A Xunta autorízalle a CESUGA impartir os graos de Arquitectura e Empresas

Xesús Vázquez preside o Consello de Universidades © Xunta

O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), situado na Coruña poderá impartir no curso 2014-15 o grao oficial de Administración e Dirección de Empresas e o de Arquitectura, despois de que a Consellaría de Educación publicase a necesaria autorización, este xoves no Documento Oficial de Galicia. O Cesuga é un centro privado adscrito á tamén privada Universidad San Jorge de Zaragoza, de carácter confesional, e o seu obxectivo, finalmente acadado, de impartir esas ensinanzas oficiais, chocou nos últimos meses cun frontal rexeitamento por parte das tres universidades públicas galegas.

O seu obxectivo, finalmente acadado, de impartir esas ensinanzas oficiais, chocou nos últimos meses cun frontal rexeitamento por parte das tres universidades públicas galegas

O pasado mes de febreiro o Consello Galego de Universidades deu o seu visto e prace á adscrición do Cesuga á Universidade San Jorge, despois de que nos últimos vinte anos funcionase adscrita ao University College de Dublin. Porén, nesa xuntanza os reitores das tres universidades públicas amosaron a súa negativa a que este centro privado impartise titulacións oficiais destacando, entre outros aspectos, que os plans de implantación e crecemento do Cesuga chocaban contra as intencións do propio Goberno galego de racionalizar o mapa de graos e evitar a duplicidade de títulos. Sinalaban que "mentres a uns se lles pide eliminar os títulos que non sexan eficientes, outros ofertan graos que xa se imparten en Galicia". Ademais, temían que non se lle exixa tanto a este centro privado como ao Sistema Universitario de Galicia e que as regras de xogo sexan distintas, algo que negou a Xunta.

O informe aprobado polo Consello Galego de Universidades non era vinculante, e dependía do Consello da Xunta que se autorizase a adscrición e o inicio da actividade docente por parte do Cesuga, que ademais dous dous graos que impartirá, aspiraba tamén a contar cos de Publicidade e Relacións Públicas e Tradución e Comunicación Intercultural. Será seguramente no curso 2015-16, xa que a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) xa lles deu o seu visto bo.

Os tres reitores denunciaron que os plans de implantación e crecemento do Cesuga chocan contra as intencións do propio Goberno galego de racionalizar o mapa de graos e evitar a duplicidade de títulos

Os responsables de CESUGA amosaron este xoves a súa satisfacción pola autorización concedida pola Xunta e destacaron que o centro "se seguirá caracterizando por preparar os seus estudantes para que poidan desenvolver a súa carreira profesional nun mercado cada vez más internacional, onde a calidade da formación e o dominio do inglés é decisivo". Tamén salientaron "as calidades da Universidad San Jorge", promovida pola arquidiocese de Zaragoza, “con quen compartimos a ilusión, a ambición, a aposta pola internacionalización e, sobre todo, o rigor e o compromiso coa calidade”.

Nos últimos meses os reitores da UDC, da USC e da UVigo lembraron así mesmo que levan tempo reclamándolle ao Goberno central que regule este tipo de centros adscritos, xa que a ausencia dunha normativa clara impide que se garanta que sigan as regras vixentes para as universidades públicas. Hai vinte anos, cando a Xunta aprobou a implantación do Cesuga como centro dependente da University College de Dublín, moitos xustificárono no feito de servir de complementar a oferta universitaria ao ter boa parte da súa docencia en inglés, algo que non ten tanto sentido agora.

Xesús Vázquez preside o Consello de Universidades © Xunta
Instalacións deste centro privado na Coruña © Cesuga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.