Este xoves o INE fixo públicos os datos da súa enquisa anual sobre investimento en I+D, con dous grandes titulares para o conxunto de España: descende o investimento total en I+D até o 1,3% do PIB, por debaixo da cifra de 2008 e moi lonxe do obxectivo fixado pola UE para 2020 na súa Axenda de Lisboa, do 3%, e lonxe tamén do 2% que en 2005 Zapatero situaba como obxectivo para 2010. O outro gran titular é que por vez primeira o sector empresarial foi a principal fonte de financiamento das actividades de I+D, cun 45,6%, fronte ao 43,1% da administración pública. Iso si, o cambio non foi froito do desexado incremento de peso do investimento en ciencia e tecnoloxía por parte da empresa privada, senón de que as empresas reduciron un pouquiño menos que o sector público a súa achega.
O investimento en I+D, que sempre se situou por debaixo da media do Estado, cae máis que a media, retrocede nun ano so 0,94% ao 0,87%, a niveis de 2005, aínda no goberno de Fraga
En canto a Galicia, a situación é mesmo máis negativa. O seu investimento en I+D, que sempre se situou por debaixo da media do Estado, cae máis que a media, retrocede nun ano so 0,94% ao 0,87%, a niveis de 2005, aínda no goberno de Manuel Fraga, e incrementa o seu diferencial negativo con España. Castela e León é a única comunidade autónoma que incrementa o seu gasto en I+D, polo aumento do gasto empresarial. Euskadi (cun investimento do 2,19% do PIB), Navarra (1,9%), Madrid (1,8%) e Catalunya (1,51%) son os territorios cun meirande esforzo en innovación.
03 | 04 | 05 | 06 | 07 | 08 | 09 | 10 | 11 | 12 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
España | 1,05 | 1,06 | 1,12 | 1,20 | 1,27 | 1,35 | 1,39 | 1,40 | 1,36 | 1,30 |
Galicia | 0,85 | 0,85 | 0,87 | 0,89 | 1,03 | 1,04 | 0,96 | 0,94 | 0,94 | 0,87 |
Galicia perde peso no conxunto do Estado en I+D+i. Se en 2008, antes do comezo da crise, e aínda co goberno de coalición de PSdeG-PSOE e BNG, o gasto galego en I+D+i supoñía o 4% do total español, hoxe esa proporción é apenas do 3,6%. Sucede o mesmo en canto ao persoal dedicado a tarefas de I+D, que en Galicia pasa de 9.681 xornadas completas a 9.509, un descenso que afecta sobre todo ás mulleres (pasan de 4.089 a 3.968) e ao persoal investigador (pasan de 5.765 a 5.443). O investimento recortouse neste tempo en case todas as comunidades autónomas, pero nunhas máis ca noutras, polo que en termos proporcionais as diferenzas son notables. Así, mentres nestes catro anos Galicia diminúe a súa achega ao total, crece a de Andalucía (pasa do 10,5% ao 11,1%), Navarra (do 2,4% ao 2,6%) e Euskadi (do 9,2% ao 10,7%).
O descenso afecta especialmente ao I+D+i que se realiza en Galicia administracións públicas e universidades
O descenso afecta especialmente ao I+D+i que se realiza en Galicia administracións públicas e universidades. Se hai catro anos representaba o 5,7% do total estatal, hoxe é apenas o 5,2%, e o número de traballadores descendeu de 4.654 a 4.411. Os datos son mellores para Galicia no que se refire á empresa privada, sobre todo as dedicadas á alta tecnoloxía. Tamén descende proporcionalmente o investimento (do 3,5% ao 3,2%) pero aumenta o persoal (de 3.557 a 3.610). De feito, en 2008 había en Galicia 106 empresas manufactureras de alta e media-alta tecnoloxía que empregaban 654 traballadores; hoxe o número de empresas é menor (103), pero nelas traballan 1.026 persoas. O mesmo sucede coas empresas de servizos de alta tecnoloxía, unha categoría na que tamén descende o númeto de empresas (de 163 a 140), pero na que aumentan as xornadas laborais (de 1.164 a 1.250).
O desenvolvemento truncado da ciencia en Galicia
En 2008 o esforzo económico en innovación acadou o seu máximo, superando o simbólico 1% do PIB, pero dende entón o investimento non deixou de descender
Galicia experimentou unha notable evolución no seu esforzo de investimento en I+D durante o período 2000-2010, xa que os recursos económicos destinados a esta actividade se multiplicaron por 2,5 até superar os 531 millóns de euros en 2010. En 2008 o esforzo económico en innovación acadou o seu máximo, superando o simbólico 1% do PIB, pero dende entón o investimento non deixou de descender.
A ciencia en Galicia depende fundamentalmente do sistema universitario, que executou o 43% dos recursos destinados a esta actividade durante a pasada década. A participación media do sector empresarial e das entidades sen ánimo de lucro situouse un punto por baixo (42%). O 15% restante correspondeu ás administracións públicas. Este esquema é moi diferente do que sucede no Estado ou nos 27 países da Unión, onde o gasto foi liderado polas empresas e fundacións, cun 54% e un 64% do total, respectivamente. Esta realidade é a que determina na actualidade que Galicia sexa unha das comunidades que máis están a sufrir o recorte do investimento público en I+D.