Ao tempo que a Xunta presume de que o estudantado universitario galego galego terá neste curso as taxas máis baixas de todo o Estado, Persoal de Administración e Servizos (PAS), profesores e estudantes advirten do comezo "dun dos cursos máis desestabilizadores dos últimos tempos" e manifestan o seu "descontento" polas políticas de recortes que están levando a cabo os gobernos do PP nas universidades galegas.
A redución ou endurecemento das condicións de acceso a bolsas para os mozos, o incremento nas taxas da segunda e consecutivas matrículas, os recortes orzamentarios, o empeoramento na condición dos docentes e traballadores ou os duros axustes aos programas da investigacións son algún dos aspectos que se denuncian de cara a un curso que se dá por iniciado esta semana e que, segundo alertan varios sectores, desembocan "nun empeoramento da calidade do ensino público e na elitización económica dos estudos universitarios".
De feito, e na inauguración do curso universitario deste venres na Coruña, Núñez Feijóo atoparase xa coa primeira protesta convocada pola Liga Estudantil e os Comités, organizacións estudantís maioritarias nos campus galegos, que coinciden en advertir "das constantes e graves agresións que está a sufrir a universidade pública" durante os últimos anos, uns ataques que se viron incrementados, segundo denuncian, polos últimos axustes aplicados polo Goberno central desde o pasado mes de maio.
Comités e Liga Estudantil acusan o PP de "elitizar e precarizar o ensino universitario" para "favorecer a privada"
Para Daniel Candal, representante de Comités, a suba das taxas ou a redución de bolsas son só dous exemplos da "vontade" dos conservadores de "elitizar e precarizar o ensino universitario", á vez que "se poñen cada vez máis atrancos ás clases baixas para o acceso a estes estudos". "O PP decidiu recortar o máximo posible no ensino, poñendo en risco o seu servizo universal para a sociedade. Estanlle pechando as portas da Universidade a quen non ten recursos dabondo", denuncia.
Diotino Nóvoa, voceiro da Liga Estudantil, advirte tamén do inicio dun "curso crítico" polos recortes e lembra a "sorpresa" que moitos estudantes levaron nestas últimas semanas ao ver incrementada o importe da súa segunda ou terceira matrícula "nuns 200 euros". Tanto desde a súa organización como desde Comités aseguran que darán "resposta" en forma de "mobilizacións" aos ataques á universidade pública e coinciden en que a convocatoria de eleccións "todos estes problemas se dilúan un pouco e incluso os partidos cambien os seus discursos ao respecto".
Ademais, o horizonte da cita electoral deixou tamén sen resolver, advirten, a Lei de Ordenación do Sistema Universitario Galego que, segundo as dúas organizacións, "abre a vía á privatización da universidade e ao fomento deste sistema de ensino".
Entre o profesorado e o persoal das universidades, o temor é tamén que a campaña electoral apague un pouco a realidade dos recortes. Antonio Pérez Casas, membro do Consello de Goberno e do Consello Social da USC en representación do PAS polo colectivo A Trabe, lembra os axustes sufridos polos traballadores xa na fin do curso pasado e que moitos deles serán aplicados a partir de agora. Entre eles, a elminación das pagas extraordinarias ou da capacidade de negociación das vacacións e de varios dereitos sindicatis.
"A Universidade terá que elixir se vai estar do lado da súa comunidade ou das políticas de axuste"
Así, Pérez Casas insiste, como xa fixera hai meses, que a Universidade atópase "nunha encrucillada", na que terá que "elixir se vai estar do lado da comunidade universitaria ou das políticas de axuste aplicadas polo Goberno".
Pola súa banda, Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na USC e voceira da CIG en temas universitarios, recorda os "duros recortes orzamentarios" sufridos polas universidades nos últimos anos e que derivaron, no caso da de Santiago, na "precarización ou eliminación" de numerosos proxectos de investigación ou de profesorado. "Até o de agora os recortes foron caendo sobre todo no profesorado con contratros a tempo parecial e que tiña outros empregos, pero agora a ameaza estará máis en xente que ten como única dedicación a Universidade... E xa temos precedentes; a situación é dura", di, consciente tamén de que moitos dos axustes que se prevén "posiblemente non se fagan efectivos até que pasen as eleccións".
"Tocáronnos o salarios, a calidade do ensino e a investigación ou as condicións laborais, ademais de prexudicar os estudantes"
"O curso pode ser moi complicado. Tocáronnos o salarios, a calidade do ensino e a investigación ou as condicións laborais, ademais de prexudicar os estudantes coa suba de taxas ou a redución de bolsas... É normal que os mozos se mobilicen", argumenta. "Estase a facer unha selección económica", remata.