Feijóo auséntase da apertura do curso universitario e evita así as protestas

Protestas no Reitorado da Coruña Dominio Público @CIGEnsino

Medio cento de persoas, convocadas por organizacións estudantís como Comités ou a Liga e por CIG-Ensino, concentráronse hoxe no Reitorado da Coruña con motivo da apertura oficial do curso universitario para protestar contra os recortes e a prol do ensino público. Queríanlle facer chegar as súas reivindicacións ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pero tivéronse que conformar coa presenza do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao que apuparon incluso no interior do recinto.

Feijóo é o primeiro presidente da Xunta que non acode ao inicio oficial do curso universitario en Galicia

Metidos xa en precampaña electoral, Feijóo desculpou a súa ausencia por motivos de axenda e converteuse así no primeiro presidente da Xunta que non acode a este tradicional acto para os xefes do Executivo galego. Logo dos discursos do catedrático Francisco Javier Cudeiro -que criticou os recortes- e máis do reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, o conselleiro de Educación aproveitou para anunciar que nas vindeiras semanas presentarase un programa de bolsas para aqueles universitarios galegos que quedaran sen axuda económica por mor dos recortes do Estado.

O discurso do conselleiro Vázquez foi interrumpido pola protestas de algún estudante

Xusto antes da intervención de Jesús Vázquez, e tamén durante o discurso, varias persoas protestaron a berros dentro do Reitorado, mentres o reitor coruñés pedía silencio para escoitar a intervención do conselleiro. Así, a voceira dos Comités, Inma García, acusou a Feijóo de "non quererse enfrontar ás protestas" logo de culpalo do "afogamento" do sistema universitario galego e do ensino público e de advertir do comezo dun calendario de mobilizacións en toda Galicia.

Ademais, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegurou que "os recortes permanentes" poñen "en perigo o sistema universitario público" e lembrou o "grande aumento" do importe das taxas universitarias. O voceiro do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, tamén criticou a ausencia do presidente da Xunta.

Protestas no Reitorado da Coruña Dominio Público @CIGEnsino
Protestas no Reitorado da Coruña Dominio Público @CIGEnsino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.