As universidades públicas españolas perden terreo fronte aos centros privados, nun proceso que se acelerou nos últimos tres anos. Os recortes no financiamento do Estado central e das comunidades autónomas e un sistema no que cada vez teñen máis peso os máster e os estudos de postgrao abríronlle as portas a un sector privado que ata hai pouco era incapaz de competir coa oferta pública. O retroceso da universidade pública comeza a ser claro en moitos indicadores estatísticos, entre eles o do número de docentes e investigadores e investigadoras contratadas. Dende o curso 2010-11 hai nos centros públicos 4.758 menos; nese mesmo período o profesorado e o persoal investigador nas universidades privadas incrementouse en 4.441 persoas, unha suba de máis dun 45%, segundo os datos que este martes publicou o Ministerio de Educación (MECD).
En Galicia a caída do número de traballadores e traballadoras nas universidades públicas é aínda máis importante en termos relativos. Nos últimos tres cursos o número de PDI nas universidades da Coruña, Santiago e Vigo caeu en case 400 persoas, un 6,8% do total. Tamén se reduciu o número de PAS, aínda que en menor medida. No actual curso 2014-15 a universidade privada CESUGA, da Coruña, comezou a impartir os graos oficiais de Administración e Dirección de Empresas e de Arquitectura. E o pasado mes de xaneiro a Consellaría de Educación autorizouna a impartir as ensinanzas oficiais en Tradución e Comunicación Intercultural e en Publicidade e Relacións Públicas. Como lembraron en varias ocasións os reitores dos tres centros públicos galegos, a expansión de CESUGA choca coas intencións do propio Goberno galego de racionalizar o mapa de graos e evitar a duplicidade de títulos.
2010-11 | 2011-12 | 2012-13 | 2013-14 | |
---|---|---|---|---|
Universidades públicas | 104.756 | 103.907 | 101.299 | 100.018 |
Universidades privadas | 10.462 | 13.620 | 14.033 | 15.053 |
Persoal docente e investigador nas universidades públicas e privadas españolas. Fonte: MECD
2010-11 | 2011-12 | 2012-13 | 2013-14 | |
---|---|---|---|---|
Persoal docente e investigador | 5.642 | 5.591 | 5.364 | 5.258 |
Persoal de Administración e Servizos | 2.775 | 2.766 | 2.729 | 2.726 |
PDI e PAS nas universidades galegas. Fonte: MECD
Un recente informe da Fundación CYD destacaba que entre 2009 e 2012 os ingresos das universidades galegas caeran un 14,4%, tres puntos por riba da media española (11,4%). Os obstáculos ao financiamento, así coma a aplicación da taxa de reposición están detrás da redución no número de profesores, profesoras e persoal investigador nas universidades galegas. Unha caída que explica unha parte importante da forte diminución (un 19% do total) do número de investigadores e investigadoras na I+D galega dende 2010.
O corpo galego de docentes é un dos máis avellentados de España
Dende hai anos son escasas as novas contratacións, o que ademais provocou un incremento da idade media do profesorado universitario en Galicia, reducindo a proporción de docentes novos e novas. Segundo as estatísticas oficiais que ofrece o MECD, a porcentaxe de profesores e profesoras de menos de 35 anos en Galicia era en 2011 superior ao 7%; tres anos máis tarde é tan só do 4,6% (fronte a unha media do 7,3% no Estado). Pola contra, o profesorado de máis de 60 anos pasou do 14,7% ao 16,1% (superando en moito a media española: 14,6%). O corpo galego de docentes é un dos máis avellentados de España.
A menor renovación do profesorado nos últimos anos tamén supuxo un freo á incorporación de moitas mulleres, de xeito que dende o ano 2010 o número de profesoras e investigadoras descende en termos absolutos, despois de que nas dúas décadas anteriores crecera rapidamente, ata case rozar o 40% do total e dirixíndose, en tendencia, á igualdade numérica cos homes. En 2010 a porcentaxe de mulleres entre o PDI era do 37,9%, hoxe é do 38,2%.