Os ata 15 millóns que a Xunta pon no "broche final" do Gaiás sairán do orzamento de investigación universitaria

Feijóo e a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, asinando o convenio para o traslado do Incipit ao Gaiás CC-BY-SA David Cabezón / Xunta de Galicia

"Que boa forma de finalizar a Cidade da Cultura no Luns de Paixón;  unha forma moi interesante e moi anecdótica de como poñemos o broche final a esta obra complexa". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresaba o pasado luns deste xeito a súa satisfacción na sinatura do convenio para trasladar o o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), á nova e -a priori- derradeira construción do Gaiás, o edificio Fontán.

A chegada ao Gaiás deste organismo do CSIC non estaba prevista cando Feijóo anunciou a construción do edificio Fontán nin cando a Xunta ratificou a súa construción mediante un convenio 

A instalación do Incipit no compostelán monte Gaiás supón a enésima viraxe do proxecto iniciado hai agora vinte anos e que na última década foi mudando de contedor sen contido a un complexo a medio camiño entre o expositivo, o administrativo e o tecnolóxico. A chegada á Cidade da Cultura deste organismo do CSIC non estaba prevista cando, a mediados de 2018, o propio Feijóo anunciou a construción do edificio Fontán para acoller diversas instalacións das tres universidades. Tampouco cando, tras a moción de censura, o presidente galego reclamou a Pedro Sánchez fondos para o edificio, que agora chegan. E tampouco cando, o pasado verán, a Consellería de Cultura -aínda como Consellería de Cultura e Educación- asinou coa Fundación Cidade da Cultura o convenio para financiar a súa construción, documento que ratifica que os fondos sairán das partidas de investigación universitaria.

Detalle do financiamento e cronograma do edificio Fontán no convenio asinado pola Consellería de Cultura coa Fundación Cidade da Cultura CC-BY-NC-SA Praza Pública

As obras do novo edificio foron encomendadas a unha das empresas que ía construír o teatro inicialmente previsto neste espazo

As obras do novo edificio, encomendadas a unha das empresas que ía construír o teatro inicialmente previsto neste emprazamento, foron adxudicadas por 14,7 millóns de euros. Pero a Xunta reservara ata 17 millóns para esta finalidade. Así o especifica no devandito convenio, no que detalla como irán saíndo fondos das partidas de investigación universitaria dos Orzamentos Xerais da Xunta cara á Fundación Cidade da Cultura ata 2021.

O convenio, asinado o 4 de xullo de 2018, estipulaba que nese propio ano sairían do orzamento de I+D universitario os primeiros 700.000 euros e así sucedeu apenas dúas semanas despois. Para este ano a previsión é achegar 3,5 millóns -2,5 xa están incluídos nos Orzamentos Xerais vixentes-, para 2020 resérvanse ata 8,3 millóns e en 2021a previsión é de 4,5. Así a ata chegar ata 16,99 millóns. 

Os case 17 millóns reservados pola Xunta para o edificio Fontán redúcense agora nuns 2 millóns pola achega do CSIC

En total, case 17 millóns de euros que a Xunta prevía manter reservados para esta finalidade aínda que, como sucedeu, a adxudicación do contrato fose por un importe menor, para afrontar así eventuais sobrecustos por "posibles modificacións do proxecto" -a Cidade da Cultura acumula un longo historial de sobrecustos-. Tamén posibles gastos de mobiliario e equipamento. 

Así e todo, agora os montantes finais vanse "reducir" en 2,4 millóns, os que pon o CSIC por ocupar unha "quinta parte da superficie útil do edificio". Daquela, en principio a achega autonómica procedente de partidas de investigación universitaria -tanto do plan de financiamento das universidades como de fondos propios da Xunta- roldará os 15 millóns.

Recreación do futuro edificio Fontán na Cidade da Cultura Dominio Público Xunta de Galicia

Antes de chegar a este acordo coa entidade científica estatal os plans do Goberno galego acordados por "unanimidade" coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo xa pasaban por instalar no novo edificio un centro de "investigación de calidade nos campos das Humanidades e Ciencias Sociais", denominado "provisionalmente" como "Centro Europeo de Investigación de Paisaxes Culturais" e "destinado, entre outros obxectivos, ao impulso do Camiño de Santiago". 

A entidade dependente do CSIC compartirá instalacións no Gaiás con varios organismos universitarios e a Xunta prevé "explorar a posibilidade de reubicar" alí o Centro de Supercomputación de Galicia

Xunto á nova incorporación Cultura prevé que estean as sedes da xa existente Axencia para a Calidade do Sistema Universitario e do "novo Consorcio Interuniversitario de Galicia". O convenio inicial tamén contemplaba, sen especificar máis, "explorar a posibilidade de reubicar" alí o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

A documentación do proxecto xustifica a oportunidade de construír o edificio Fontán, non contemplado no proxecto orixinal de Peter Eisenman aprobado pola Xunta hai agora vinte anos, porque "permite solventar os efectos negativos do impacto visual" que causa o buraco no que ía estar o teatro da ópera nunca construído. "Conséguese así unha harmonía paisaxística (...) e unha percepción no visitante dun proxecto completo e non en constante construción", conclúe a memoria xustificativa do convenio. Só en obras a Xunta ten previsto destinar ao Gaiás un montante total de 27 millóns de euros ata 2021

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.