O reitor da UVigo, "preocupado" pola implantación dunha universidade privada en Galicia

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo © UVigo

A lei obriga a que, no caso de crearse unha nova universidade, as titulacións ofertadas non poden ser "reiterativas" respecto das existentes nos tres centros públicos

A mediados de decembro coñecíase que Afundación (obra social de Abanca) realizara no mes de outubro unha solicitude formal ante a Xunta para constituír a primeira universidade privada de Galicia, que se chamaría Universidade Internacional da Empresa. O centro tería o seu xerme no actual Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), creado hai dous anos e o obxectivo de Abanca é que a nova universidade puidese comezar a operar no curso 2021-22.

A Lei 6/2013 do Sistema universitario de Galicia obriga a que no caso de que se cree unha nova universidade, "o catálogo de titulaciones ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto de as titulaciones preexistentes e consolidadas". A proposta de Abanca é que a nova universidade funcionaría como unha fundación e que non podería obter beneficios. As titulacións que podería impartir non foron detalladas, pero en principio xirarían ao redor do ámbito empresarial e das ciencias sociais.

Preguntado no Parlamento pola deputada do BNG Olalla Rodil, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, xa adiantara que para que este novo centro puidese operar  sería necesario a aprobación dunha nova lei por parte da cámara de representantes. A pasada semana publicouse no portal de transparencia da Xunta o inicio dunha consulta pública para a aprobación dunha "Lei pola que se recoñece como universidade privada á "Universidad Internacional de la Empresa" con sede na Comunidade Autónoma de Galicia".

“Se isto se aproba, imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos”, advirte Manuel Reigosa

En resposta ao inicio desta consulta pública, previa ao proceso de redacción e tramitación da nova lei, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo, presidido polo seu reitor, Manuel Reigosa, amosou a súa "preocupación" por este proceo Reigosa sinalou que “albiscamos con preocupación a implantación dunha oferta formativa paralela e semellante á do Sistema Universitario de Galicia” e alertou de que “se isto se aproba, imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos”.

Hai cinco anos, o ruxe-ruxe pola posible aterraxe en Galicia dunha universidade privada xa espertara as críticas dos tres reitores dos centros públicos galegos. Nese momento, o Consello de Universidades aceptara a adscrición do Centro de Estudos Universitarios Superiores de Galicia (Cesuga) ao centro privado e católico San Jorge de Aragón. USC, UVigo e UDC advertiran que os plans do centro privado irían contra as intencións do propio Goberno galego de racionalizar o mapa de graos e evitar a duplicidade de títulos.

Xuntanza do Consello de Goberno da UVigo, esta semana © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.