"Rescátame, son unha autoestrada"

Integrantes da Trabe alertaron deste xeito sobre os problemas de financiamento presentes e futuros da USC © A Trabe

O Claustro da Universidade de Santiago (USC) aprobou este martes os seus orzamentos (os primeiros dende 2011) e tamén unha nova programación plurianual que chegará ata o 2018. Fíxoo por unha ampla maioría (95 a favor fronte a 32 en contra e 24 en branco, no caso das contas; 111 votos a favor, 24 en contra e 29 en branco, na programación plurianual), integrando un 85% das emendas presentadas, e nunha xuntanza moito máis tranquila que a do pasado mes de outubro.

Na súa intervención, o reitor Juan Viaño sinalou a internacionalización, a axilización da burocracia universitaria e a especialización dos campus como os retos inmediatos da USC, e destacou o incremento nun 3% do número de estudantes incorporados. Iso si, os orzamentos aprobados, reducidos a 167,3 millóns de euros (o pasado ano foron de 174,4 millóns), nacen marcados polas evidentes limitacións de financiamento e por unha certa sensación de resignación.

O Claustro aprobou por ampla maioría tanto os orzamentos coma a programación plurianual, integrando un 85% das emendas presentadas

A Liga Estudantil Galega e A Trabe presentaron senllas emendas á totalidade, denunciando a "comercialización" e "precarización" no primeiro caso e a a negativa da USC a cuestionar a política de financiamento que marca a Xunta, no segundo. As emendas do colectivo de PAS A Trabe centrárons nas críticas aos recortes en persoal e na demanda da negociación dun novo plande financiamento. De feito, algúns dos seus membros amosaban cartaces nas que sinalaba o paradoxo de que a administración "rescate" bancos, construtoras ou autoestradas "mentres deixan esmorecer os servizos públicos". Seguindo coa ironía chamaban a "converternos en autoestradas" para facilitar o rescate da universidade.

A situación financeira da USC é crítica, algo no que coicinden tanto o reitor Juan Viaño e o seu xerente, Xosé Manuel Villanueva, coma colectivos críticos coma A Trabe, mais este critícalle ás contras aprobadas que presenten como "ineludible a submisión aos criterios da Xunta", sen explorar outras alternativas, e alertando de que sen un novo plan de financiamento, a actual situación de recortes en persoal e de limitación de recursos manterase nos vindeiros anos. A Trabe, na defensa da súa emenda esixiulle á dirección da USC que non renunciase á autonomía da universidade e lembrou casos, coma o da Universidade Complutense de Madrid, no que a institución deu a batalla política ante o goberno autonómico para mellorar o seu financiamento.

A Trabe critícalle ás contras aprobadas que presenten como "ineludible a submisión aos criterios da Xunta", sen explorar outras alternativas

Mantense, por exemplo a taxa máxima de reposición do 10% do persoal docentes e investigador que se xubile, cunha amortización de todas as prazas de PAS funcionario xubilado, a rescisión de todos os contratos de investigación que non estean sufragados por convenios, ou a amortización de prazas de PDI laboral. Os recortes, polo tanto, céntranse no capítulo de persoal, sinalando o Reitorado que os restantes capítulos de gastos xerais e outros xa sufriron unha forte caída nos últimos anos.

Os recortes céntranse no capítulo de persoal

O xerente da USC, Xosé Manuel Villanueva, defendeu en varios momentos o "principio de realidade", negando a posibilidade de mudar a actual política de recortes, agás no caso de que se producise un incremento dos ingresos, algo que el mesmo sinalou como difícil. Na súa conta de Facebook representantes de A Trabe sinalaban como "curioso" a maneira en que "interiorizamos a culpa". "Como é posible que non haxa un cuestionamento da política de financiamento da Xunta e se insista tanto na culpa da universidade?", preguntábanse, ademais de criticar que a programación plurianual aprobada "insinúa un modelo de universidade precarizado e pouco centrado no servizo público".

 

'Plan de viabilidade' para as carreiras con pouco alumnado

Segundo publica La Voz de Galicia este mércores, a Secretaría Xeral de Universidades remitiulles un escrito ás tres universidades galegas pedíndolles información sobre a matrícula definitiva dos grados no curso 2014-2015 e enumerando as carreiras que estarían obrigadas a elaborar un plan de viabilidade por non chegar ao número mínimo de 45 ou 50 alumnos e alumnas matriculadas. Hai 28 graos que non cumpren este requisito, aínda que varias delas seguramente non terán problemas, por estar moi cerca do límite.

Integrantes da Trabe alertaron deste xeito sobre os problemas de financiamento presentes e futuros da USC © A Trabe
Integrantes da Trabe alertaron deste xeito sobre os problemas de financiamento presentes e futuros da USC © A Trabe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.