Galicia, nos últimos postos en investimento en I+D+i

Concentración de investigadores ante a sede da Xunta © Precarios Galicia

"O Goberno galego está volcado en crear as condicións que lle permitan aos emprendedores do país volver a crear riqueza e emprego" (15-11-13). "Un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; e un novo modelo de vida saudable cimentado no desenvolvemento tecnolóxico (7-11-13). "O obxectivo é proporcionar oportunidades, frear a migración da xente altamente cualificada do noso país e evitar páxinas en branco na historia da I+D+i galega” (22-10-13). Son tres declaracións recentes, entre moitas outras semellantes, realizadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacando o "esforzo" realizado polo Goberno galego para fomentar o desenvolvemento da I+D+i. 

Galicia supera unicamente a Murcia, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias e Baleares

Porén, por un camiño marchan as palabras e por outro moi distante a realidade e o investimento efectivo que a Xunta dedica a apoiar a investigación e a innovación. Hai uns días a EAE Business School presentou o estudo La Inversión en I+D+i en España, que confirma a evolución seguida por Galicia nos últimos anos de recorte continuado do investimento, que acadou un máximo en 2009, cunha cifra equivalente ao 0,96% do PIB, e que dende entón non fixo máis que descender, para ficar nun 0,87% en 2012. Nese ano o investimento galego reduciuse nun 6,5%, un descenso maior que o experimentado no conxunto de España (-4,4%), e que deixa Galicia como a 12ª comunidade autónoma máis preocupada pola innovación, superando unicamente a Murcia, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias e Baleares.

Isto significa que o seu investimento en I+D retrocede a niveis de 2005, aínda no goberno de Manuel Fraga, e incrementa o seu diferencial negativo con España. Se en 2008, antes do comezo da crise, e aínda co goberno de coalición de PSdeG-PSOE e BNG, o gasto galego en I+D+i supoñía o 4% do total español, hoxe esa proporción é apenas do 3,6%. Sucede o mesmo en canto ao persoal dedicado a tarefas de I+D, que en Galicia pasa de 9.681 xornadas completas a 9.509, un descenso que afecta sobre todo ás mulleres (pasan de 4.089 a 3.968) e ao persoal investigador (pasan de 5.765 a 5.443). O descenso afecta especialmente ao I+D+i que se realiza en Galicia administracións públicas e universidades. Se hai catro anos representaba o 5,7% do total estatal, hoxe é apenas o 5,2%, e o número de traballadores descendeu de 4.654 a 4.411.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 "asume como obxectivo xeral a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España, que en ningún caso debe ser inferior ao 2% do PIB no ano 2015"

Estes datos sitúan Galicia lonxe da media española en investimento (1,30%), de feito que Galicia debería incrementar esta partida nun 50% para poñerse á altura. E, por suposto, moi lonxe de Euskadi (2,19%), Madrid (1,82%), Catalunya (1,51%) e mesmo Castela e León (1,12%). Cómpre indicar que o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 "asume como obxectivo xeral a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España, que en ningún caso debe ser inferior ao 2% do PIB no ano 2015, cifra que nos porá na senda de acadar o obxectivo fixado pola UE para o ano 2020 do 3% do PIB". A tendencia nos últimos catro anos é exactamente a contraria.

  Gasto I+D+i /PIB 2000 Gasto I+D+i /PIB 2005 Gasto I+D+i /PIB 2009 Gasto I+D+i /PIB 2010 Gasto I+D+i /PIB 2011 Gasto I+D+i /PIB 2012 Evolución 2011-2012
Total España 0,91 1,12 1,38 1,40 1,36 1,30 -4,4%
Euskadi 1,16 1,48 2,06 2,03 2,11 2,19 +3,8%
Navarra 0,87 1,68 2,14 2,04 2,08 1,91 -8,2%
Madrid 1,58 1,81 2,05 2,05 1,98 1,82 -8,1%
Catalunya 1,06 1,35 1,68 1,66 1,56 1,51 -3.2%
C-León 0,64 0,89 1,12 1,11 1,03 1,12 +8,7%
Andalucía 0,65 0,84 1,10 1,21 1,15 1,05 -8,7%
C. Val. 0,71 0,98 1,10 1,07 1,03 1,01 -1,9%
Cantabria 0,46 0,45 1,12 1,23 1,08 0,98 -9,3%
Aragón 0,69 0,79 1,14 1,13 0,95 0,93 -2,1%
Asturias 0,82 0,70 1,00 1,06 0,96 0,89 -7,3%
La Rioja 0,57 0,66 1,09 1,07 1,02 0,87 -14,7%
Galicia 0,64 0,87 0,96 0,94 0,93 0,87 -6,5%
Murcia 0,69 0,73 0,89 0,92 0,84 0,83 -1,2%
Estremadura 0,54 0,68 0,86 0,88 0,84 0,77 -8,3%
C.Mancha 0,56 0,41 0,66 0,69 0,70 0,64 -8,4%
Canarias 0,47 0,58 0,58 0,63 0,58 0,51 -12,1%
Baleares 0,22 0,27 0,38 0,43 0,36 0,34 -5,6%

 

Unha política "suicida"

"Este tipo de política de Feijóo é suicida, xa que deixa o país sen unha política estratéxica en materia de innovación"

Xoán Bascuas, secretario xeral de Compromiso por Galicia, referiuse esta semana aos datos publicados neste informe, cualificándoos de moi negativos, e sinalando que "este tipo de política de Feijóo é suicida, xa que deixa o país sen unha política estratéxica en materia de innovación". Bascuas cre que Feijóo “quere condenar Galicia á fame”, xa que é con este tipo de proxectos “a forma na que as sociedades avanzadas progresan e saen adiante”. De xeito específico, Bascuas indica que os recortes "foron particularmente duros" no referido aos proxectos de I+D+i no ámbito universitario, o que provocou e segue a provocar “unha descapitalización das universidades galegas na medida en que os investigadores mozos se ven na obriga de marchar cara outros países”. O líder de CxG contrapuxo finalmente a política de investimento de Feijóo neste ámbito con outros países europeos con maior inversión, como Finlandia, Suecia e Dinamarca, con ratios do 3,55%, do 3,41% e do 2,99% respectivamente, “e que dende Compromiso por Galicia temos como referencia neste tipo de políticas”.

Concentración de investigadores ante a sede da Xunta © Precarios Galicia
Acto de protesta no Instituto de Investigacións Mariñas en Bouzas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.