A pasada fin de semana constituíuse en Compostela InvestiGal - Rede Galega pola Investigación, un colectivo que une a investigadores e investigadoras de toda Galicia e que traballa pola "dignificación" do sector, destacando "a precaria e inestable situación actual" do I+D en Galicia. O investimento galego en I+D acumula unha década estancado e a fenda coa media da UE segue a medrar, segundo os indicadores máis recentes.
Nas vindeiras semanas o colectivo iniciará a súa actividade, coa vista posta en primeiro lugar nas inminentes eleccións ao Parlamento galego, mantendo encontros coas distintas forzas políticas de cara a trasladarlles as súas reivindicacións e coñecer as propostas contidas nos respectivos programas electorais.
"Hai algúns colectivos constituídos, como o de postdocs da Xunta ou a Asemblea de Investigadores de Compostela, e fomos xuntándonos todos coa idea de montar unha entidade conxunta, porque todos temos os mesmos problemas"
"Saímos moi contentos do encontro de constitución da Rede, creo que foi un éxito rotundo, partindo da nada. Hai algúns colectivos constituídos, como o colectivo de postdocs da Xunta ou a Asemblea de Investigadores de Compostela, e fomos xuntándonos todos, coa idea de montar unha entidade conxunta, porque todos temos os mesmos problemas", explica Zulema Varela, unha das integrantes de Investigal.
Forman xa da entidade máis de 50 persoas, as que asistiron ao encontro, pero xa se están incorporando outras que non se puideron achegar a Compostela, moitas por estar traballando no estranxeiro. "Pensamos que o número de asociados vai ser moi superior. A inscrición vai ser gratuíta, pero cada persoa está dando unha cantidade simbólica para pagar os gastos da asociación. Cremos que ao final pode haber, polo menos, 500 persoas", sinala. "Cando ti vas pedir algo a unha administración, non é o mesmo que representes a dez persoas ou que teñas detrás a 500 ou a 1.000", destaca.
"Hai moita xente que nestes anos de crise quedou sen nada e deixárona tirada. Xente de 40 ou 45 anos que chegou un momento que quedou sen saídas para continuar a súa carreira investigadora"
Investigal analiza moi negativamente a situación actual do sector da investigación no país. Lembra que na actualidade Galicia só inviste neste sector o 0,94 % do seu PIB, mentres que a media europea sitúase no 3%. Ademais, a rede critica "a nefasta xestión dos poucos recursos existentes", que nos últimos anos provocou que Galicia "só gastase un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación".
"A cousa estivo moi mal durante os anos da crise económica, todo se parou. Dende entón volveron poñerse en marcha algúns programas, pero a recuperación vai moi lenta e a situación é claramente peor que a que había no ano 2008, cando había máis posibilidades para a estabilización do persoal investigador en Galicia", denuncia Zulema Varela. "Ademais, hai moita xente que nestes anos de crise quedou sen nada e deixárona tirada. Xente de 40 ou 45 anos que fixo a tese, tivo unha bolsa postdoutoral, conseguiu varias cousas, pero que chegou un momento que quedou sen saídas para continuar a súa carreira investigadora. Esa xente, que tiña que ter alternativas para estabilizar a súa situación, non as tivo. E, ademais, tampouco lles deixan presentarse xa ás novas convocatorias que están saíndo", engade.
"Ao final falamos de diñeiro público que se gastou na formación dunha persoa. Hai unha completa falta de planificación por parte das administracións e das universidades"
"A ciencia é un sector estratéxico para a economía de calquera país, pero aquí parece que non se ten en conta. Foi Margarita Salas quen dixo que un país sen ciencia é un país sen desenvolvemento", sinala a voceira de Investigal. "Ao final falamos dun mal uso do diñeiro público que se gastou na formación dunha persoa: defendes a tese, tes unha postdoc, e despois? Déixannos tirados directamente", di. "Hai unha completa falta de planificación por parte das administracións e das universidades", conclúe.
Investigal toma como referencia positiva a política desenvolvida polo Goberno vasco a través do Ikerbasque ou polo Goberno catalán co ICREA
Investigal toma como referencia positiva a política desenvolvida polo Goberno vasco a través do Ikerbasque ou polo Goberno catalán co ICREA. "Teñen un sistema que funciona moi ben. Se estás neses programas, sabes que vas ter unha estabilización", sinalan. "O que non pode ser é que te saquen, como aquí unha convocatoria de bolsas nunha época distinta cada ano. Pásanos moito que temos que estar agardando a ver cando van sacar a convocatoria, ou se rematas un programa tes que quedar parado varios meses agardando pola seguinte convocatoria. Como organizas a túa vida? É imposible", denuncian.
"Ademais, se estás facendo un experimento e tes que estar seis meses parado, que fas? Deixas todo paralizado? Tes que cederlle a investigación a outra persoa para que a continúe? Marchas fóra de Galicia ou de España para poder continuar coa túa investigación?", engade.
"Tentas volver e o que atopas é precariedade e inestabilidade: un ano de contrato, un ano de paro, outro ano de contrato... Así non se pode traballar"
"Marchar fóra é moi bo para a investigación, pero a cuestión é que despois poidas volver, a cuestión é que cando volvas poidas continuar aquí coa túa carreira e poidas ter un traballo digno", destaca Zulema Varela. "Fóra hai moi boas ofertas de traballo, moi boas condicións. Pero ao final a todo o mundo lle gusta estar preto da súa casa", di. "O que pasa é que tentas volver e o que atopas é precariedade e inestabilidade: un ano de contrato, un ano de paro, outro ano de contrato... Así non se pode traballar", conclúe.