O investimento galego en I+D acumula unha década estancado e a fenda coa media da UE segue a medrar

O estancamento do investimento galego en I+D en relación co PIB contrasta coa súa evolución na UE CC-BY-NC-SA Foto: UVigo | Gráfico: Praza Pública

O investimento galego en investigación e desenvolvemento (I+D) segue sen recuperarse do impacto dos anos da recesión económica, a fenda con relación á Unión Europea continúa a medrar e coa media estatal só se reduce porque no Estado o seu peso con relación ao conxunto da economía acumula dez anos a caer. Mentres, a I+D galega segue sumida no estancamento.

O investimento galego acadou en 2018 o 0,94% do PIB, o mesmo nivel que en 2017 e exactamente igual que en 2011

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de actualizar os "indicadores de innovación" con datos correspondentes a 2018 e certifica que, no que atinxe ao peso do investimento en I+D sobre o conxunto do Produto Interior Bruto (PIB) -toda a riqueza do país-, a liña segue a ser practicamente plana. Este investimento estaba o pasado ano en Galicia no 0,94% do PIB, o mesmo nivel que en 2017 e exactamente igual que en 2011, cando iniciou unha senda lixeiramente descendente que o levou ata o 0,87%.

Na primeira década do século o peso da I+D con relación ao conxunto da economía galega medrou ata acadar o 1%; agora Galicia converxe co Estado porque a media estatal non deixa de caer

O estancamento desta década contrasta co acontecido en Galicia na anterior, a primeira do século. Daquela o punto de partida era peor que agora tras a crise, toda vez que o investimento en I+D apenas superaba o 0,6% do PIB galego. Non obstante, a liña foi ascendente durante practicamente dous lustros e no ano 2008, o considerado como o do inicio da crise pola caída do xigante financeiro Lehman Brothers, chegou ao punto máis alto da serie, o 1% sobre o PIB. Un máximo galego que, non obstante, estaba afastado dos niveis estatais e, máis aínda, dos do conxunto da UE.

A comparación coa media estatal e comunitaria non deixa en bo lugar o investimento galego. Nesta última década a converxencia con España en investimento en I+D mellora pero non porque en Galicia vaia mellor, senón porque no conxunto do Estado vai peor. O investimento español en I+D pasou de representar un 1,35% do PIB en 2009 e 2010 a un 1,18% en 2018. É por iso que, comparativamente, o estancamento galego favorece a converxencia.

Galicia perdeu nesta década toda a converxencia coa UE en investimento en I+D que acadara na anterior

Pero a situación é ben diferente con relación á media da UE, onde o peso do investimento en I+D sobre o conxunto do produto interior bruto non deixou de medrar neste tempo: do 1,84% en 2008 ao 2,12% en 2018. Así, mentres que Galicia reduciu considerablemente a súa fenda coa media continental durante a primeira década do século -de estar 1,12 puntos por tras da UE en 2000 a quedar en algo menos de oito décimas en 2007-, na segunda a diferenza alargouse ata quedar mesmo máis atrás, 1,18 puntos menos.

O orzamento da Xunta en I+D

Estes datos rexístranse nun contexto no que o orzamento público en materia de I+D tamén se resentiu durante os anos da crise se ben, no caso do Goberno galego, superou os niveis de hai unha década dende 2018. Dende a súa creación como tal, no ano 2006 -antes estaba disgregada noutros apartados das contas públicas- a partida de I+D+i no Orzamento da Xunta medrou ata 2009, perdeu fondos ou estancouse durante a crise e creceu outra volta a partir de 2014.

O orzamento da Xunta en I+D resentiuse durante a crise, pero dende 2018 está por riba do de 2009

No proxecto orzamentario para 2020 chega aos 197 millóns de euros, uns 14 millóns máis que no ano previo. Nesta función dos Orzamentos Xerais inclúense áreas moi diversas. Así, por exemplo, a Consellería de Economía e Industria absorbe 96,5 millóns de euros desta partida e a de Educación, algo menos de 64 millóns de euros no ano 2020.

Así e todo, alén desta partida a Xunta asegura que no ano 2020 prevé investir, só a través da Consellería de Economía, "ao redor de 210 millóns de euros" no que denomina "a Galicia innovadora", segundo afirmou este departamento na presentación das súas contas. Inclúe neste ámbito as axudas á automoción, o centro aeroespacial de Rozas, pero tamén axudas a pequenas empresas ou subsidios á internacionalización, entre outras medidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.