O gasto en investigación situouse no ano 2017 no 0,94% do PIB, fronte ao 1,04% de 2008. O indicador medra con respecto ao ano 2016, pero segue moi lonxe da media española (1,21%)
Os recortes que seguiron ao inicio da crise económica golpearon de forma moi importante á investigación e ás universidades. Programas e proxectos ficaron sen financiamento, limitáronse bolsas e contratos e un gran número de traballadores e traballadoras tiveron que marchar fóra para buscar un desenvolvemento profesional nos seus campos. Xa daquela alertábase de que as políticas de I+D+i son como un tren, pesado, que custa poñer en marcha, que funciona ben cando leva un certo período camiñando a unha boa velocidade pero que, se se frea ou se detén, é difícil poñer de novo a camiñar, cando menos no nivel anterior.
O investimento en I+D en Galicia estivo sempre por debaixo da media española e moi lonxe das cifras de boa parte dos países da UE. Durante anos o gasto en investigación foi crecendo de forma paseniña e chegou a acadar o 1,04% do PIB, fronte ao 1,35% do conxunto do Estado, aínda a unha longa distancia do obxectivo fixado pola UE para 2020 na súa Axenda de Lisboa, o 3%. A chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta un ano despois supuxo o inicio dunha fase de descenso neste investimento en investigación e desenvolvemento, que chegou a caer ata o 0,86% en 2016.
O INE vén de publicar este xoves as cifras correspondentes ao 2017, que amosan un incremento neste indicador, que nese ano se situou no 0,94% en Galicia e no 1,21% no conxunto do Estado. O dato galego segue por debaixo do rexistrado en 2008, último ano completo de Goberno de coalicion de PSdeG-PSOE e BNG.
O pasado novembro Feijóo gabábase do investimento da Xunta en I+D, xusto despois de ter decidido dedicar 2,5 millóns deses cartos a construír o novo edificio do Gaiás
O pasado mes de novembro Alberto Núñez Feijóo gabábase do investimento da Xunta en I+D, xusto despois de ter decidido dedicar 2,5 millóns deses cartos a construír o novo edificio do Gaiás.
Observando os indicadores publicados este xoves polo INE advírtese que a situación da investigación en Galicia é moi semellante nas grandes cifras á que se rexistraba no ano 2008, hai unha década. O investimento realizado no noso país supón o 4,1% do que se fixo efectivo no conxunto de España (en 2008 era o 4%). O gasto total, uns 571,6 millóns de euros está lixeiramente por debaixo do dato dese ano (584 millóns). E o persoal empregado nestas tarefas supera un chisco o que traballaba daquela no sector: 10.266 persoas (medidas en xornadas de traballo completas) fronte ás 9.681 que había daquela.