As universidades piden ante Feijóo "recuperar os recursos perdidos" cos recortes: "É un momento crítico"

Acto solemne de apertura do curso universitario 2019-20, no Colexio de Fonseca CC-BY-SA Ana Varela / Xunta de Galicia

"A Universidade, as Universidades, atopámonos nun momento crítico, nun momento no que hai que tomar decisións que poden comprometer o noso futuro". É a alerta lanzada polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, no seu discurso no acto solemne de apertura do curso universitario. Celebrado por quenda neste 2019 na USC, o máximo responsable da institución académica compostelá puxo voz ás reclamacións da universidade galega no seu conxunto: cómpre "recuperar, cando menos, parte dos recursos perdidos" por mor dos recortes aplicados durante a crise.

O reitor da USC puxo voz no acto solemne de apertura do curso ás reivindicacións das universidades , encabezadas pola petición dunha nova lei e dun "marco xeral de financiamento do ensino superior"

Ao contrario do que sucedeu nos anos de maior intensidade da crise e dos devanditos recortes, cando o presidente da Xunta optou por non asistir a este acto (caso do curso 2012-2013 ou do 2013-2014), Alberto Núñez Feijóo si estivo presente no Colexio de Fonseca, presidindo o acto no que López abriu o curso e expuxo as materias pendentes para as tres universidade do país. Estas pasan, subliñou, por abordar decontado a nivel estatal unha nova lei de universidades que substitúa case dúas décadas despois á controvertida LOU. 

Xunto a ela, dixo, é urxente regular "un marco xeral de financiamento do ensino superior". Esta, advirte, é a vía para afrontar esa "recuperación dos recursos perdidos nesta crise e que influíron na nosa estrutura e nas condicións do noso persoal, tamén no estado das nosas infraestruturas". Os efectos "dos recortes tan importantes e continuados no tempo" teñen, subliña o reitor da USC, "moito que ver co comportamento das universidades nos rankings internacionais, onde os efectos sempre se perciben cun certo retardo".

Comitiva académica participante no acto de inicio de curso 2019-20, ante o Colexio de Fonseca © Santi Alvite / USC

Antonio López, a Feijóo: "Presidente, non pedimos para nós, senón para os nosos estudantes, para a investigación, para o coñecemento e para a cidadanía"

A lei de universidades estatal depende do Congreso e do Goberno de España. "Pero tamén aquí, señor presidente, temos tarefas importantes e inaprazables que abordar", resaltou Antonio López dirixíndose a Feijóo. As tres universidades e a Xunta "temos que definir un novo plan plurianual de financiamento que substitúa o vixente", que rematará en 2020. Nel será "imprescindible incrementar a contía de recursos públicos destinados ao ensino universitario". "Asumimos o risco de ser repetitivos na demanda pero créame, presidente, que o facemos coa cabeza moi alta porque non pedimos para nós, senón para os nosos estudantes, para a investigación, para o coñecemento e para a cidadanía". Isto é, "polo ben do país, en definitiva".

Dende o compromiso de "seguir traballando para ser máis eficaces e eficientes na utilización dos recursos", tanto dos asignados a cada universidade como dos compartidos mediante ferramentas como o Consorcio Interuniversitario, Antonio López asume que a inestabilidade política no Estado e as eleccións galegas previstas para 2020 marcarán tamén estas negociacións. "Pero sexa a negociación global ou parcial, hai cuestións que para a Universidade son irrenunciables", advertiu. 

Feijóo, cos reitores e o catedrático Rafael Cela, que impartiu a lección maxistral de inicio do curso 2019-20 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

No seu discurso Feijóo avanzou a implantación do sistema de graos abertos para o curso 20-21 e, ante as peticións de máis recursos, advertiu de que as "transferencias directas" ás universidades chegaron ao seu "teito histórico"

Ante as previsibles demandas de maior apoio por parte da Xunta, Feijóo levaba incluída a resposta no seu discurso. "Mentres que Galicia aínda non recuperou en 2019 o nivel orzamentario de 2009, a universidade galega acadou un teito histórico cos 433 millóns de transferencias directas de acordo co plan vixente", proclamou, instando a manter o "consenso que nos últimos anos presidiu a relación das universidades galegas" para "seguir dando pasos adiante". 

Na súa intervención Feijóo subliñou tamén a intención de inaugurar no curso 2020-21 o sistema de graos abertos "nos que os alumnos poderán elixir durante ano e medio materias de varias carreiras antes de decidirse definitivamente por unha delas". "O número de prazas ofertadas para cada grao aberto será dun máximo de 25 para cada grao aberto", avanzou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.