Os orzamentos das tres universidades galegas seguen sen recuperar o nivel anterior á crise

Os reitores das tres universidades galegas co presidente da Xunta e o Conselleiro de Educación, na Cidade da Cultura Dominio Público Xunta de Galicia

Durante a crise económica os recortes afectaron a todos os sectores e ámbitos, nalgúns casos de forma moi destacada, como a cultura, a cooperación ou a investigación. Tamén ás universidades, prexudicadas ademais ao igual que outros ámbitos do sistema público polos efectos da taxa de reposición. "O problema da universidade é de financiamento", repetían decote os representantes da comunidade universitaria e os propios reitores de USC, UDC e Uvigo. 

Só entre 2009 e 2012 os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4% e o persoal docente e investigador reduciuse en 400

Só entre 2009 e 2012 os ingresos das universidades galegas caeron un 14,4%, tres puntos por riba da media española (11,4%); en paralelo, o número de profesores e persoal investigador nas universidades da Coruña, Santiago e Vigo caeu en case 400 persoas.

Todo isto reflectiuse, ademais, nos orzamentos das tres institucións, que descenderon entre 2009 e 2014, despois de décadas de crecemento sostido. A USC chegou a pasar catro anos sen novos orzamentos, tendo que prorrogar tres veces as contas de 2011. A caída, entre o 12% da Universidade de Vigo e o 19% da Universidade de Santiago, comezou a reverterse a partir dos orzamentos de 2015. 

As contas da UVigo sitúanse lixeiramente por riba das de 2009. As da USC e UDC seguen por debaixo

As contas das tres universidades galegas suman dende entón cinco anos de crecemento. Porén, aínda non recuperaron o nivel anterior á crise económica e aos recortes, ao abeiro do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2016-2020. No 2019 si o fará por pouco a Universidade de Vigo (182,5 millóns fronte aos 182,2 de 2009) e a Universidade de Santiago quedará moi preto (244,7 fronte a 245,9). Pola contra, a Universidade da Coruña terá un orzamento de 130 millóns, case oito por debaixo das conta de 2009 (137,8).

O Consello de Goberno da UDC aprobou este mércores o Orzamento para 2019, co 94% dos votos favorables, logo de  que as Liñas Xerais Orzamentarias obtivesen un apoio do 87% do Claustro o pasado venres. As contas crecen un 5,4%. 

Abalde reivindicou a revisión do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego "para que sexa sostible", reclamando "que se dote de máis fondos á parte estrutural "

O reitor, Julio Abalde, subliñou que “a Universidade da Coruña é rigorosa na súa xestión, como demostra que seguimos tendo débeda cero, e eficiente, como demostra a mellora nos indicadores de produtividade” e reivindicou a revisión do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego "para que sexa sostible", reclamando "que se dote de máis fondos á parte estrutural que é insuficiente para financiar a estrutura da universidade”.

“Estamos de acordo en que haxa parte do financiamento por resultados; pese a que cando se seleccionaron os indicadores fomos críticos con eles porque eran nesgados para a UDC, traballamos para melloralos e tres anos despois estamos mellorando”, engadiu Abalde.

Este verán a Xunta iniciou o transvasamento de fondos de I+D+i das universidades (un total de 2,5 millóns de euros) para financiar as obras de construción dun novo edificio na Cidade da Cultura, que acollerá a sede do novo consorcio que veñen de crear as tres universidades galegas para coordinar o seu funcionamento.

Aula nunha das facultades da Universidade de Santiago © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.