do CiMUS, da USC © USC

Prevención, diagnose e terapia. Neses tres ámbitos da loita contra o coronavirus están a traballar xa investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través dos laboratorios do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS).

Varios grupos de investigadores da USC traballan na consecución de vacinas, na mellora da diagnose e no desenvolvemento de fármacos contra o coronavirus

A investigación galega achega esperanzas a unha loita que centra agora na prevención futura da enfermidade, a través de vacinas, no desenvolvemento de novas formas de diagnose, con test serolóxicos específicos, e no avance con novas terapias a través de fármacos antivirais e da optimización da súa administración, con maior eficiacia e menor toxicidade. 

De feito, e tal e como destaca a propia USC, o investigador José Martínez Costas, do CiQUS, obtivo xa financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento dunha vacina fronte á Covid-19 en base a unha nova metodoloxía patentada na Universidade compostelá que permite "resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo". 

Grupo de investigadoras do CiQUS, da USC © USC

Como explica Martínez Costas, a metodoloxía a partir da que se traballará é válida fronte contra calquera patóxeno. “Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos” aclara. Estas partículas “purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular ao sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune adoita estar debilitado”, engade o investigador. 

O investigador Martínez Costas obtivo xa financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento dunha vacina fronte á Covid-19

O equipo do CiQUS traballará na produción da vacina mentres que o ensaio en animais levarao a cabo outro equipo do Centro de Investigación en Sanidade Animal de Valdeolmos (Madrid). Se se comproba que a estratexia achega resultados positivos, o equipo buscará financiamento adicional para iniciar ensaios clínicos

O destacable é, ademais, que se ben resulta moi complexo determinar un prazo de tempo definitivo para dispor dunha vacina efectiva, a metodoloxía desenvolvida na USC permite obter resultados preliminares sobre a efectividade do composto nun prazo inferior a procedementos convencionais. Así, a formulación inicial podería estar dispoñible nun prazo de entre dúas e tres semanas, como explica o investigador, aínda que o posterior desenvolvemento dunha vacina é un proceso complexo e longo que require efectividade e seguridade. A metodoloxía de Martínez Costas agora financiada para a súa aplicación fronte Covid-19 xa foi probada de xeito satisfactorio fronte outros dous virus.

Tamén no desenvolvemento de vacinas traballa o grupo de María José Alonso, que avalía estudos preclínicos para unha nova vacina contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus. Este equipo intégrano persoal investigador de IDIBAPS, do National Center for Biotechnology, do Barcelona Supercomputing Center e de IRSICAIXA co financiamento do Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya. 

A metodoloxía desenvolvida na USC permite obter resultados preliminares sobre a efectividade da vacina nun prazo inferior aos procedementos convencionais

Este grupo propón o deseño dunha vacina baseada en ARNm (ácido ribonucleico mensaxeiro) do virus, "unha alternativa prometedora fronte a vacinas convencionais polo seu gran potencial, rápido desenvolvemento, fabricación a baixo custo e administración segura”. A misión do equipo da USC é desenvolver vehículos (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do RNAm á célula diana.

Test fiable e rápido

Ademais, outros grupos da USC traballan na diagnose e seguimento de enfermos do coronavirus. Así, o profesor Jesús Rodríguez Requena está implicado nun proceso de desenvolvemento de novos test para a diagnose e identificación fiable e rápida de pacientes seropositivos, nunha investigación na que tamén participan grupos do CSIC.

En canto ao seguimento de pacientes, o investigador José M. Castro Tubío céntrase na identificación a evolución da infección por coronavirus, especialmente no relacionado coa aparición de novas mutacións. Nunha primeira fase desta liña de traballo, o grupo dedicarase ao desenvolvemento dun método de xenotipado destes virus mediante a tecnoloxía de secuenciación en célula única.

A catedrática de Farmacoloxía Mabel Loza © USC

Novas terapias

No que ten que ver coa busca de novos fármacos, os equipos de investigación traballan na optimización da formulación de compostos, así como na súa administración para conseguir unha eficacia e seguridade máxima. No desenvolvemento de novos fármacos, os grupos do CiMUS liderados por Mabel Loza e María José Alonso, no eido da formulación, procuran financiamento para varios proxectos a nivel europeo e estatal ou en asociación con empresas.

Dous grupos do CiMUS traballan na busca de novos fármacos e procuran financiamento a nivel europeo e estatal ou en asociación con empresas

Así, atópanse pendentes de resolución dous proxectos solicitados á UE: o primeiro, de xeito conxunto con máis de dez socios, sobre screening masivo vía intelixencia artificial de candidatos a fármacos antivirais, outro cuxo obxectivo é o testado da actividade vírica de candidatos a estes mesmos medicamentos, así como un terceiro relacionado co reposicionamento de fármacos. 

Nesta mesma área, informa a USC, enviouse unha expresión de interese á convocatoria de GAIN da Xunta coa que se pretende mellorar a eficacia e reducir a toxicidade dos fármacos actualmente utilizados no tratamento da Covid-19. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.